martes, 7 de decembro de 2021

Superman

Colleume novo, pero supoño que fun vela ao cine. E creo que foi a primeira película de superheroes que vin, e a potencia da banda sonora de John Williams ficou gravada na miña cabeza, como en moitas outras, supoño. Debín ver a serie de televisión "Hulk" naquela mesma época, pero unha serie non é o mesmo ca unha película, e esta película marcou a unha xeración, á miña. Botábana onte no espazo de cine clásico da 2, que agora é os luns pola noite.

A película foi dirixida no ano 1978 por Richard Donner. Acabo de saber que se estaban rodando a primeira e a segunda parte simultáneamente, e houbo desavenencias dos produtores co director. Xa estaba rodada o 75% da segunda parte, pararon esa rodaxe e remataron a primeira. Polo visto, a segunda volveuse facer co mesmo elenco, pero un novo director, flipante. De feito, na primeira parte aparecen ben visibles e presentados nos créditos actores e actrices que só aparecen uns segundos na primeira parte, e que protagonizan a segunda. Vaia industria. Nesta primeira, o protagonismo principal cae en Christopher Reeve, Margot Kidder e Gene Hackman, como o malísimo Lex Luthor. Como secundarios, aparecen bastante Marlon Brando, Jackie Cooper, Ned Beatty e Valerie Perrine. E con moito menos protagonismo están grandes como Glenn Ford ou Trevor Howard. E o guión foi asinado por varias mans, pero a principal semella que foi a de Mario Puzo.

Non imos contar moito da historia, que é ben coñecida. Só lembrar que nesta primeira entrega Superman chega á Terra dende o planeta Krypton, crece e entra a traballar no xornal Daily Planet, onde traballa a xornalista Lois Lane, da que namora, e que o malísimo da película é Lex Luthor, que intercepta e desvía dous misiles estadounidenses dunha forma bastante chunga, envía un contra Nova Jersey, que é interceptado por Superman, e o outro vai cara á falla de San Andrés, para provocar un grande terremoto na Costa Oeste. A este Superman chega tarde, pero coa súa grande forza e velocidade, detén o terrible movemento de terras que se ía producir. E salva da morte a Lois Lane dunha forma bastante incrible, volvendo atrás no tempo, pero vaia, vendo estas burradas as defensas están algo baixas e xa aceptas calquera cousa.

Chamáronme a atención unhas cantas cousas neste visionado. A película dura 2 horas e cuarto. O primeira media hora ten lugar en Krypton, na xuventude de Clark Kent na Terra, e remata cando vai a ese estraño escenario do Polo Norte (supoño que é alí) e atopa o seu disfraz. Ata que vai unha hora de película non se lle ve voando por Metrópolis (que claramente é Nova Iork) e facendo fazañas. E a partir de aí xa é un desbarre de barbaridades continuas. Quero dicir con esto que, se na época alguén estaba esperando ver voar a Superman, aínda debeu aburrirse un pouco e debeu pensar que o comezo da película era algo lento e pesado.

Saúdos.



O rostro impenetrable

Na cadea de televisión fascistoide na que tanto gustan as películas poeirentas (ou sexa, ambientadas no Oeste estadounidense do século XIX) onte botaban "O rostro impenetrable", película que ten certa fama e que non vira nunca, así que probei. O que non entendo en absoluto é de onde sae o título orixinal "One-eyed Jacks". Non lembro ningún personaxe que se chamara Jack, nin ningún torto da vista. Debe haber algo que non entendo.

