domingo, 21 de febreiro de 2021

Chisum

"Chisum" é unha película do Oeste estadounidense protagonizada por John Wayne, e con iso xa non hai moito máis que dicir. Foi dirixida por Andrew McLaglen en 1970 (ou sexa, que Wayne xa ía algo maior) e polo que parece os personaxes foron reais, non só os principais, senón algúns secundarios dos que falaremos despois.

Basicamente é unha loita de egos entre dous machirulos, o gandeiro John Chisum (Wayne, obviamente), boísimo, coma sempre, e Lawrence Murphy (interpretado por Forrest Tucker). A historia está baseada na batalla do Condado de Lincoln, en Novo México. John Chisum e un novo avogado intentan montar unha tenda e un banco na zona, para darlle servizo o mellor posible a todos os gandeiros da zona. Pero Murphy ten ata ese momento o monopolio e non quere soltalo tan facilmente. No bando de Chisum chegan a estar simultáneamente Pat Garrett e Billy O Neno. Pero cara ao final, este último mata a algúns opoñentes por razóns algo estrañas e convértese nun fuxitivo. Nesta película non se ve o seu final, pero seguro que si o vistes noutras do mesmo xénero.

Saúdos.



Anna Karenina

Hai anos lin moita novela do século XIX. E cheguei a profesar unha grande admiración por aqueles autores, principalmente rusos, franceses e españois, que na miña opinión, escribían de marabilla. E non deixei de opinar iso, simplemente que agora leo outras cousas, pero cando volva, seguro que o gozarei de novo. "Anna Karenina" é unha das grandes novelas de Tolstói, agora mesmo non sei se lin algo del, pero ganas non me faltan.

Así que botaban esta versión cinematográfica do ano 2012 dirixida por un tal Joe Wright (para min totalmente descoñecido) e animeime. Duraba pouco máis de 2 horas, e sóame que a historia é ben longa, así que podía ser un bo ensaio. Entre o numeroso elenco, só coñecía a Keira Knightley (facendo da estrela da historia), Jude Law, e en papeis moi secundarios, Alicia Vikander e Emily Watson.

Antes de ir coa historia, debo resaltar que me gustou moito a escenografía, lembraba moito ao teatro, que é unha das miñas paixóns. Moitas das escenas tiñan lugar nun teatro que estaba como baleiro. Ás veces era no escenario, ás veces no patio de butacas, que estaba baleiro, e polo tanto era un espazo moi flexible para representar todo tipo de escenas, ás veces nas bambalinas do escenario, tanto superiores como inferiores. E ademais víase claramente, pero non lle quitaba encanto, nin moito menos.

A historia vén sendo que Anna Karenina ten unha relación algo tensa co seu marido, xa maior e algo estricto, e cando fai unha viaxe de San Petersburgo a Moscú, para intentar resolver outro problema familiar de infidelidades, coñece casualmente ao Conde Vronsky, que teoricamente se ía casar cunha princesa coñecida por ela, e namórase tolamente del, e viceversa. E o resto da historia consiste en todas as familias e relacións que saltan polos aires con ese romance.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...