martes, 16 de febreiro de 2021

A casa dos espíritos

A finais dos anos 80 e comezos dos 90 leía bastante literatura sudamericana, e os dous autores que máis me gustaban eran Gabriel García Márquez e Isabel Allende. Con esta supoño que comecei por "A casa dos espíritos", pero tampouco podo aseguralo. O que si estou seguro é que esa novela me encantou no seu momento (ao mellor un ano destes toca a relectura). E máis ou menos naquela época, no ano 1993, Bille August dirixiu unha película cun elenco extraordinario, onde destacaban Jeremy Irons, Meryl Streep, Glenn Close e Wynona Rider, pero tamén inclúe a secundarios como Antonio Banderas ou Vanessa Redgrave, un luxazo.

A historia basicamente trata da saga que inaugura o terrateniente Esteban Trueba en Chile (pero a película foi rodada principalmente en Dinamarca, mira ti), un tipo moi emprendedor pero bastante déspota e conservador, que ten a sorte de verse rodeada de moitas mulleres fortes e de caracter. Todas as da familia que se vai formando en torno a el teñen nomes de cores claras: Clara, Blanca e Alba (eu xuraría que na novela tamén había unha Nívea, supoño que sería a seguinte xeración, pero xa non sae na película). Tamén está a irmá de Esteban, muller entregada pero de caracter máis escuro, e que ten unha relación moi tirante co seu irmán.

A min todas estas historias de sagas familiares que ocupan varias xeracións e nas que se ve a súa evolución normalmente me gustan bastante, pero creo que non son o único. Moitas das que chegan ás miñas mans fanno porque foron éxitos dos que incluso me enterei eu.

O momento histórico no que transcorre a historia vai dende comezos do século XX ata os finais, co golpe de estado a Allede, que Esteban apoiou como xefe do Partido Conservador, ata que descubre que os militares son moito peores e menos manexables do que el pensaba (iso non fala ben dos militares, pero tampouco del, obviamente). Por certo, Isabel Allende era familiar de Salvador Allende.

Se non vistes a película ou non lestes a novela, ou ambas, recoméndanse encarecidamente. Con respecto á novela, xa debín lela hai uns 30 anos, pero creo que aínda podo recomendala. Gustará máis ou menos, está claro, pero creo que é unha boa historia, que é o que eu lle pido á literatura.

Saúdos.



En que pensan as mulleres?

Recoñezo que esta película levaba algún tempo rondándome e tiña ganas de vela, e por fin o conseguín. O controvertido Mel Gibson, ultracatólico e superviolento, nunha comedia romántica intentando entender o caracter feminino, recoñezo que me intrigaba.

A película foi dirixida no ano 2000 por Nancy Meyers e a min paréceme que estaba pensada para o lucimento da parella protagonista, formada por Mel Gibson e Helen Hunt. Hai un longo elenco de secundarias, principalmente actrices, pero recoñezo que xa non lembro case nada da súa actuación, as dúas figuras cómense case todo.

Por se non sabedes de que vai, o protagonista masculino da historia, máis ben tirando a machista, aspira a un ascenso na empresa de publicidade na que traballa, ademais é bastante creído e prepotente. Pero por algunha razón, o seu superior, que o apreza, cando chega o momento, elixe a unha muller da competencia, moi prestixiosa, que acaba de ser despedida da súa empresa anterior. Supostamente, con ese movemento, esa axencia poderá ganar moitas clientas mulleres que estaban lonxe do seu mercado obxectivo.

Ao protagonista, como é obvio, non lle gusta nada esa medida, pero tómase a situación como un reto laboral e intenta entender esa parte feminina que lle falta por completo. E cando está na casa probando os produtos que lles entregou nunha caixa a todos os creativos a súa nova xefa, que son todos de hixiene e estética feminina, e que obviamente el nunca usara, sofre un accidente eléctrico, e a partir dese intre, comproba con espanto que é capaz de percibir os pensamentos de todas as mulleres que se cruzan con el.

