martes, 3 de novembro de 2026

Doce do patíbulo

Hai xa unhas semanas, botaron no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, a famosa película "Doce do patíbulo" (no orixinal era a "Ducia Sucia"). Era bastante longa, así que non a vin cando se proxectou, pero estivo algún tempo en RTVE Play, así que aproveitei para vela alí. Tiña certas dúbidas de se a vira antes, e si é certo que me soaban algunhas esceas do comezo e o final, pero toda a parte central non me soaba de nada. Como o cine bélico non me gusta nada (agás honrosas excepcións), xa fixen o traballo e non me apetece repetir.

"Doce do patíbulo" foi dirixida en 1967 por Robert Aldrich. Os doce patibularios estiveron interpretados por Charles Bronson, Jim White, John Cassavettes, Trini López, Telly Savalas, Donald Sutherland, Clint Walker, Tom Busby, Ben Carruthers, Stuart Cooper, Colin Maitland e Al Mancini. Nos postos algo máis elevados do escalafón militar estaban actores como Lee Marvin, Ernest Borgnine, Richard Jaeckel, George Kennedy, Ralph Meeker e Robert Ryan. Como vedes, un elenco bastante destacado, pero todo masculino, claro.

A historia é razonablemente simple. A un mando do exército estadounidense na II Guerra Mundial, que xa é coñecido por ser bastante indisciplinado e non está moi ben considerado, algúns superiores suxírenlle que forme practicamente a un batallón suicida, formado por presidiarios do seu propio exército, con penas moi longas por unha indisciplina aínda maior. O obxectivo é atacar por sorpresa unha mansión en Francia onde se reúnen os altos cargos do exército alemán para descansar da guerra.

Vainos instruindo para conseguir ese obxectivo, pero aos poucos van pasando cousas que complican a misión, pero finalmente lévase a cabo, e máis ou menos conseguen o obxectivo, pero a meirande parte dos presidiarios non sobrevive para contalo.

Saúdos.



luns, 19 de outubro de 2026

Silvio Rodríguez

A verdade é que xa non contaba eu con esta visita. Polo que dicían naqueles días (xa pasou hoxe xusto un mes dende o concerto), había 15 anos que non tocaba en Galicia, e daquela fixérao tamén no Coliseum da Coruña. Eu, que daquela non tivera nunca a oportunidade de velo en directo, pensei que ía ser a primeira e última vez, pero vese que non. Silvio Rodríguez xa anda cerca dos 80 anos, e como siga con esta cadencia, creo que xa vai ser complicado que volva a velo. Éche o que hai. Pero o caso é que con esa idade segue mantendo o impresionante timbre de voz da súa xuventude (podedes comprobalo no vídeo).

Eu cheguei xustiño para o concerto, non por compromisos previos, senón porque xa o fixen así a propósito, para non ter que aturar colas nin longas esperas. Polo que oín despois (se o anunciaron, eu non me enterei), o grupo Escuchando Elefantes fixeron de teloneiros, pero eu non cheguei a velos, porque sentei na miña localidade 2-3 minutos antes do comezo do concerto. Estivo moi ben, eu quedei moi satisfeito, pero polo visto, a outros non lles pasou o mesmo.

Cando saía, coincidín cun grupo que ían dicindo que ían algo decepcionados, porque non tocara moitos dos super-éxitos dos primeiros discos. E algo de razón non lles faltaba, non tocou demasiadas cancións desa época, catro ou cinco, como moito. O que pasa é que con Silvio Rodríguez, polo menos a min, sucédeme algo que non me sucede con case ningún outro cantante ou grupo. Na maioría dos grupos, o mellor con diferenza do seu repertorio está nos catro ou cinco primeiros discos, e a partir de aí, a merma no talento é tanta, que calquera canción posterior desentona moito con respecto ás primeiras. Pero no caso de Silvio non sucede tanto iso. Non botei a conta, pero creo que se poden escoitar moitas cancións de discos como o décimo ou duodécimo e tamén están moi ben, non tanto como as primeiras, pero non desentonan apenas nada. E parece que iso foi o que fixo, tocou máis cancións da "serie B" do seu repertorio do que antes era habitual. Pero é que a serie B de Silvio é mellor que a serie A de case calquera outro.

