sábado, 4 de setembro de 2021

O avó

Onte pola noite botaban a película "O avó" na 2. Tiña ganas de vela porque estaba baseada nunha novela de Benito Pérez Galdós e porque había uns cantos actores, sobre todo veteráns, que fixeron algún dos seus últimos papeis. Na presentación previa dixeron que era unha película de grandes diálogos (estou de acordo, nada raro baseándose nunha obra dese gran escritor) e que tiña moi bo ritmo (aí discrepo algo máis). Que a dirixira Garci é un punto neutro, ás veces me convence máis e outras non tanto.

A película foi dirixida en 1998 por José Luis Garci. Os papeis principais foron para Fernando Fernán Gómez e Cayetana Guillén Cuervo, que están magníficos. En canto aos secundarios, están Rafael Alonso, Agustín González, Fernando Guillén, Francisco Algora e Emma Cohen, por exemplo. E tamén destacan moito dúas rapaciñas que fan uns papeis moi importantes, protagonizadas por Cristina Cruz e Alicia Rozas. Creo que a primeira aínda triunfou algo máis noutras series, e a segunda menos. Pero non me soa que agora, xa adultas, teñas carreiras moi exitosas.

O conde de Albrit, antes moi rico, agora é pobre debido a que se arruinou ao ir xa maior a Perú a intentar atopar ouro nunhas minas. Na súa volta a Asturias, xa nada é o que parece, e o seu prestixio social baixou moito. A súa nora (esposa do seu fillo, xa morto), que é rica, vive en Madrid coas súas dúas fillas (netas do conde) e de cando en vez vén a provincias, onde é venerada. Porque cos seus contactos en Madrid consegue moitas cousas para a vila asturiana.

Pero a relación entre o conde e a súa nora é moi mala, nunca se apreciaron. E moito menos agora, cando o avó acaba de descubrir que unha das súas netas non é súa, senón que a tivo a súa nora nunha aventura extramatrimonial cun pintor. El quere saber cal das súas "netas" é a súa realmente. Pero non lle resulta nada doado, porque as dúas o veneran e lle demostran o seu cariño. Unha delas ten moitas aptitudes para a pintura, e el sospeita que esa é a que non é do seu sangue.

A nora dilles ás forzas vivas da vila que non quere saber nada máis do avó, e que hai que facer algo para apartalo da vida pública. Intentan metelo nun convento, pero en canto el detecta esa intención, marcha e volve á vila. Por rencillas entre as forzas vivas, unha das persoas máis destacadas da vila ensínalle unha antiga carta na que queda claro que unha das netas non é do suposto avó, pero non queda claro cal delas é.

Finalmente, a nora fai un último intento por xuntar a toda a familia, e ofrécelle ao avó ir con elas a Madrid, pero el négase. El reclama que a súa neta quede con el na vila, e ela dille finalmente cal é a súa neta lexítima. Pois resulta que é a que tiña aptitudes para a pintura, que todo o mundo pensaría que sería a filla do pintor, pero non. Pero para maís sorpresa, ao final, a neta que non é do seu sangue é a que decide quedar na vila con el e non ir a Madrid.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...