sábado, 11 de maio de 2024

Cronos

Hai pouco conseguín ver, por fin, o "Laberinto do fauno", unha das películas máis exitosas de Guillermo del Toro. E iso lembroume que, hai moitos anos, vira e gustárame moito "Cronos", a súa primeira película. Ademais diso, sabía que esta última película estaba dispoñible en Youtube. Atando cabos, rematou sucedendo o que era previsible.

"Cronos" foi a primeira película mexicana dirixida por Guillermo del Toro, xa no ano 1992, cando tiña menos de 30 anos. Os principais papeis no elenco son para Federico Luppi (arxentino), Ron Perlman (estadounidense) e Claudio Brook (mexicano).

No século XV, un alquimista español deseñou un curioso mecanismo, con forma de escarabello dourado de metal, que serve para dar a vida eterna. Faino a través dunha agulla metálica que bombea un líquido secretado por un estraño insecto que hai no seu interior. Dalgunha estraña maneira, ese artefacto chegou a un anticuario chamado Juan Gris, metido dentro dunha talla dun santo xa algo deteriorada, e deu con el de casualidade. 

Accidentalmente, accionouse o mecanismo e cravouse a agulla na man do anticuario. A partir dese momento, séntese moito máis enérxico e xuvenil. Xusto nese momento, aparece na súa tenda un tipo anglosaxón, disposto a pagar unha boa suma por levarse a talla do santo, e o anticuario acepta encantado, pero sen o mecanismo, que o gardou para el. O comprador enterouse de que podía estar alí, porque o seu tío, un millonario que está morrendo, leva anos buscando ese mecanismo, para salvar a vida, e dálle a pista e os cartos para que merque a talla e consiga o mecanismo.

Obviamente, a partir dese intre, o anticuario é perseguido polos outros, para conseguir o mecanismo, pero o sobriño non sabe moi ben de que vai a cousa, e tampouco pon moito interese, porque prefire que o seu tío morra, e así cobrar a herdanza. Por certo, cando comezas a "pincharte" con ese mecanismo, aparte de ter máis enerxía, tamén tes moita máis ansia de consumir sangue humano, así que convérteste, máis ou menos, nun vampiro. E polo que parece, tamén tes certa capacidade para resucitar, en determinadas circunstancias. Que a vida eterna non che é calquera cousa.

Aí tedes a película completa, por se queredes vela.

Saúdos.



A memoria dos mortos

Estamos xa case a final de curso, a cabeza está xa moi cansa, e necesita lecer continuamente, aínda que ás veces non sexa de calidade suprema. Pero nesta ocasión aínda tiven boa puntería. Buscando unha película de ciencia-ficción (xa sabedes, un dos xéneros que máis me gusta) en Rakuten, atopei esta película, tiña valoracións razonablemente altas e varios actores coñecidos, non duraba demasiado... A elección foi bastante boa, non se pode negar.

"A memoria dos mortos" foi dirixida en 2004 por Omar Naim, un director libanés do que non oín falar nunca, e do que polo visto, esta é a súa película máis destacada. As principais figuras do elenco son Robin Williams (sobre todo, monopoliza a película), Mira Sorvino e Jim Caviezel. A curiosidade do seu título é que o orixinal é "The Final Cut" (poderíamos traducila como "A montaxe final", e ten moito sentido), pero deixárona para o mercado hispano-falante como "A memoria dos mortos", tradución moi mala, pero que tamén ten sentido na historia.

Alan Hakman é o mellor "montador" ou "editor" da empresa Eye Tech, que se fixo de ouro co Chip Zoe, un chip que algúns pais con recursos implantan no cerebro dos seus fillos xusto ao nacer, e que grava toda a súa vida. Cando esas persoas morren, un montador da empresa colle a gravación, e elabora un breve documental que se proxecta durante o funeral. Obviamente, os montadores censuran todas as cousas malas e só proxectan as interesantes e emotivas. Moitas persoas de ética dubidosa queren a Alan como montador. Por certo, os pais non poden dicirlle aos seus fillos e fillas que teñen o chip implantado ata os 21 anos.

Un día, Hakman recibe o encargo de elaborar a película da vida de Charles Bannister, un dos fundadores de Eye Tech, que ten fama de ser un bo peixe. Obviamente, ten que censurar moitas cousas que ve nos vídeos, pero nunha escena sen importancia aparece un tipo que lle recorda unha moi desagradable experiencia da súa infancia, e ponse a investigar sobre esa persoa. Tirando do fío, entérase de que el mesmo tamén ten implantado o chip Zoe, pero os seus pais morreron nun accidente de coche cando el era pequeno, e obviamente ninguén puido comunicarlle que o levaba posto. De xeito arriscado, consegue ver parte da gravación (estando aínda vivo, é posible pero moi perigoso para a vida do implantado) e comprobar que aquel amigo da infancia non morrera nun accidente que tiveron (como el pensaba), senón que simplemente quedara ferido.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...