O grupo estaba formado por un guitarrista, un tañedor de tres (que será, un tresero?), un contrabaixista, un batería e percusionista, unha muller que tocaba a frauta, saxofón e clarinete (creo que é a súa parella), e unha rapaza que facía os coros, tocaba de cando en vez un teclado e algo de percusión. Como anécdota, as dúas mulleres e máis el levantáronse no medio do concerto e foron a un curruncho do escenario para tocar "La belleza" de Luis Eduardo Aute.

Saúdos.



domingo, 18 de outubro de 2026

Terras afastadas

Debo estar bastante liado, porque teño pouco tempo para publicar aquí. Dígoo porque esta película xa a vin hai máis dun mes, e xa non lembro demasiado. É un western algo peculiar. Normalmente nas películas dese xénero hai calor e po, pois nesta hai algo de auga e neve, porque transcorre pola zona de Seattle, e despois en Alaska e Canadá, incluso hai algún alud de neve. Pero vaia, a temática é máis ou menos a dos western.

"Terras afastadas" foi dirixida en 1954 por Anthony Mann e os principais papeis do elenco foron para James Stewart, Ruth Roman, Corinne Calvet, Walter Brennan (un dos poucos actores que ganou tres Oscars, pero no seu caso sempre foi como actor de reparto, se non me engano) e John McIntire.

Jeff Webster é un vaqueiro algo individualista e pouco sociable que leva xunto ao seu colega inseparable Tatum un rebaño de vacas dende Wyoming, ata Seattle, para embarcalas alí e levalas a Alaska (como vedes, a temática é máis ou menos a de sempre pero con variantes territoriais curiosas). Pero algo pasou nese traxecto porque os outros dous vaqueiros que viñan con eles intentan atacalo ao chegar ao porto de Seattle, e en canto marchan, o primeiro que fan é ir á autoridade a acusalo de ter matado a outros dous vaqueiros que viñan con eles. Pero conseguen embarcar o gando e esquivar a primeira bala da xustiza. No barco tamén está a piques de ser apresado, pero consegue evitalo grazas a unha fermosa muller chamada Ronda, que lle axuda por razón descoñecida.

Chegan a unha cidade con moita vida de Alaska chamada Dawson. E alí a autoridade a representa un tipo bastante turbio chamado Gannon, que é o máis rico da vila, administra a xustiza sempre ao seu favor, ou sexa, é un auténtico cacique. Resulta que Ronda, a muller que o axudou no barco, é a propietaria do bar máis concorrido de Dawson. E tamén anda por alí Renee, outra fermosa rapaza, moi querida por todo o mundo, pero moito máis nobre e bonachona, e que namora de Jeff.

Jeff e Tatum deciden levar o gando para Canadá, e alí unirse á busqueda do ouro (estamos a finais do século XIX). Van perseguidos por Gannon, que obviamente ao cruzar a outro país xa anda con algo máis de coidado, pero alí tamén ten aliados cos que intentar chantaxear a Jeff e aos demais.

O que dicía, como vedes, algo así como un western, pero polo menos está ambientado en lugares pouco frecuentados polo cine de Hollywood nesa época e temática.

Saúdos.



domingo, 11 de outubro de 2026

As gardiás ou o nó do tecelán

Ultimamente estou bastante liado e non puiden publicar aquí ningún artigo, aínda que si asistín a algúns eventos, como esta obra de teatro, que non estivo mal. 

O autor orixinal é o francés Nasser Djemaï, foi adaptada ao galego por Vanesa Sotelo, traducida polo profesor xa falecido Henrique Harguindey e dirixida por Cristina Domínguez. A montaxe foi das compañías Teatro de Ningures e Amarelo Teatro, e o elenco estivo formado polas actrices Casilda Alfaro, Pepa Barreiro, Melania Cruz, Rebeca Montero e Sonia Rúa.

