domingo, 31 de xullo de 2022

SuperLópez

Non tiña eu intención de ver máis películas nadas do enxendro creado entre Cuatro e Telecinco, pero un día destes anunciaron que ían botar "SuperLópez", personaxe de cómic (se cadra debería dicirse "tebeo") ao que lle tiña certo aprezo, e da que vira algunha escea illada que me fixera algo de graza, e animeime.

Foi dirixida en 2018 por Javier Ruiz Caldera e os principais papeis do elenco foron para Dani Rovira, Alexandra Jiménez, Julián López e Maribel Verdú. Debo recoñecer que me sorprendeu agradablemente o nivel dos efectos especiais nos breves momentos nos que aparecían habitantes doutros planetas ou algo similar, estaban bastante conseguidos.

A historia non ten moita chicha. Como supoño que sabedes, é unha parodia de Superman, película moi exitosa que se presentou pouco antes de que o debuxante Jan comezase a facer esta versión paródica da idiosincrasia española.

SuperLópez nace no planeta Chitón, e como alí hai unha dictadura, os pais deciden enviar ao seu fillo recén nado nun pequeno cohete. Ágata, a filla do ditador, e á que xa se lle ve mala fe, decide fuxir noutro cohete xunto ao do superheroe, para rematar con el, que é o xerme da futura rebelión. Por un choque contra un satélite, o cohete de SL acaba en España, e o de Ágata, que acaba gobernando o mundo dende unha importante empresa tecnolóxica, remata en Estados Unidos, que é onde se supoñía que ían os dous.

En España, SuperLópez intenta pasar desapercibido, aínda que xa percibe claramente que ten algunhas cualidades que o fan superior aos demais, pero úsaas moi pouco e cando ninguén se decata, para propósitos menores. Pero intentando salvar un metro que vai estrelarse, Ágata descubre que el é o neno ao que pretendía perseguir e aniquilar.

Polo medio de todo isto, está unha antiga compañeira de universidade que entra a traballar na mesma empresa na que xa está el, que se chama Luisa Lanas (un guiño á Louise Lane de Superman, claro), e a estraña relación con Jaime, un compañeiro de empresa que fai de xefe seu aínda que non o é, e que semella ser o seu único amigo, porque é un pouco rariño.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...