martes, 13 de agosto de 2024

Evasión ou victoria

Onte pola noite, no espazo de cine clásico da 2 botaban esta película que, como bu futboleiro, xa vin varias veces. Non é ningunha marabilla, pero déixase ver. Nas últimas semanas, aproveitando que eran os Xogos Olímpicos de París, botaron películas de temática deportiva, e parece que aínda seguen. Por certo, o título orixinal traducido sería "Victoria", a secas. En Hispanoamérica chamáronlle "Escape á victoria". Polo visto, a historia está baseada nun caso real, pero moito máis dramático, porque os xogadores "aliados" estaban ameazados de que serían executados se ganaban o partido... e fixérono por goleada.

Foi dirixida en 1981 por John Huston. No elenco non futbolista destacaban Michael Caine (que tamén saía xogando, pero non sei eu...), Max von Sydow e Sylvester Stallone (vaia por Deus). O dos futbolistas dá para escribir un libro, pero polo fraude. A estrela máxima é Pelé, claro, que xa estaba retirado a esa altura, o mesmo que o inglés Bobby Moore. O arxentino Ardiles si que estaba en activo e acababa de ganar un Mundial, Deyna estaba retirado e os demais ou estaban retirados ou aínda xogaban pero eran xogadores bastante mediocres.

Pois seguro que xa o sabedes. Un comandante nazi que xogou ao fútbol pasa por un campo de prisioneiros onde moitos deles se divirten xogando ao fútbol e proponlle ao que parece dirixir o grupo un partido entre militares nazis e militares das potencias aliadas. Con certas reticencias, acepta, e permitenlle formar un equipiño xeitoso e dobrar as racións de comida para non facer o ridículo.

En paralelo con iso, algún dos integrantes do equipo está argallando un plan de fuga, que sufre distintos avatares debido ao partido de fútbol. Como o partido finalmente se vai celebrar en París con moito público nas bancadas, incluso conseguen involucrar á resistencia francesa para conseguir liberar a todo o equipo durante o descanso do partido.

A parte final da película é o partido. Durante a primeira parte os alemáns arrasan e van ganando 4-1. O gol dos aliados é cerca do descanso, e dálles esperanzas para remontar. Tanto é así, que a pesar de poder fuxir, deciden quedar para ganar o partido. Acaban remontando o partido e empatan a 4. Nos últimos minutos, anúlanlle un gol aos aliados por fóra de xogo, pítanlles un penalti en contra e párao o porteiro.

Polo visto, cando se estreou a película, as críticas foron feroces, dicindo que a película era moi pobre, e que o único que se salvaba eran as imaxes futbolísticas. Quen dixo iso debía ser bastante futboleiro, porque a min onte deume a impresión exactamente contraria. O resto da película pareceume bastante digna, e as imaxes do partido parecéronme bastante mediocres, sen mencionar o feito de que querían facer crer que había grandes futbolistas participando na rodaxe, cando a maioría estaban retirados ou eran bastante mediocres ou descoñecidos.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...