sábado, 13 de abril de 2024

Barrabás

A Semana Santa rematou coa proxección de "Barrabás" no luns de Pascua, no espazo de cine clásico da 2. Xa dixen aquí moitas veces que as películas de temática bíblica non me desagradan en absoluto, contan historias ben interesantes con moita épica. Pero recoñezo que esta non a coñecía nin oíra falar dela, pero non estivo nada mal.

"Barrabás" foi dirixida polo versátil Richard Fleischer en 1961. O elenco tiña moitas estrelas, como  Anthony Quinn, Silvana Mangano, Katy Jurado, Arthur Kennedy, Harry Andrews, Ernest Borgnine, Vittorio Gassman e Jack Palance. Como vedes, era toda unha superprodución. A película está baseada nunha novela dun autor sueco chamado Par Lagerkvist, totalmente descoñecido para min, pero que ganou o Premio Nobel de Literatura en 1951.

A historia é unha recreación da vida de Barrabás (penso que non se sabe apenas nada sobre el), o ladrón que foi liberado no lugar de Xesucristo, posto que xa naquela época existía xa o hábito de liberar a algún preso durante a pascua xudea.

Cando volve xunto aos seus colegas, que son tamén bastante tunantes, resulta que Raquel, a muller de Barrabás, cambiou totalmente de actitude ante a vida e é unha fiel seguidora de Xesucristo. El non a cre e búrlase dela, pero ela acaba sendo lapidada, e el véngase dos que promoveron a súa lapidación, e é condenado de novo. Pero a lei non permite axustizar a un indultado e é enviado ás miñas de xofre de Sicilia.

Alí coñece a algún outro seguidor cristián, que comezan a proliferar, aínda que son máis ben clandestinos, porque aínda non son ben vistos. Salvan a vida de casualidade traballando nesas durísimas minas, e un prefecto da zona que é elixido senador nese intre considera que Barrabás e o seu colega cristián son esencias na súa boa sorte, así que o levan con eles a Roma.

Alí comezan na escola de gladiadores e pásanlles historias ben curiosas. Recoñezo que as esceas dos adestramentos que facían con "máquinas" na escola de gladiadores son bastante simpáticas e amenas. Finalmente acaba estando bastante unido á comunidade cristiá que nese momento é acusada do incendio de Roma, e morre crucificado con moitos deles.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...