sábado, 1 de xullo de 2023

O bo patrón

É un dos grandes éxitos do cine español dos últimos anos, a volta ao cine español de Javier Bardem, que creo que levaba algúns anos sen caer por aquí, e apeteciume vela cando vin que a botaban en TVE (agora xa non lembro se foi na 1 ou na 2).

Foi dirixida en 2021 por Fernando León de Aranoa (que normalmente ten grandes ideas para as súas películas). No elenco destacan Javier Bardem, obviamente, pero está moi ben secundado por Manolo Solo, Almudena Amor, Fernando Albizu, Celso Bugallo ou Francesc Orella.

Julio Blanco é o propietario dunha empresa de básculas industriais chamada Balanzas Blanco. Pretende ser un xefe xusto e bondadoso, que se preocupa polos problemas dos seus empregados e intenta botar unha man para resolvelos, na medida das súas posibilidades. Teoricamente, iso é mellor que o papel de moitos empresarios (sobre todo en España), que non se preocupan pola súa plantilla e só pretenden exprimila o máximo posible para maximizar os beneficios. Pero neste caso, realmente utiliza tácticas case mafiosas, por momentos, para intentar resolver os problemas dos seus empregados, e os seus propios, sempre co obxectivo de maximizar os seus beneficios, e os da empresa, e que ao mesmo tempo pareza que se preocupa por eles.

Todo isto crúzase co feito de que Balanzas Blanco é unha das empresas finalistas nun premio a boas prácticas empresariais que, no caso de ganalo, daralle moi boa proxeción e publicidade, e ese pasa a ser un obxectivo estratéxico. Saben que a comisión avaliadora chegará nos vindeiros días, pero obviamente, non saben exactamente cando será. Pero entre as visitas ás outras empresas finalistas, e algún soplo que reciben (que raro que en España haxa algo de corrupción en eventos coma ese), acaban sabendo o día exacto da visita, pero só o día anterior á mesma (a película remata con ese escena).

As problemáticas son moi variadas:
- Un dos principais elementos da empresa, encargado da organización das actividades, está pasando un bache e está cometendo últimamente erros que nunca cometera. O xefe acaba descubrindo que a súa muller está deitándose con outro home, e incluso chega a saber quen é (o xefe, o marido nunca chega a sabelo), outro traballador árabe da empresa, que tamén ten moito prestixio na mesma.
- Outro dos traballadores, pero moito máis de base, ten problemas porque un dos seus fillos ten moi malas compañías e pode acabar no cárcere. O xefe intenta atoparlle unha ocupación algo máis digna. Finalmente acaba morrendo por un encargo que lle fai indirectamente Julio Blanco, pero este, en vez de arrepentirse, intenta sacar peito e louvar ao falecido pola súa entrega.
- Un traballador despedido da empresa que se aposentou en fronte da entrada da mesma e que fai moi mala publicidade dela, é agredido por un grupo de rapaces (un deles o morto do parágrafo anterior), porque o xefe quere que xa non estea cando a Comisión veña de visita. E ao final acaba conseguíndoo.
- Dende o primeiro día, fíxase nunha atractiva becaria que acaba de chegar, e incluso chega a deitarse con ela. Despois entérase que é a filla duns bos amigos del e a súa muller, Intenta botala, pero ela déitase con máis cargos importantes da empresa, e acaba sendo contratada cun posto importante, a pesar da oposición do xefe, pero non poder facer nada para evitalo.

En definitiva, que utiliza tácticas bastante discutibles e incluso mafiosas, para intentar que a súa empresa vaia o mellor posible pero aparentando ser un xefe moi humano. E o caso é que moitas das súas tretas acaban funcionando, dun xeito ou doutro. Unha vez máis, León de Aranoa fai un debuxo bastante fiel da sociedade española cunhas historias moi retorcidas, con moitas aristas, pero que seguramente descubren moitos aspectos sociais que non é doado desvelar habitualmente.

Saúdos. 