Ao principio, el preocúpase moito e intenta curarse. Ata que unha das primeiras persoas ás que acude, unha psicóloga, lle recomenda que non se cure e se aproveite desa cualidade, que pode proporcionarlle moitas vantaxes. Efectivamente, el decátase de que pode ser así. A partir dese intre, intenta reunirse coa súa xefa, pero non para importunala, senón máis ben para sonsacarlle as ideas que ten e intentar apropiarse delas, e que ela o considere moi ben profesionalmente, cousa que consegue facilmente.

Ata aquí a cousa ía bastante ben. Pero cara á metade da película, coido que todo se ve eclipsado pola historia de amor que xorde entre os dous. Para min, a historia xa perde algo de forza. Todo o interesante que tiña ata ese momento, sobre a psicoloxía feminina, dilúese bastante, que mágoa. Non vou contarvos o final, basicamente porque non o lembro, para min o interesante é o plantexamento inicial.

Un último comentario para a tradución do título, que xa había tempo que non falaba disto. En Hispanoamérica a tradución do título foi "O que elas queren", que é a tradución exacta do título, así que esta vez poderían ganar eles. Pero a tradución española tampouco está nada mal, de feito a película trata principalmente sobre o que PENSAN as mulleres. O título orixinal e o hispanoaméricano supoñen que as mulleres PENSAN O QUE QUEREN, pero se cadra é moito supoñer, os pensamentos poden tratar sobre moitas cousas diferentes, non só sobre os desexos. Pero esta xa é moita filosofía para este foro.

Saúdos.



007 contra o Dr. No

Hai tempo, un día vin unha película da saga 007 e gustoume moito. Non teño nin idea de cal puido ser. E dende aquela, sempre que me cruzo cunha delas, fago o esforzo de vela, case sempre con grande gozo. No famoso espazo de cine clásico da 2 que xa comentei tantas veces, que nos últimos tempos pasou da noite dos martes á dos luns, ese cambio de día xusto coincidiu coa proxección das primeiras películas desta saga, que eu non vira nunca. Así que xa podedes imaxinar o ben que o estou pasando.

A primeira da saga foi dirixida en 1962 por Terence Young, que dirixiu 3 das 4 primeiras películas desta saga. Obviamente, o primeiro actor en facer o papel de James Bond foi Sean Connery, que puxo o listón ben alto. Cando comezou neste papel, tiña pouco máis de 30 anos. A chica Bond máis destacada desta película foi Úrsula Andress, e o malvado foi protagonizado por un actor chamado Joseph Wiseman (a min non me soa de nada), e supostamente pretendían facernos crer que era chinés, pero vaia, tampouco se luciron demasiado.

A trama non é moi complexa. Desaparece un axente en Xamaica e mandan alí a Bond para saber que pasou. Resulta que ese axente estaba investigando que estaba facendo nun illote cercano a Xamaica un tal Dr. No, que parece ser de orixe chinesa, aínda que hai moita ignorancia en torno a el. Todos saben que nese illote hai alguén facendo algo chungo, pero non se sabe moi ben que é. Resulta que teñen unha base dende a cal desvían os cohetes espaciais que lanzan os estadounidenses dende Cabo Cañaveral, que non está moi lonxe, en Florida. Obviamente, Bond conseguirá destruír as instalacións.

Pareceume bastante frouxa. Aparecen algúns dos elementos típicos da saga, como M, o xefe de Bond no servizo secreto británico, Q cos seus inventos ultramodernos (que sempre se experimentan na película), Moneypenny sempre flirteando con Bond, que por certo é un machista prepotente de manual. Por certo, Connery tampouco me pareceu que tivera unha boa actuación. Pero unha das cousas que a min máis me atraía da saga é que cada película transcorre en moitos escenarios diferentes do planeta. Xa sei que é unha tontería, pero é o que hai. E nesta primeira película da saga están todo o tempo en Xamaica. Lin nalgún sitio que a gravaron con moi poucos cartos, que tivo moito éxito, e que por iso proseguiu a saga. Si, xa vin as seguintes, e xa apuntan mellores maneiras.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...