domingo, 14 de xaneiro de 2024

O tormento e a éxtase

Oín falar desta película hai anos, e creo que vin algúns fragmentos, que me deixaron moi bo sabor de boca. Hai algún tempo vin que a proxectaban en TeleVigo (e alí non teñen un grande stock de películas, así que as repiten con certa frecuencia) nun horario que non me valía, así que só era cuestión de esperar. Hai unha semana botárona de novo, e non a deixei escapar. E mira ti, poucos días máis tarde van proxectala tamén no espazo de cine clásico da 2. Os amantes do cine clásico estamos de noraboa. En TeleVigo teñen moito cine clásico e de certa calidade, pero non son moi rigorosos cos horarios, aínda que non botan publicidade polo medio.

"O tormento e a éxtase" ("A agonía e a éxtase" no orixinal e na tradución para Latinoamérica) foi dirixida en 1965 por Carol Reed. No elenco destacan os dous actores que rivalizan na trama, Charlton Heston e Rex Harrison. Charlton Heston tenme moi desconcertado co seu traballo actoral, hai películas nas que parece ter parálise facial, e outras coma esta, nas que está sublime. Dos secundarios, a verdade é que non me soaba case ninguén, só Harry Andrews, que facía do arquitecto Bramante. E Tomás Milian, que fai de Rafael Sanzio.

A trama non é moi difícil de explicar. Xulio II foi un Papa moi guerreiro que estaba en liortas con todo o mundo. Pero aparte diso, tamén foi o que impulsou a construción da Basílica de San Pedro do Vaticano e o pintado do teito da Capela Sixtina, nome en honra do seu tío Sixto, que tamén foi Papa (iso dise na película, non sei se é certo, pero supoño que si).

Entón, contrata e "obriga" a Miguel Anxo a pintar o teito desa Capela Sixtina, cuns motivos relixiosos que a Miguel Anxo parécenlle unha chorrada. Miguel Anxo protesta porque non se considera pintor, e ademais o teito é curvo e está a uns 20 metros de altura. El estaba facendo unha grandiosa tumba para ese Papa con mármore de Carrara, para poñela no medio da Basílica de San Pedro, pero ao Papa ese tema non lle parece moi atractivo.

E a película vai diso, dos tirapuxas emocionais e intelectuais entre dous homes con moitísimo caracter, un con moito poder e outro con moito talento, e un duelo de altura entre os dous actores. Non é máis ca iso, pero resulta moi interesante.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...