domingo, 2 de xaneiro de 2022

Barry Lyndon

No ano 2021 que acaba de rematar, como coido que xa dixen anteriormente, merquei un paquete que trae sete películas do gran director Stanley Kubrick, o que a min máis me gusta, aínda que non todas as súas películas me convencen. Unha das razóns principais para facer esa compra era que se cumprían os 50 anos de "A laranxa mecánica", precisamente a película que máis me gusta (deste director e da historia do cine en xeral). Pero outra que me gusta moito e que había moito tempo que non veía era "Barry Lyndon", así que a puxen unha destas noites despois de cear, porque dura nada menos que tres horas.

Foi dirixida en 1975 por Stanley Kubrick, e os papeis principais foron para Ryan O'Neal, Patrick Magee e Marisa Berenson. O de Ryan O'Neal está moi claro, porque aparece a todas horas, e a película trata da vida do seu personaxe. Patrick Magee (que xa tivera un papel importante en "A laranxa mecánica", a anterior película deste director) é dos personaxes máis importantes da primeira parte da película. Marisa Berenson é a máis importante da segunda parte. Como sempre, están acompañados por un feixe de magníficos actores e actrices secundarios, en moitos casos do teatro británico, como Hardy Kruger, Gay Hamilton, Godfrey Quigley, Marie Kean, Murray Melvin, Leon Vitali, Philip Stone ou Leonard Rossiter.

A primeira parte da película trata sobre as primeiras décadas de vida do irlandés Redmond Barry, que nace a mediados do século XVIII. Trala morte do pai nun duelo, a nai vólcase na crianza do seu único fillo. Redmond namora da súa curmá Nora. Pero Nora decide casarse cun capitán do exército británico, que traerá moita riqueza á familia. Redmond reta a duelo ao capitán, pero el non sabe que o duelo está amañado, para que pense que matou ao capitán e que debe fuxir da policía. De todo isto el entérase máis tarde.

Algún tempo máis tarde, sen ter onde caerse morto, únese ao exército británico, pero sen moito afán, e acaba desertando, aínda que é descuberto polos prusianos, que son os seus aliados na Guerra dos Sete Anos, que estaba tendo lugar. Salva a vida dun dos capitáns prusianos e pensan nel como espía dun xogador francés que está de xira por Prusia, do que sospeitan que tamén é espía para o seu país, contricante nesa guerra. Pero tampouco é capaz de soportar a presión, e confésalle ao xogador (que realmente é irlandés, coma el) que ten que finxir que lle espía. 

Conseguen fuxir do país e seguen de xira ludópata por Europa, facendo grande fortuna. Volven ás Illas Británicas, e nunha das súas partidas, coñecen a Lord Lyndon e Lady Lyndon, nobres que teñen grande fortuna. Lord Lyndon vai maior, espérase que non tarde moito en morrer, e Lady Lyndon gústalle moito, así que fai plans para casar coa señora en canto morra o señor, aínda que todo o mundo o ve claramente, e o propio Lord Lyndon bótallo en cara en público. Pero o señor morre axiña, e Redmond casa con Lady Lyndon, pasando a chamarse Barry Lyndon.

Dese xeito comeza a segunda parte da película. Lady Lyndon xa tiña un fillo, que ten uns 7-8 anos no momento do novo casamento, que recibe o nome de Lord Bullingdon. Este fillo, a pesar da súa curta idade, ten claro que os propósitos de Barry non son nada nobres, e as súas relacións son nefastas dende o primeiro día. E razón non lle falta, porque a pesar da beleza de Lady Lyndon, Barry pasa bastante dela e vai a burdeles para estar con outras mulleres. A pesar diso, teñen un fillo propio, chamado Bryan Patrick.

Barry decátase de que precisa conseguir un título nobiliario propio, porque todo o que ten realmente é da súa muller. Así que comeza a invertir grandes cantidades de diñeiro (da súa muller) en ter amizades, festas e propiedades para que o rei lle conceda un título propio que lle permita vivir despois. Pero non o consegue. Lord Bullingdon marcha da casa cando ten unha certa idade, para non soportalo máis. E Bryan morre ao caer dun cabalo que lle ían regalar no seu aniversario. Barry cae nun pesar terrible, e Lord Bullingdon volve para retalo a duelo. O duelo ten lugar nunhas condicións moi estrañas, e Barry ten todo ao seu favor para matar a Bullingdon, pero decide non facelo, e recibe un disparo na perna esquerda, que despois teñen que amputarlle pola ferida. A película remata con Barry marchando coa súa nai para Irlanda de novo, cando xa é algo maior.

Fantástica película, con moitas das características habituais do cine de Kubrick. Ritmo lento, diálogos curiosos e ás veces intrascendentes, moitas escenas sen diálogos pero con olladas que transmiten moito. Música clásica fantástica e tradicional irlandesa tocadas polos Chieftains. Polo visto, unha ambientación do século XVIII que aínda non foi igualada. 

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...