venres, 29 de decembro de 2023

Napoleón

Non é moi habitual que vaia eu ás salas de cine comercial, pero tamén é certo que no Nadal, se houbo algún lanzamento dalgunha película que me poida interesar (raro, pero ás veces pasa), me pase a vela. E este ano estrearon o "Napoleón" de Ridley Scott.

Foi dirixida (máis ben estreada) en 2023 por Ridley Scott, e o protagonismo case total foi para Joaquin Phoenix. Vanessa Kirby fixo de Xosefina e o máis destacado dos secundarios foi Rupert Everett facendo de Duque de Wellington, o xeneral inglés que consegueu vencer a Napoleón.

Non vou contar de que vai a película porque seguro que xa vos facedes unha idea. Pero si vou facer unha reflexión ou valoración do que vin e lin sobre a mesma. A ver, a Historia gústalle moito a moita xente, por esa razón tanta xente é devota da novela histórica e do cine histórico. Eu podía estar entre esas persoas. 

Cando se fai unha nova obra artística, pódense permitir algunhas licencias "poéticas" que se saian da realidade rigurosa, pero todo parece indicar que nesta película foron totalmente por libre. Polo visto, o catálogo de erros históricos é moi variado e abundante. E tamén parece que, cando o director foi preguntado sobre este tema, respondeu cunha estupidez do calibre de "os historiadores non estaban alí, así que deben calar a boca". Aínda que este tipo xa é bastante maior, 85 anos ou máis, el tampouco estaba alí cando sucederon estes feitos, e parece que ten bastante menos interese por manter o rigor dos feitos que os historiadores.

O personaxe de Napoleón aparece algo desdebuxado, non semella crible, a pesar de que o actor é moi bo, pero parece que sobreactúa nalgúns momentos, noutros parece que ten parálise facial, non sei, todo é moi raro. A película apenas ten ritmo. O único que me chamou algo a atención foron as escenas de batallas, que resultaron algo vistosas (pero semella que o rigor tampouco brillou pola súa presencia). Das moitas batallas que liderou, basicamente só se ven catro: Toulon, Austerlitz, Borodinó e Waterloo. E a película remata cuns créditos nos que consta que morreron uns 3 millóns de soldados nas súas batallas, dato bastante tendencioso, porque o balance da xestión de Napoleón tamén se plasmou en moitas outras cousas que nin se mencionan na película.

A película tamén se centra moito na controvertida relación entre Napoleón e Xosefina, que seguro que é interesantísima, pero a min me interesa menos, e nesta película non conseguiron que me interesara máis.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...