xoves, 26 de agosto de 2021

Chinatown

Había moito tempo que non vía esta película (supoñendo que a vira enteira algunha vez, que non o teño eu moi claro). Así que non a deixei fuxir cando a botaron o outro día no espazo de cine clásico da 2.

Foi dirixida en 1974 por Roman Polanski, que tamén fai un papel secundario que aparece poucas veces pero se deixa notar bastante. O protagonismo total é para Jack Nicholson, e tamén moito, pero algo menos, para Faye Dunaway. O resto é bastante coral e ten certa presencia John Huston. Aparece pouco pero deixa pegada.

Jake Gittes é un detective privado que, cos seus dous socios, basicamente gánase a vida investigando infidelidades matrimoniais nos Ángeles durante os anos 30. Un día recibe un encargo similar, e cando consegue a información, para a súa sorpresa, as fotos que saca aparecen na primeira plana dos principais xornais da cidade, intentando desacreditar a un dos máximos directivos da empresa que xestiona a auga da cidade.

Ás poucas horas descubre que foron enganados, e que a muller que se fixo pasar por esposa dese alto cargo non o era. Iso sábeo porque a verdadeira esposa dese home aparece no seu despacho con intención de demandalo. E por se non chegara con iso, namórase dela e acaba sendo correspondido.

Comeza a investigar e descubre que hai unha retorcida trama para construír novas presas no río dos Ángeles, pero que realmente era un reclamo para un pelotazo urbanístico. O alto directivo ao que estaba perseguindo morre porque estaba descubrindo a trama.

E non vos desvelo máis, porque é algo así como cine negro e a trama é moi retorcida. Aínda que hai unha certa explicación, tampouco entendo por que a película se titula así, ten moi pouco que ver coa historia. E recoñezo que, en parte, vin a película para ver de novo unha das escenas que máis me impactou na miña vida. É cando o matón representando por Roman Polanski lle rasga unha aleta do naris a Jack Nicholson. Co animais que son os dous, todo parece indicar que non houbo dobres de ningún tipo.

Saúdos.



O falcón do deserto

Nestas cadeas fascistoides teñen certo hábito de botar moitas películas clásicas de estética algo hortera, que a min non me desagradan, pero recoñezo que hai que ter un certo estómago para dixerilas, como é este caso. Como xa teño dito aquí algunha vez, eu parezo encaixar moi ben no perfil do romanticismo do século XIX. Polo tanto, toda historia ambientada en época ou lugar exótico xa parte con vantaxe. Esta é na mítica Persia medieval, así que....

Foi dirixida por Frederick de Cordova (primeira noticia da existencia deste tipo) en 1950. Suponse que as estrelas principais eran Yvonne de Carlo (algo me soa o nome desta actriz) e Richard Greene (non me soaba de nada este actor, semella que era un galán clásico que foi sendo esquecido). Entre os secundarios, sóanme algo os nomes de Jackie Gleason e George MacReady (pero non tanto as súas caras), e Rock Hudson, na segunda película da súa carreira, aínda moi noviño.

Omar o "Falcón do deserto" é un líder que loita contra a tiranía do Príncipe de Teherán. Sabendo que a filla do Califa de Bagdag está nun determinado oasis esperando a que Murad, o Príncipe de Teherán, vaia desposala, Omar faise pasar por Murad e cásase con ela. Polo que parece, os dous están encantados de coñecerse e gústanse moito.

Cando a filla do califa descubre o engano moléstase bastante (ata ese momento non parecía estalo) e o Príncipe e o Califa intentan resolver o problema. O príncipe incluso intenta botar man da "secta dos asasinos", un curioso grupo que efectivamente si existía nesta época, que eran bastante poderosos e eran algo así como mercenarios. Así que a cousa anda bastante liada, hai moitos bandos, e case todos intentan enganar aos demais.

Obviamente, a cousa acaba ben, con Omar e a filla do califa xuntos outra vez, e tan ricamente. Ou sexa, película de aventuras sen moitas pretensións pero agradable de ver.

Saúdos.



O mundo nas súas mans

"O mundo nas súas mans" (aínda que a tradución exacta sería "O mundo nos seus brazos") é o título da película de aventuras que seguro que todos vimos algunha vez. Eu repetín o outro día, por se acaso estaba nun erro.

Foi dirixida en 1952 por Raoul Walsh, que me parece que era moi bo nisto das películas de aventuras. O protagonismo principal é para Gregory Peck, que está secundado por Ann Blyth, Anthony Quinn e John McIntire.

Jonathan Clarke, máis coñecido como "O home de Boston" é un reputado e respectado cazador de focas de San Francisco. Compite moito co Portugués (Anthony Quinn), pero case sempre gana el, que parece máis espabilado e decidido, mentres que o outro é máis informal e voluble. E tamén compite moito cos rusos, que son aínda os propietarios do lugar onde van cazar as focas, que é Alaska. Os rusos están nunha moi mal situación económica, e Alaska está moi lonxe, así que comeza a coller forza a posibilidade de que os estadounidenses lle merquen Alaska aos rusos (acabou pasando uns anos máis tarde da data na que se ambientou a película, a mediados do século XIX).

