domingo, 20 de outubro de 2024

Un gran reportaxe

Este artigo forma parte da triloxía que escribín sobre a "mesma historia": tres películas baseadas na mesma obra de teatro. É o terceiro artigo que escribín desta serie (polo tanto, aparecerá de primeiro no blog). Se consultades os outros dous, sobre todo o que aparece de último (pero que escribín de primeiro), teredes máis información sobre a trama. O título orixinal desta película é "Front Page" (a tradución ao español non é demasiado fiel), exactamente igual que a obra de teatro orixinal de Ben Hetch e Charles MacArthur, escrita a finais dos anos 20. Esta primeira versión e a última parécense bastante, a do medio é a que decidiu innovar, na miña opinión, con pouco criterio.

"Un gran reportaxe" foi dirixida por Lewis Milestone en 1931, poucos anos despois da obra de teatro orixinal. Tamén podemos salientar que a produción estivo a cargo de Lewis Milestone e Howard Hughes. Poderíamos citar un elenco máis amplo, pero ímonos centrar nos tres papeis principais, a cargo de Adolphe Menjou, Pat O'Brien e Mary Brian. Deses tres, só me soaba vagamente o primeiro, que ademais é a gran estrela da película, cousa que non pasou nas outras versións, polo menos non en tanta medida. Teoricamente o papel máis destacado é o de Hildy Johnson, pero en cada versión fixeron o que lles pareceu.

A trama é moi similar á terceira película (ver o terceiro artigo desta serie), e polo tanto deduzo que a obra de teatro orixinal tamén era así. Chama a atención que os personaxes se chaman igual e que hai algúns diálogos que son absolutamente idénticos, así que deberon ser moi fieis á obra orixinal.

Hildy nesta versión tamén é home, entre el e Walter Burns non hai máis que unha relación profesional, e ao final, igual que pasa na terceira versión ("Primeira plana"), Hildy vaise coa súa moza Peggy Grant para casarse, supostamente coa bendición do editor Walter Burns, pero xa está conspirando para evitar a voda, exactamente do mesmo xeito que fai na primeira película, ou sexa, regalándolle un reloxo de ouro que leva o seu nome. En canto sae o tren, chama á policía da primeira cidade onde para o tren, para dicirlles que Hildy lle roubou ese reloxo, e que deben detelo.

Tamén podedes ver esta película completa en Youtube.

Saúdos.



Lúa nova

Este artigo forma parte da triloxía que escribín sobre a "mesma historia": tres películas baseadas na mesma obra de teatro. É o segundo artigo que escribín desta serie (polo tanto, aparecerá de segundo no blog). O título orixinal desta película é "His girl friday", pero as traducións do mundo hispanofalante son bastante disparatadas. En Arxentina fóronse ao "Xexún de amor", en Venezuela a "A miña asistente favorita" e es España quedáronse con "Lúa nova". Lembremos que a obra de teatro orixinal de Ben Hetch e Charles MacArthur, escrita a finais dos anos 20, titulábase "Front Page" (a tradución de "Primeira Plana", a versión de 1974, claramente é a máis fiel).

"Lúa nova" foi dirixida por Howard Hawks en 1940. Poderíamos citar un elenco máis amplo, pero ímonos centrar nos tres papeis principais, a cargo de Cary Grant, Rosalind Russell e Ralph Bellamy. Para min é claramente a máis frouxa das tres versións, porque decidiron convertela nunha comedia romántica. As outras dúas parécense bastante entre sí, do cal deduzo que deben ser fieis á obra de teatro orixinal, e nesta tomáronse moitas liberdades (lexítimas), pero que na miña opinión a deixaron moito peor.

A historia vén sendo a mesma que nas outras dúas, pero aquí cambian moitas cousas: os tres papeis principais aparentemente se conservan, pero cunha polaridade totalmente diferentes. Hildy Johnson é agora unha reporteira (o nome Hildy parece ambiguo, antes era o diminutivo de Hildebrand, agora de Hildegard). Vai casar cun tal Bruce Baldwin, e resulta que o editor, Walter Burns, aparte do seu xefe, foi o seu marido, pero xa están divorciados. Así que tiñan moitas ganas de liar as cousas, sobre todo con tintes románticos.

O resto da historia segue máis ou menos igual, pero agora coa agravante de que o editor está intentando evitar a voda, pero non por motivos profesionais, senón porque quere casarse de novo con Hildy. De feito, o final cambia con respecto ás outras dúas versións, porque nesta xa non aparece Bruce Baldwin, senón que Hildy e Walter vanse a disfrutar da lúa de mel que non tiveron no seu momento, porque volven casar. Polo visto, esta película tivo moito éxito no seu momento, pero a min é a que menos me gusta das tres, con diferenza.

Aquí podedes vela completa en Youtube.

Saúdos.



Primeira Plana

Este artigo forma parte da triloxía que escribín sobre a "mesma historia": tres películas baseadas na mesma obra de teatro. É o primeiro artigo que escribín desta serie (polo tanto, aparecerá de último no blog). O título orixinal desta película é "Front Page" (polo tanto, a tradución ao español é bastante fiel), exactamente igual que a obra de teatro orixinal de Ben Hetch e Charles MacArthur, escrita a finais dos anos 20.

"Primeira plana" foi dirixida por Billy Wilder en 1974. Poderíamos citar un elenco máis amplo, pero ímonos centrar nos tres papeis principais, a cargo de Jack Lemmon, Walter Mathau e Susan Sarandon.

O xornalista Hildy Johnson vai casar coa súa moza Peggy Grant, así que pasa polo seu xornal para despedirse do editor, o cínico e tiránico Walter Burns. Pero este non acepta esa realidade, e invéntase o que sexa para impedilo. Hildy era o especialista en temas xudiciais do seu xornal, e xustamente eses días hai unha grande polémica porque acaba de fuxir do cárcere un pobre home que estaba condenado a morte por matar a un policía. Todo o mundo di que é un perigoso comunista, pero realmente non hai nada diso, e a única persoa que o defende é unha prostituta que tivo a oportunidade de coñecelo un pouquiño máis, e todos din que é a súa namorada.

Cando me refiro a "todos", refírome á caverna de xornalistas que están na sala de prensa do cárcere, especializados nesas temáticas, como lle pasaba a Hildy, que pasaba por alí para despedirse cando lle colle o suceso. Están sempre xogando ás cartas, bebendo, non traballan nada e a maioría aprovéitanse dos poucos que traballan nese entorno para finxir que están investigando.

Por se non chegara con iso, están o sheriff da prisión, que é un auténtico incompetente, e o alcalde, o seu aliado, que só pretende obter réditos políticos para saír reelixido. De feito, mentres están alí, chega o indulto para o fugado, pero eles empéñanse en ocultar a noticia, aínda que máis tarde acaba descubríndose.

Finalmente aclárase todo e Hildy e Peggy conseguen marchar para casarse. Aparentemente, Walter axúdaos a marchar, pero realmente xa está tramando algo para impedilo, como bo cínico que é.

Aí tedes unha breve escena desta película.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...