A temática é algo curiosa, pero non descarto que a sociedade non se dirixa xa cara a ese horizonte. Catro mulleres xubiladas que se coñeceron traballando na mesma fábrica téxtil viven xuntas na mesma vivenda en moi boa harmonía. Todas teñen as súas respectivas casas, pero nesta vivenda vive unha delas, que era a líder sindical, moi querida por todas, pero que agora está impedida nunha cadeira de rodas, e non é autónoma, así que elas bótanlle unha man, e de paso, viven xuntas e felices.

Un día chega a filla da minusválida de visita, e iso non é bo agoiro. É unha boa muller, pero as poucas veces que vén, porque vive lonxe, sempre hai unha pequena revolución. E sobre todo temen a súa reacción ao saber que xa as outras tres se mudaron para esa vivenda e ocuparon as diferentes estancias da mesma.

Ela vén coa intención de levar á súa nai a unha residencia non barata da cidade na que ela vive agora, e pretende pagar ese elevado gasto alugando o piso da súa nai que quedaría baleiro. Obviamente, isto non agrada en absoluto a ningunha das catro mulleres e comeza unha tensa disputa para impedilo.

Saúdos.



venres, 4 de setembro de 2026

A velada de Londres


Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras da compañía, Xavier Castiñeiras, foi alumno de Manuel Lourenzo, e esta foi a forma que atoparon de homenaxear ao que foi o seu mestre, falecido o pasado ano 2025.

A obra foi máis ben breve, dunha hora, e había poucos actores sobre o escenario, ou sexa, moi na liña do que era o teatro de Manuel Lourenzo, que pode verse aínda nas montaxes de Casahamlet, escola de teatro coruñesa fundada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández en 1998. Actuaron Xurxo Cortázar, Teo Piñeiro, Sophia Rodal e tamén estivo a soprano Esperanza Mara cantando e tocando o violonchelo.

Como en tantas outras obras de Manuel, era unha reinterpretación dun mito ou obra clásica. Neste caso é do mito de Drácula, e presenta a Jonathan e Mina Harker despois da visita do inglés a Transilvania, de onde volve obsesionada coa figura de Drácula. Tamén aparece un estraño e enigmático doutor que semella ser o temible e fascinante Conde.

Teño que recoñecer que non me gustou demasiado, pero tampouco me sorprendeu, porque sempre me pasa o mesmo coas obras deste autor. Son habitualmente moi pretenciosas ou transcendentes, pero a min non me transmiten case nada. Cousas que pasan.

Saúdos.

luns, 31 de agosto de 2026

Romería de Santa Margarita 2026

Nesta última fin de semana de agosto tivo lugar a tradicional Romería de Santa Margarita, que pecha as coruñesas festas do verán. Nesta ocasión o tempo foi mellor que na edición anterior, no que houbo que suspender algunhas das actuacións por unha climatoloxía bastante adversa.

Nesta ocasión puiden ir a ver poucos concertos, pero vou dicir todos os que houbo, dentro das partes da festa que a min me interesaban, claro:
- O máis singular foron as dúas actuacións de Pärbo (Begoña Riobó e Anxo Pintos) no Planetario da Casa das Ciencias. O resto foron no Auditorio, como habitualmente.
- O venres 28 houbo a habitual Festa do Folklore, coas actuación de Donaire, Aturuxo, Son D'Aquí, Xacarandaina e Cántigas da Terra.
- O sábado 29 tocaron Unto Vello, Os Viqueiras e Alana.
- O domingo 30 tocaron os irlandeses Dervish, as asturianas Herbamora e o galego Mondra. Este foi o único día que puiden ir, e vin os dous primeiros concertos.

Dervish debe ser un dos grupos máis veteranos que quedan na escena folk. En Galicia son máis veteranos Milladoiro e Luar na Lubre, pero nos outros países celtas non sei se quedará alguén que leve máis tempo, se cadra Capercaillie. Comezaron en 1989 e incluso participaron no ano 2007 en Eurovisión representando en Irlanda, aínda que quedaron en última posición. Deume por escoitar esa canción (que non tocan nos seus directos, non me estraña) e non representa apenas o seu estilo, e ademais pareceume bastante mediocre. Cousas que pasan. Están ben, pero resúltanme un pouco monótonos. Destaca a voz de Cathy Jordan, pero canta só en 3-4 cancións. Xa todos os compoñentes andan sobre os 60 anos, agás o guitarrista, que semella bastante máis novo. 

