luns, 16 de agosto de 2021

Batman e Robin

A ver, as películas estas de superheroes non me chaman demasiado a atención. Pero as que se fixeron hai décadas, en torno ás figuras de DC, como Superman, Batman e Spiderman, aínda me chaman algo. Todas estas de Marvel que apareceron hai pouco, pois poden estar ben, vin algunha, pero nin me aclaro.

A saga de Batman ten as súas cousas curiosas. Están baseadas en cómics antigos, creo, e parece que houbo unha serie de televisión de culto nos anos 60. Pero ata finais dos 80 non se realizou a primeira película. Se non me saen mal as contas, xa se fixeron 7 películas deste personaxe. As dúas primeiras dirixiunas Tim Burton con Michael Keaton facendo de superheroe (é máis ben baixo, deberon poñerlle alzas). As dúas seguintes dirixiunas Joel Schumacher, con Val Kilmer e George Clooney de morcego. E as tres seguintes supuxeron o rexurdir da saga con Christopher Nolan na dirección (moi bo indicio) e Cristian Bale de morcego (tamén moi bo indicio). Non me soa que haxa máis, pero chegan ben.

As de Nolan supuxeron un rexurdir precisamente porque despois desta que vou comentar e que vin eu, todo o mundo pensou que xa ninguén o ía intentar. O certo é que onte pola tarde, nunha cadea española, botaban tres ou catro seguidas da saga, pero a única que podía ver era esta, que xa me soaba que era a peor de todas. Éche o que hai.

Sempre me deu a impresión de que todas as historias que xiran en torno a Batman teñen un certo toque infantil. Os escenarios sempre parecen de cartón pedra, os malos son sempre moi histriónicos... Agás na primeira da saga, na que parece que Joker é o único inimigo declarado de Batman e Gotham City, parece que no resto de películas os inimigos do superheroe veñen por parellas. Así que as incógnitas de cada nova película da saga son que actor vai facer de Batman e cales van ser os malvados que se van enfrontar a el.

Nesta película, que é un auténtico disparate, George Clooney fai de Batman (ía ser Val Kilmer, pero estaba rodando outra película, fixo ben), e Chris O'Donnell fai do controvertido Robin, que ata este momento apenas aparecera no cine. Os malvados son Mr. Freeze (Arnold Schwartzenegger, que cobrou unha millonada e apareceu de primeiro nos créditos da película) e Hiedra Venenosa (Poison Ivy, interpretada por Uma Thurman). Tamén está Michael Gough como servinte de Batman e Alicia Silverstone, sobriña del, e que acaba sendo BatGirl.

A historia non ten moita chicha, obviamente. Mr Freeze era un científico que estaba intentando salvar á súa esposa, que tiña un estraño síndrome, e sufriu un accidente que o converteu nun ser que está xeado e só podía vivir en temperaturas baixo cero. Por iso cégase e quere que todo o mundo se conxele. Os malos en Batman son así de simples. E Hiedra Venenosa era unha activista ecoloxista tan radical que sofre un accidente, e agora quere rematar con todos os humanos e animais para que a natureza recobre o seu lugar.

Os fanáticos da saga puxérona a caldo. Por exemplo, pola sexualización dos personaxes principais. Non lles gustou nada que os traxes de Batman e Robin tiverán pezóns. E ademais semella que moitos veían unha posible relación homosexual entre Batman e Robin, porque Batman lle dicía continuamente que tiña que ter coidado con Hiedra Venenosa, que tiña cautivado a Robin. A min pareceume ver que Robin tiña flirteos con Hiedra Venenosa e coa rapaza que acabou sendo BatGirl, así que non vexo moi ben por onde podía saír esa relación homosexual con Batman. Ademais Batman tiña unha relación cunha muller protagonizada por Elle McPherson, aínda que Batman non quería casarse, e ela si. 

Coméntanse moitas cousas sobre o absurdo do seu humor, das súas pelexas, que se tiña un certo parecido coa serie dos 60. Non sei, cousas que se me escapan. A min pareceume algo ou bastante disparatada, pero seguramente non moi diferentes das outras da saga, aínda que vin moi poucas, de momento.

Saúdos.



Indiana Jones na busca da arca perdida

Si, si, debo recoñecer que estas películas de aventuras pouco pretenciosas, moi tramposas e frenéticas me gustan bastante. Esta concretamente penso que xa a vira enteira hai moitos anos, pero a verdade é que me soaban algunhas escenas, pero outras non, e algún personaxe importante non me soaba de nada.

É a primeira que se rodou desta saga, en 1981, e o equipo promotor impresiona bastante, con Steven Spielberg na dirección, e George Lucas, Lawrence Kasdan e Philip Kauffman no guión. Todos estes eran colegas e uns anos antes puxeron en marcha proxectos como Star Wars. O protagonismo principal foi para Harrison Ford (que tamén estaba en Star Wars), e os principais secundarios foron Karen Allen e Paul Freeman, aos que non lembraba de nada nin nesta película nin noutras.

Como sabedes, a historia non ten moita ciencia. A chicha de toda esta saga é que Henry Jones é un profesor de arqueoloxía que está sempre buscando obxectos míticos e históricos polo mundo adiante, case sempre con posibles poderes sobrenaturais e esotéricos. E iso desata a ambición doutras xentes e poderes, case nunca para cousa boa, e por iso entra en conflito por eles.

Nesta ocasión entérase de que os nazis (a historia está ambientada en 1936) están buscando a Arca da Alianza, e que están contactando con algúns outros arqueólogos aos que el coñece e que son fiables. Por iso marcha para Exipto para intentar adiantarse a eles. Ao final conségueo, como era obvio, pero os nazis, asesorados por un arqueólogo francés que é o rival de Indiana Jones, conseguen a Arca da Alianza. Ábrena nunha illa do Mediterráneo, para comprobar se ten todo o poder que intúen, e efectivamente o ten, provocando a destrución case total da illa.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...