luns, 2 de agosto de 2021

Evolución

Hai días que se toman malas decisións. Non sería doado explicar a razón pola que vin esta película, pero o pasado non se pode cambiar, así que non hai moito que facerlle. Pareceume ler nalgún sitio que, inicialmente, esta ía ser unha película "seria", pero semella que durante a rodaxe os actores comezaron a facer bromas e tomas falsas, e ao director e os guionistas ocorréuselles cambiar o guión para convertelo nunha comedia. Tendo en conta que o director basicamente fixo comedias, non me cadra demasiado esa estraña versión da historia.

Esta película foi dirixida en 2001 por Ivan Reitman, que destacou especialmente nos anos 80 facendo comedias como "Os cazapantasmas" (así está o nivel). Nesta película hai algúns actores máis ou menos coñecidos, como David Duchovny e Julianne Moore, e incluso aparece ao final Dan Aykroyd. Hai que ter en conta que David Duchovny só triunfou facendo unha serie sobre extraterrestres, a famosa "Expediente X" (da que non vin ningún capítulo), e que esta película trata precisamente sobre ese tema. Así que non sei se crerme a teoría de que non ía ser unha comedia. Por último, en canto o título, nalgúns países deixaron o orixinal en inglés, nalgúns o traduciron a castelán, pero en Venezuela decidiron que tiña que ser "A nova xeración", que sempre lles gusta innovar.

A historia é bastante chorras. Cae un meteorito que trae uns organismos alieníxenas nun deserto de Arizona. Dous profesores dun centro universitario cercano achéganse por alí e descubren que eses organismos están moito máis avanzados que os humanos, e ademais ven que a súa evolución biolóxica está aceleradísima. Como sempre en Estados Unidos, entérase o exército que vén cos seus militares e científicos propios, sela a zona e búrlase dos demais pola súa ignorancia. O resto da película é a loita entre os modestos científicos locais e os tremendos medios federais para intentar resolver o problema da posible invasión deses seres. A solución ao caso é unha estupidez que terá gracia nese país de chalados no que se fixo a película, pero é que xa non había moito que facer a esas alturas. Só hai algún que outro chiste máis ou menos simpático e escatolóxico, como o que vos poño no vídeo, pero non moito máis.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...