sábado, 27 de maio de 2023

Sangre de muérdago (Sangue de visco??)

Había xa varios anos que oíra falar desta banda e tiña ganas de vela actuar en directo. Supostamente son un grupo de folk que canta en galego, o seu nome é claramente español e o grupo está (máis ben estaba) radicado en Alemaña. Vaia, un lío!! O outro día fun velos á Sala Garufa e xa me fixen unha idea mellor do que significa este proxecto musical.

O grupo foi fundado e é liderado polo galego Pablo Caamiña Ursusson. Comezaron hai uns quince anos e creo que xa o fundou cando estaba en Leipzig. Polo que dixo durante o concerto, semella que foi máis ben un exilio voluntario, non obrigado por ningunha razón concreta. Alí rodeouse de músicos variados aos que convenceu do seu proxecto musical. O seu camarada principal é o alemán Georg "Xurxo" Börner. Tanto é así que xa deixaron Alemaña e afincáronse nalgún lugar da provincia da Coruña (algo me dixeron, pero prefiro non revelalo), e seguen os dous xuntos no grupo. O outro día tocaron acompañados por un violonchelista e un clarinetista (presentáronos brevemente ao final, pero non lembro os seus nomes).

O seu estilo supostamente é "neofolk" (xuraría que nunca vira esa palabra) cantado en galego. Non sei, a min deume a sensación de ser case como folk americano, moi semellante á música de cantautor, pero con instrumentos máis tradicionais europeos. Canta sempre Pablo normalmente acompañándose da súa guitarra acústica. Xurxo toca a nickelharpa (se non sabedes o que é mirádeo en Internet, pero vén sendo algo así como unha mestura de violín e zanfona). E xa dixen antes que no concerto do outro día tamén había un clarinete e un violonchelo. Só nun par de ocasións, Pablo non cantaba, deixaba a guitarra e collía a zanfona, e cada vez que o fixo, tocaron seguidas un par de pezas instrumentais.

A música do grupo resulta agradable pero é tremendamente lenta. Dígoo porque no folk é relativamente habitual que teñan máis presenza os ritmos rápidos que os lentos. As cancións nas que cantaba Pablo eran moi lentas, todas sen excepción. E o que é peor para min, parecéronme todas moi semellantes, fíxoseme un concerto moi monótono. As cancións máis movidas e que, se non me engano, provocaron as maiores ovacións, foron esas que xa mencionei, instrumentais con Pablo á zanfona. O grupo debería tomar nota dese detalle, pero seguro que xa o fixo.

Saúdos.



O coloso en lapas (ou Inferno na torre)

Recoñezo que ao traducir os títulos de películas ao galego partindo dende o castelán (feo vicio que debería abandonar) ás veces quedan algo insulsos. Esta película, que seguro que coñecemos todos, tivo o título orixinal de "Towering Inferno". En Hispanoamérica chamárona "Inferno na torre" (bastante ben) e en España descolgáronse cun delirante "El coloso en llamas", moi poético pero xa algo máis desviado. Botábana hai unhas semanas no ciclo de cine clásico da 2, que este mes é cine estadounidense de catástrofes.

Foi dirixida por John Guillermin en 1974 e o elenco estaba encabezado por Paul Newman e Steve McQueen, cunha rivalidade laboral considerable, xa que cobraron exactamente o mesmo, e tamén na pantalla. Despois, xa en papeis secundarios, aparecen William Holden, Faye Dunaway, Fred Astaire, Susan Blakely, Richard Chamberlain, O. J. Simpson, Robert Vaughn, Robert Wagner, e Jennifer Jones. É importante resaltar que o produtor foi Irwin Allen, especialista neste cine de catástrofes.

A historia non ten moita chicha. En San Francisco vaise inaugurar o rañaceos máis alto do mundo, con case 140 andares, e vai haber unha festa no último andar. Cando están aplicando toda a potencia para iluminar o edificio enteiro, xurde un incendio nunha sala de máquinas intermedia, e o incendio esténdese axiña en todas direccións. As persoas que asistían á festa perden toda posibilidade de saír, xa que o sistema eléctrico falla e o fume enche as escaleiras de todo o edificio. Hai que idear algunha fora de saír. Inténtanno pousando helicóptero na azotea, pero vai moito vento e hai un accidente. Dende un edificio cercano, obviamente máis baixo, botan un cable sobre o que irá unha pequena cabina que permite salvar a varias persoas, ata que un insensato con moitas ganas de saír provoca que rompa o cable e el caia ao baleiro. Finalmente fan estoupar uns xigantescos depósitos de auga que hai no alto do edificio. Eso apaga todos os lumes que estaban activos, pero a fabulosa corrente de auga tamén mata a algunhas persoas.

Esa é a historia xeral, polo medio hai moitas intrahistorias. Os dous heroes principais da operación antiincendios son o arquitecto do edificio e o xefe de bombeiros, que a pesar da aparente rivalidade machirula, acaban colaborando con fluidez. O incendio foi provocado porque o construtor quería aforrar costes, e díxollo ao seu xenro, que era o contratista dos materiais, e el aforrou e os cables eléctricos non eran da mellor calidade. E despois hai todo tipo de situación, amores, amantes, timadores, senadores, e demais fauna estadounidense.

Saúdos.



A louca historia de Galicia

Xa hai varias décadas (25-30 anos facilmente) que sei da existencia dunha compañía galega de teatro chamada Fulano, Mengano e Citano. Vin algunha obra deles e algún deles (Manuel Pombal) tivo unha certa presenza na TVG, pero xa digo, moi nos inicios, así que seguramente falamos dos anos 90. Hai unhas semanas viñan actuar ao Fórum Metropolitano da Coruña, e a proposta temática semellaba atractiva, así que me animei a ir. Teñen un Facebook e nalgún artigo dun xornal vin que a compañía está formada por catro actores: Manuel Botana, Suso Pando, Marcos Alonso e Manuel Pombal. Pero a min paréceme un pouco raro. Nesta obra actúan tres, en todas as fotos aparecen tres, e de feito, creo que o nome da compañía tamén fai referencia a que son tres.

Esta vez viñan coa obra "A louca historia de Galicia", na que se propoñían contar varios miles de anos de historia desta zona do planeta facendo multitude de personaxes entre os tres. Non ía eu con moi altas expectativas, pero recoñezo que o pasei bastante ben, e o público opinou o mesmo, porque ovacionou efusivamente ao final. Sospeito que parte da culpa foi do último sketch, no que se falou da terna de partidos políticos PP, PSOE e BNG na época de bipartito, co ocaso de Fraga e a irrupción de Feijoo.

O único vídeo que atopei en Youtube (se cadra hai máis, pero non fun quen de atopalos nunha busca rápida) desta compañía é dunha obra anterior. Éche o que hai.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...