venres, 30 de xullo de 2021

Historia de Galicia

Non hai moitos días lía unha "Historia Xeral da Literatura Galega" editada por A Nosa Terra. E lembraba que hai anos tamén lera unha "Historia Xeral de Galicia" nunha primorosa edición desa mesma empresa. Tristemente, creo que foron os dous únicos libros desa colección de historias xerais. Pero a carón do primeiro deses libros atopábase outra "Historia de Galicia" editada por Xerais e escrita polo eminente historiador (especialista en Historia medieval) Anselmo López Carreira, que tamén participara no outro libro de historia antes mencionado (eran 4 ou 5 autores diferentes).

Pois acabo de devoralo en poucos días, e sen facer un grande esforzo. Certo é que non é unha super-enciclopedia moi profunda. O autor e a editorial decidiron facer un volume máis liviano e meteron a historia de Galicia en algo menos de 300 páxinas, así que se fixo moi doado de levar. E máis coa magnífica redacción e estruturación de contidos.

Houbo algunhas cousas que me chamaron a atención, como o de dedicar varias páxinas (tendo en conta que o libro xa non era moi extenso) a poñer fragmentos da obra de San Martiño de Dumio (século VI, na época do reino suevo). Está claro que desa época hai moi poucos documentos, e a obra dese autor si está moi ben conservada, pero penso que tampouco era preciso estenderse tanto nese tema.

Tamén me chamou a atención que nas últimas páxinas, cando se fala de Transición en Galicia, e se menciona o case único e breve goberno da Xunta que non foi de signo conservador e no que había nacionalistas, non menciona que un par de anos antes houbera un movemento social de forte oposición a Fraga que podería, se cadra, explicar en parte a efémera derrota electoral do PP. Foi Nunca Máis, como resposta á nefasta xestión do catástrofe realizada polos gobernos conservadores de Compostela e Madrid.

Pero vaia, que son dous pequenos detalles, que a outra xente non lle chamarían a atención. Está claro que cando intentas meter varios miles de anos de historia dun territorio pequeno como este nun libro de 300 páxinas, cada un o faría ao seu xeito. Pero é mellor que ese labor a faga Anselmo, que é experto nese tema e xa o demostrou sobradamente moitas veces, e esta vez tamén, claro.

Saúdos.



O Val dos Reis

Ás veces atópanse películas raras e algo insustanciais que apuntaban mellores maneiras. Neste caso, estaba ambientada en Exipto a comezos do século XX, trataba sobre os arqueólogos que buscaban tumbas, e foi rodada nos anos 50 con varias figuras do cine daquela época. Así que probei, pero o resultado non foi gran cousa.

A película foi rodada en 1954 e dirixida por un tal Robert Pirosh, do que eu non oíra falar na miña vida. Os dous papeis principais son para Robert Taylor e Eleanor Parker, pero o terceiro papel en discordia foi para un tal Carlos Thompson, actor arxentino do que eu tampouco oíra falar, e que protagonizou algunhas películas de Hollywood.

Robert Taylor é un arqueólogo que está en Luxor excavando tumbas. Chega xunto a el a filla dun antigo mestre e compañeiro seu, que obviamente protagoniza Lana Turner. E xunto a ela chega o seu novo marido, a quen coñece dende hai un ano (Carlos Thompson, obvio tamén). A idea básica e case única da película é que o pai dela, que era moi relixioso, estaba convencido de que un faraón chamado Ra-hotep, do que apenas case ninguén oíu falar, foi quen reinaba no tempo no que José estivo co seu pobo hebreo en Exipto. Estaba obsesionado con atopar a súa tumba para ver se alí había algún tipo de proba de que a historía bíblica era veraz e non mítica.

Ela guíase polo amor filial, o arqueólogo é moi escéptico e ateo e non cre nesa posible conexión, pero como a muller lle gusta bastante, tira para diante. E o marido éche unha boa peza, que ao principio non o parecía, pero despois si, porque descúbrese que está aliado con ladróns de tumbas. Así que a cousa acaba ben e as dúas estrelas emparelladas, como non podía ser doutro xeito.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...