Por se non chegara con iso, na película aparece unha condesa rusa moi fermosa, que está escapando dun sobriño do zar que quere casar con ela, pero o cariño non é mutuo, nin moito menos. E resulta que Clarke coñece a esta condesa, e namoran. Así que o lío xa está montado.

Hai pelexas, carreiras, transmítese a idea de que o imperio ruso era totalmente déspota (e seguramente era así), e de que os cazadores de focas estadounidenses eran case ecoloxistas e os rusos uns esquilmadores. Xa se sabe que cando un ve cine estadounidense a dose ideolóxica está asegurada.

Saúdos.



Arma letal

Si, si, supoño a cara que estaredes poñendo algúns. Non esperaba gran cousa desta película, pero como é da época que máis pisei as salas comerciais de cine e creo recordar que fun vela, quería lembrar como era, nada máis ca iso. Por exemplo, xa non teño o máis mínimo interese en ver as secuelas nin a serie que se fixo.

Foi dirixida en 1987 por Richard Donner e o protagonismo total era para Mel Gibson e Danny Glover. O resto de secundarios eran principalmente os "malos", entre os que destacaba Gary Busey. Tanto é así, que esta película está catalogada como "buddy cop", ou sexa, unha destas películas onde obrigan a formar parella protagonista (normalmente de tipo policial ou militar) a dúas persoas de caracteres totalmente diferentes, xa que iso garantiza chicha e conflitos continuos.

A historia non ten moita ciencia, o principal é como empastan os dous policías antagónicos, un deles negro feliz coa súa familia, e o outro branco e chalado, con tendencias suicidas dende a recente morte da súa muller. Neste caso, os malos son antigos ex-militares estadounidenses, que despois da guerra do Vietnam decidiron dedicarse ao tráfico de heroína. Hai que pillalos, e obviamente o fan, coa dose de violencia habitual entre os estadounidenses.

Saúdos.



Un gangster para unha milagre

O outro día botaban nunha das cadeas fascistoides esta película. Oíra falar moitas veces e moi ben dela, así que non a deixei escapar. É moi agradable de ver, agora ben, hai que ter en conta que é de Frank Capra, director moi dado a rodar contos de fadas moi fóra da realidade que poden facerlle crer a alguén que a vida é moito máis doada do que realmente é. Tendo iso claro, non queda máis que gozar.

Foi dirixida en 1961 por Frank Capra, e os papeis principais foron para Bette Davis e Glenn Ford. Como secundarios destacan Hope Lange, Peter Falk (o coñecidísimo Colombo), Thomas Mitchell e Ann Margret, entre moitos outros. Con respecto ao título, tamén hai un pequeno lío. O título orixinal podería traducirse como "Un peto cheo de milagres". En Arxentina titulárona "Milagre por un día", que non me parece un título moi correcto porque a milagre dura unha semana, está claro que dan sensación de ser algo puntual, pero o marco temporal non é o correcto. En España chamáronlle "Un gangster para unha milagre", onde xa desvelan que o artífice da milagre é un gangster de bo corazón ao que lle sobran os cartos.

Ao comezo da película, preséntanse axiña os dous personaxes principais. Annie Mazás (Bette Davis) é unha pobre que domina e coordina a un grupo de pordioseiros de Broadway, pero aínda así, é moi querida pola poboación da zona. David "O Dandy" (Glenn Ford) é un gangster de gama media que se move por esa zona pero que ten unha grande superstición: cada vez que ten que facer unha operación de certa importancia, precisa mercarlle unha das súas vermellas e saborosas mazás a Annie, se non é así non terá éxito a operación.

Cando comeza a película, acaba de morrer un tipiño que rexentaba un modesto local de hostelería na zona, e que estaba "apadriñado" por David. Ese home debíalle cartos a moita xente, entre eles a David, pero este tampouco se preocupaba demasiado. Xusto nese momento aparece a filla do tipiño, disposta incluso a resarcir algunhas das débedas do seu pai, se é factible. David ten a idea de reflotar o local convertíndoo nun bar de moda. Efectivamente, nas seguintes esceas vese que David e a filla daquel señor son parella, ela é a estrela das bailarinas e cantantes do local, e nadan na abundancia.

Annie mantiña correspondencia cunha filla súa que vivía en Italia. Cos seus múltiples contactos, facíalle crer que vivía nun hotel de luxo e que pertencía á aristocracia neoiorquina. Pero nun determinado intre a filla anúncialle que vai vir unha semana de visita a Nova Iork para presentarlle ao seu prometido e ao seu pai, que é un conde italiano. Annie vense abaixo porque non contaba para nada con iso, e non sabe como vai evitar que a súa filla vexa que é unha indixente.

Nese momento David e toda a súa banda póñense de acordo para montar un teatriño moi caro durante unha semana para que a filla de Annie non detecte o engano. Claro, todo esta montaxe acaba resultando moi divertida, e en varios momentos está a piques de desvelarse todo, pero polos pelos, ao final todo sae ben, como non podía ser doutro xeito nunha película de Frank Capra.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...