luns, 2 de xaneiro de 2023

Troia

Onte, para comezar o ano 2023, botaban "Troia" na Sexta, e pareceume unha boa forma de comezar un ano natural, con mitoloxía grega recreada nunha película épica e grandiosa. Eu pensaba que xa a vira completa pero é posible que só vira algunhas partes. Polo que din na wikipedia, non é totalmente fiel á coñecida historia, pero creo que a maioría dos puntos importantes si os seguiron. Por poñer un exemplo disto, na película parece que a Guerra de Troia dura un par de semanas, cando a lenda di que durou dez anos. Pero a grandiosidade da historia e dos personaxes mantense.

Foi dirixida en 2004 por Wolfgang Petersen, e no elenco hai moitos nomes importantes como Brad Pitt, Eric Bana, Orlando Bloom, Sean Bean, Diane Kruger, Rose Byrne, Saffron Burrows, Peter O'Toole, Brian Cox, James Cosmo, Brendan Gleeson ou Julie Christie. Eles fan os papeis de personaxes lendarios como Aquiles, Héctor, Paris, Ulises, Helena, Briseida, Andrómaca, Príamo, Agamenón, Glauco, Menelao e Tetis, por non mencionar aos que fan de Áyax, Patroclo ou Eneas.

Supoño que xa sabedes de que vai a historia. Está unha delegación de Troia negociando a paz con Esparta, e Paris (un dos fillos do rei de Troia, Príamo) namórase e lévase a Helena, a infeliz muller do rei de Esparta, Menelao. Este entra en pánico e vai falar co seu irmán maior Agamenón, rei de Micenas, que levaba anos desexando atopar unha boa escusa para atacar a inexpugnable Troia. Os sempre divididos gregos atopan así unha razón para unirse contra o inimigo común. A dúbida sempre está en Aquiles, que comanda aos bravos mirmidóns, e que non soporta a Agamenón.

Van todos a sitiar Troia e inicialmente a xogada non ten demasiado éxito. Despois dunha serie de escaramuzas e combates, prodúcese un duelo entre Aquiles e Héctor (porque este matara a Patroclo, curmán de Aquiles, se cadra amante, pensando que era Aquiles, e non era o único que o pensaba, porque ía vestido exactamente igual ca el), no que acaba ganando Aquiles.

Despois prodúcese a xogada mestra, pensada polo astuto Ulises, de finxir a retirada deixando na praia un suposto agasallo para Poseidón, un grande cabalo de madeira (o famoso Cabalo de Troia). Os troianos non ven nada estraño no agasallo e méteno na cidade para achegalo a un dos seus templos. Pero realmente o cabalo está cheo de guerreiros gregos como Aquiles ou Ulises, que saen pola noite, incendian a cidade e toman por fin a inexpugnable vila.

Xa digo, non será totalmente fiel á lenda tradicional, pero para convencer das marabillas da mitoloxía grega aos que aínda non estiveran convencidos, penso que é un produto máis que resultón.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...