luns, 18 de abril de 2022

Palabras de Opoton o Vello

Este libro do que vou falar hoxe recoñezo que me sorprendeu cando souben da súa existencia. Nin coñecía ao seu autor de nada, nin sospeitaba que ninguén escribira sobre ese tema (totalmente inventado, claro). O autor é catalán, escribiuno nese idioma, e estivo exiliado en México uns 30 anos, se cadra por iso se lle ocorreu un tema tan orixinal. Foi traducido ao galego por Eduard Velasco, a quen podedes ver no vídeo de abaixo lendo un breve fragmento da súa tradución. Pero vaia, toda unha rareza.

Avel·lí Artís-Gener foi un multifacético intelectual catalán, no que probablemente poderíamos destacar as súas facetas de xornalista, escritor e deseñador. Por causa da Guerra Civil e o Franquismo, como tantos outros, estivo exiliado en México varias décadas, onde namorou da cultura precolombina e incluso aprendeu a falar en náhuatl. Supoño que de aí saíu esta novela.

Opoton era un oleiro azteca do século XV (segundo a cronoloxía cristiá europea, claro) que, por unha estraña circunstancia, cando era novo, viuse inmerso nunha expedición azteca cara ao Sol Nacente para buscar a Queztalcoatl, o seu Deus. Debido a iso, cruzaron un Gran Mar e chegar a unha estrañas terras ás que chamaron o Vello Atzlan (eles vivían en Atzlan) que coinciden co que é Galicia e a cornixa cantábrica. Obviamente, todo isto é ficción, non sucedeu nunca, pero é moi inxenioso supoñer que si pasou.

Fixeron seis canoas grandes e moi preparadas, formaron un "exército" de varios milleiros de homes e puxéronse a cruzar o que agora coñecemos como o Océano Atlántico, tendo unha breve parada na ida no Mar dos Sargazos, que os confundiu moito.

Chegaron de novo a terra nun lugar que parece ser Vilanova de Arousa, onde foron acollidos favorablemente. Pero outras vilas da zona, como Muros, presentáronlles moita resistencia. Tamén avanzaron polo interior, e chegaron a Compostela e á Coruña, onde foron reclutando galegos para seguir coa súa expedición.

Nun determinado momento, tomaron a determinación de ir cara ao País Vasco, debido a que algúen lles dixo que a estraña lingua que falaban se parecía moito ao euskera. E os xefes da expedición chegaron á conclusión que o sitio onde seguramente os esperaba Quetzalcoatl era Oiartzun, pero non sei moi ben de onde sacaron esa idea.

Entón, para chegar alí, dividiron o continxente en tres partes, dúas que ían ir por terra pero seguindo diferentes camiños, e outra que ía ir por mar, cruzando o bravo Cantábrico. Pero as tres foron moi pouco exitosas, e os poucos que sobreviviron (pouco máis de vinte, entre eles Opoton), voltaron ao seu país con algún galego que se integrou moi ben con eles. Os europeos seguíronos e cando Opoton xa era vello e estaba contando estas historias da súa xuventude, os españois estaban xa moi instalados en México, por desgraza para esa terra.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...