Trac

"Trac" é o nome dunha interesante banda de rock progresivo (ou algo así, aínda que nunca tiven demasiado claro que é o que caracteriza a ese xénero musical, pero gústame, iso seguro) que temos na Coruña. Pareceume entender que o grupo existe dende hai décadas, pero casualmente deulle por sacar discos xusto agora, nos últimos anos, que xa non está tan de moda, ou mellor dito, que hai outras alternativas para destacar no mundo da música (que tampouco creo que sexa a súa pretensión).

Vinos actuar dúas veces. A primeira vez foi no Ágora, hai 5-6 anos, e foi cando souben da súa existencia. Máis ou menos naquel tempo sacaron os dous primeiros discos, que se titulaba "O bosque sen árbores" e "Man" (dedicado a Man, o alemán de Camelle). Como podedes intuír, a temática ecoloxista interésalles bastante. Como me gustou bastante o concerto, merquei os dous discos, que escoito de cando en vez.

A segunda vez foi hai poucas semanas, e serviume para entrar por primeira vez nunha sala de concertos xa veterana na cidade, a Filomatic, que non me desagradou. Nesta ocasión presentaban o seu terceiro disco, titulado "Trac 3". De feito, fíxome certa graza ou ilusión que, cando fun ao final do concerto a falar co grupo para mercarlles o disco, cando dixen que xa tiña os dous primeiros, deberon pensar que acaban de coñecer a outro "groupie" máis.

Este segundo concerto estivo ben, como o outro, e como curiosidade direi que tocaron un par de versións doutros grupos, e a elección desas pezas xa denota que nos atopamos cun grupo, cando menos, peculiar. Coa cantidade de grupos e cancións míticas que poderían ter elixido, tendo en conta o espectro musical no que se moven, decidiron tocar "Perfect strangers" de Deep Purple, e "Have a cigar" de Pink Floyd. Ou sexa, cancións que non destacan entre as máis coñecidas nin veneradas de ningún deses dous grupos.

O grupo está formado por Moncho Pardo (guitarra), Luis Molina (baixo), Berto Morán (batería) e Juan Cordonié (guitarra eléctrica e sintetizada; ou sexa, toca sintetizadores dende a guitarra). En xeral, todos cantan e fan coros, aínda que Berto normalmente só fai coros, as voces principais recaen nos outros tres. Anímovos a velos, aínda que supoño que a súa axenda de concertos tampouco debe ser moi ampla.

Saúdos.



Os tres mosqueteiros

Hai uns días (ou semanas), unha noite, estaba xa moi canso e non tiña ganas de facer nada. Vin que nunha cadea da TDT (xa nin lembro cal) botaban unha versión de "Os tres mosqueteiros" e non o dubidei. Xa hai moito tempo escoitei que esa novela de Alexandre Dumas estaba moi ben, e iso sempre suma puntos, pero xa sospeitaba que esta versión ía ser moi libre e dependente doutras coordenadas. Todo iso lémbrame que teño que intentar ler esa novela, porque desta película xa non lembro apenas nada.

Foi dirixida en 2011 por Paul W.S. Anderson (polo visto foi o director de sagas como "Resident Evil", baseadas en videoxogos, así que non creo coincidamos moito). No elenco están algúns famosos e outros que aspiran a selo no futuro, como Logan Lerman, Matthew Macfayden, Ray Stevenson, Luke Evans, Milla Jovovich, Christoph Waltz, Orlando Bloom, Mads Mikkelsen, Juno Temple e Freddie Fox.

Pois iso, creo que o núcleo da historia de Dumas presérvase pero que se tomaron moitas liberdades na adaptación. Athos, Portos e Aramis son tres fantásticos espadachíns ao servizo de Luis XIII, e chega ao mesmo corpo de mosqueteiros un gascón bastante novo e pretencioso chamado D'Artagnan. Está claro quen son "os bos" pero, polo visto, sempre hai alguén que ten máis dificultade para identificalos,

Por outra banda, o cardenal Richelieu está intentando conspirar para derrocar ao Rei, que non semella demasiado espabilado, e Milady de Winter sempre está por aí xogando a moitas bandas. A película foi rodada en formato 3D, pero na televisión obviamente proxectaron a versión en 2D.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...