Non está moi claro de que ano é a película, 1959, 1960 ou 1961, hai opinións diversas, debeu ser unha rodaxe algo longa e convulsa. Inicialmente o director ía ser Stanley Kubrick, pero despois dalgún tempo de rodaxe, foi despedido por conflitos con Marlon Brando (vaia dúas patas para un banco), e este mesmo acabou de director, na súa única experiencia nese labor. O protagonismo principal é para Marlon Brando (sobre todo) e para Karl Malden. Despois hai secundarios cunha certa presenza como Pina Pellicer, Katy Jurado, Ben Johnson, Slim Pickens ou Larry Duran. Dise que é unha película moi narcisista na que o director e actor principal quería presumir de presenza na cámara, e seguramente non lles falte razón, pero aínda así, non lle saíu mal.

O cerne da historia é a amizade inicial, e despois odio, entre os dous protagonistas principais, Rio (Brando) e Dad Longworth (Malden). Atracan bancos xuntos, e despois dun golpe no banco de Sonora, son perseguidos polos xendarmes rurais de México e acurralados no cumio dun monte. Só queda un cabalo para os dous, e sortean quen fuxe co cabalo para buscar outros máis frescos, mentres o outro agarda e entretén aos policías. Aquí xa xurde a primeira controversia, porque vemos como Rio fai trampa, pero non para fuxir no único cabalo, senón para quedar na montaña só, cousa que, aparentemente, non ten moita lóxica. Dad fuxe a unha aldea cercana, que xa coñecían, e alí merca dous cabalos. Pero cando está preparando todo para volver, nótase que decide fuxir e deixar a Rio só, para que sexa apreixado. Pouco despois pasan os xendarmes con Rio pola aldea, e Rio comprende que Dad o deixou alí a propósito.

Rio está no cárcere de Sonora durante case cinco anos, e consegue fuxir cun mexicano chamado Chico Modesto, que será un dos seus mellores amigos a partir dese momento. Volven ao mesón onde lles fixeron a emboscada na que el acabou apresado. E casualmente alí preséntase ante el outro foraxido, Bob Amory, que oíu falar de Rio, e que quere unirse a el para atracar o banco de Monterrey. Rio non está demasiado convencido, pero comeza a estalo cando Amory lle di que Dad Longworth é o sheriff desa vila. A banda complétase con Harvey Johnson, xa son catro para facer o atraco, e de paso, que Rio se vengue de Dad, que é o seu único desexo.

Van a Monterrey, e o primeiro que fai Rio é ir visitar a Dad, que xa levaba tempo temendo esa visita. Os dous finxen que non pasou nada. Rio descubre, polo que conta Dad, que é totalmente falso, que o deixou só a propósito, do que xa estaba convencido. Rio queda a cear coa nova familia mexicana de Dad, a súa muller María e a súa fillastra Luisa, da que Rio namora.

Pretendían facer o atraco do banco ao día seguinte, pero está todo pechado, porque son as festas da vila. Dad é consciente de que todos os que acompañan a Rio son atracadores, e que el segue no negocio, pero en principio non actúa contra el. Si o fai máis adiante cando Rio mata a un borracho pesado nun bar. A banda decide irse a descansar a unha aldea cercana e preparar mellor o atraco, pero van xurdindo desavenencias entre eles, aproveitando tamén o odio entre Rio e Dad.

Ao fínal líase todo. Amory e Harvey matan a Chico, e fanlle crer a Dad que Rio vai ir á súa casa a matalo, cando xa non tiña esa intención. Rio xa só quería marchar con Luisa, á que deixou embarazada nada máis coñecela. Realmente Amory e Harvey intentan atracar o banco eles sós, pero fracasan. Aínda que Rio non estaba alí, todos lle acusan de participar no atraco e o encarcelan, con intención de aforcalo. Consegue fuxir da cadea coa axuda de Luisa, e escapan os dous, despois de que Rio conseguira matar a Dad, nun duelo bastante patético, por certo.

Pois iso, película peculiar, moi centrada na imaxe de Marlon Brando, pero con escenas e escenarios moi curiosos. Non lembro eu moitas películas deste xénero (agora mesmo, ningunha) con paisaxes na costa. E os personaxes son bastante poliédricos, con moitas aristas.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...