domingo, 15 de outubro de 2023

O libro dos trens

Hai uns anos merquei un libro que traía relatos ambientados en trens escritos por autores e autoras galegas. O tren é o medio de transporte que máis me gusta, e pensei que de aí podían saír un feixe de relatos interesantes. E como sempre nestes casos, nos libros de relatos, hai un pouco de todo. Algúns que me gustaron, e moito, outros que non tanto. Foi editado por Galaxia no ano 2019. E mira ti por onde que atopei en Youtube o vídeo da presentación na librería Cartabón de Vigo, uns días antes de que chegara o confinamento de 2020.

A lista de relatos e autores é a seguinte:
- "Unha semana á espera de Godot" de Ana Cabaleiro
- "Santiago-Guixar" de Anna R. Figueiredo
- "Boxcar Blues" de Antonio Piñeiro
- "Unha dirección dous sentidos" de Arantza Portabales
- "Gringa" de Daniel Asorey
- "O funeral partido de Xoana Acosta" de Diego Giráldez
- "Meghalaya" de Iria Collazo López
- "A besta" de María Alonso Alonso
- "O chucuchú de Rapariz" de Miguel Anxo Fernández
- "Asalto ao tren da Portela" de Víctor F. Freixanes

O que máis me gustou foi o de Diego Giráldez, e tamén o de Arantza Portabales, e non me desagradaron nada varios que estaban ambientados noutros países, como a India ou México (aínda me atrae algo o exotismo).

Saúdos.



A tentación vive arriba

Eu pensaba que xa vira esta película hai tempo, pero sospeito que só vin algúns fragmentos, como o famoso da saia que se levanta pola corrente de aire do metro. Botábana o outro día no espazo de cine clásico da 2, así que deille unha oportunidade.

Foi dirixida en 1955 por Billy Wilder e o protagonismo absoluto foi para Tom Ewell e Marilyn Monroe, o resto son secundarios con pouco peso na trama, obviamente. E fixen ben en poñer primeiro ao protagonista masculino, porque seguro que todo o mundo pensa que está é unha das típicas "películas de Marilyn", pero resulta que ten unhas poucas aparicións (moi estelares, obviamente). Pola contra, Tom Ewell, que debía ser unha gran estrela cómica da época, non sae da escena case en ningún momento, e en moitos casos está el só falando consigo mesmo.

Antes de contar a trama, que tampouco ten moita chicha, hai uns cantos detalles da película moi interesantes. O título orixinal é algo así como "O picor do sétimo ano", porque un psiquiatra que atende ao protagonista ao comezo da película dise que moitas das infidelidades conxugais comezan arredor do sétimo ano de matrimonio. Por outra banda, o director non soportaba a Marilyn (aínda que despois fixo algunha película máis con ela), e non debía ser o único, porque non lembraba os textos e iso obrigaba a repetir moitísimas tomas. Por se non chegara con iso, esta película provocou o divorcio de Marilyn con Joe DiMaggio, aínda que iso xa era algo esperado, pero a famosa escena da corrente de aire xa foi o punto final.

Pois nada, un tipo que ten que quedar a traballar en Nova Iork durante o verán, mentres a súa muller e fillo marchan a verarear á costa de Maine, pensa que vai ser un aburrido verán máis. Ata que descubre que no piso de enriba, en troques do aburrido matrimonio que vive alí normalmente, está unha muller loira moi atractiva que alugou o apartamento durante algún tempo. A partir dese intre, todo vólvese pensar se iso vai dar lugar a unha infidelidade, que estará facendo a súa muller en Maine e todo iso, comeduras de coco que non levan a ningures.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...