Herbamora é un grupo de cantareiras e pandereteiras asturianas, que nalgunhas cancións déixanse acompañar por un percusionista, un bouzouki e un acordeón, e tamén levan algúns sons pregravados. Como sempre resulta con este tipo de grupos, é moi agradable de ver e de oír. Levan xa uns 20 anos tocando e xa sacaron 3 discos.

Saúdos.




domingo, 30 de agosto de 2026

O bosque de Ancines

Despois de descubrir na súa fondura durante este verán a fascinante figura de Manuel Blanco Romasanta, resulta que tiña na casa dende hai máis de 20 anos unha novela que estaba totalmente baseada na súa figura, e que conta a súa historia con bastante fidelidade. Cambian os nomes, os topónimos e algunhas cousas do seu final, como o xeito de apresalo. Pero en xeral resulta bastante fiel. A novela é "O bosque de Ancines", escrita polo coruñés Carlos Martínez-Barbeito. Debeu ser o seu principal éxito, e estivo a piques de gañar o Premio Nadal con ela no ano 1945. No ano 1970, o director Pedro Olea fixo unha película baseada nesta novela e titulada "O bosque do lobo". Vina hai moitos anos pero agora apetecíame bastante vela de novo.

Nesta novela ao suposto lobishome chámanlle Benito Freire. Fai de buhoneiro nalgún sitio que semella estar na provincia de Ourense, pero como están todos os topónimos cambiados, tampouco queda moi claro. É no interior de Galicia. Cando comeza a novela, xa cometeu os primeiros asasinatos, finxindo que levou a varias mulleres dunha aldea de criadas a Cantabria. Cando volve alí, presenta cartas supostamente escritas por elas nas que contan o ben que lles vai, e animando a máis mulleres da aldea a facer o mesmo, e así Benito ten máis vítimas e ganancias, sen elas sabelo, obviamente.

A principal diferenza que atopei foi o modo de apresamento. Na realidade de Manuel Blanco Romasanta, na súa zona xa comezaban a sospeitar del, debido a que descubriron que estaba vendendo obxectos e prendas das mulleres que supostamente levou a Cantabria. Así que decidiu ir de segador a Castela, como facían tantos galegos naquela época. Pero nunha vila de Toledo coincidiu con varios veciños da súa zona, que o recoñeceron e o denunciaron. Alí xa o apresaron e fixeron os primeiros interrogatorios, onde negou todo. Pero cando o trasladaron ao xulgado de Allariz xa comezou a recoñecer as mortes, e incluso intentou atribuírse outras que non eran súas, senón dos verdadeiros lobos. Nese momento comezou a súa invención de que era un lobishome, ata ese intre só pensaban que era un ladrón e asasino, e algúns insinuaban se sería o "Home do unto", que mataba ás súas vítimas para sacarlles o unto e facer obxectos moi valorados na época como xabróns.

Na novela tamén comezan a sospeitar del por algo parecido, por vender obxectos que todo o mundo sabía que eran doutras persoas, pero entón fan unha batida de caza polo bosque de Ancines, onde supoñen que está escondido, e efectivamente é así e o apresan. Outra invención da novela é o asasinato doutra muller coa que se levaba moi ben, xa que facía para ela de correo co seu mozo, un tipo de Astorga que tiña fama de donjuan. O máis parecido da realidade a iso foi que o seu primeiro crime real, que non tivo nada que ver cos que fixo despois, foi a un alguacil de Ponferrada que lle foi reclamar unha débeda.

Por certo, esta novela estaba nunha colección publicada pola Voz de Galicia no ano 2004, con obras de autores galegos en castelán.

Saúdos.

Doce do patíbulo

Hai xa unhas semanas, botaron no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, a famosa película "Doce do patíbulo" (no orixin...