A finais do ano 2025 publicamos en CUAC FM a primeira edición do libro "Que bonitas son as ondas radiofónicas", que serve para que no ano 2026 celebramos os primeiros 30 anos de vida desta emisora de radio comunitaria coruñesa. Queda feo dicir aquí que a idea de facer ese libro a propuxen eu nunha asemblea da emisora, pero é así, éche o que hai.
Quedou moi chulo e emotivo, un bo feixe de colaboracións a cargo de moita xente do mundo da comunicación coruñesa, galega e española, que rematan co colofón do último artigo, a cargo do mítico Iñaki Gabilondo que, polo visto, nos coñece, ou polo menos algo oíu falar de nós. E que estamos facendo o posible e o imposible para que nos coñeza en persoa ao longo deste ano 2026.
O título orixinal desta bastante estúpida película foi algo así como "Fagamos o amor", en España chamouse como vedes no título desta publicación, e en Arxentina viñéronse arriba con "A adorable pecadora". Sen comentarios. Polo que parece, Henry Miller, que daquela estaba casado con Marilyn, reescribiu o guión varias veces, porque debía ser un "truño", para ver se convencían a algún actor famoso para interpretala. Ofrecéronllo a Gregory Peck, Cary Grant, Charlton Heston, Yul Brynner e Rock Hudson. Sen comentarios.
Esta película foi dirixida en 1960 por George Cukor. Os principais papeis do elenco foron para Marilyn Monroe, Yves Montand, Tony Randall, Frankie Vaughan, Wilfrid Hyde-White e David Burns. Parece que durante a rodaxe houbo unha moi pública e escandalosa relación entre Monroe e Montand, pero a señora xa estaba no declive da súa vida, que finou dous anos máis tarde, e xa case todo daba igual.
A historia é bastante tonta, a verdade. Nun musical bastante cutre teñen previsto criticar a algúns personaxes públicos, como o multimillonario que protagoniza a película. Debido ás súas redes de información, entérase de que vai suceder iso e decide investigar, a ver se é relevante ou se é mellor pasar do tema.
Xunto co seu responsable de "redes sociais" da época, vai ver de incógnito un ensaio do musical, e namora perdidamente da principal estrela do mesmo. Pero claro, todos os que o ven alí, cren que é un imitador do magnate, porque non poden crer que o propio magnate estea alí preocupándose por esa cutre montaxe.
Pretende recibir formación dos principais humoristas e estrelas da época (Bing Crosby e Gene Kelly fan cameos na película debido a iso), para ser contratado no musical e poder namorar á cantante. O certo é que xa nin sequera lembro como remata a película, e iso que non pasaron máis que varias semanas da proxección. Por algo será.
Esta película foi a cuarta e penúltima do ciclo que lle dedicaron a Marilyn Monroe polo centenario do seu nacemento. A verdade é que non foi das peores, polo menos saíase do seu típico papel de buscadora de marido millonario. Pero moito máis non tiña. Por certo, en Hispanoamérica traduciron o título como "Nunca fun santa". Esta tradución non ten demasiado sentido, pero o título orixinal tampouco demasiado, a non ser que teñamos en conta que nunha parada de autobus pasan cousas relativamente relevantes nun par de ocasións na película.
"Bus stop" foi dirixida por Joshua Logan en 1956. Os principais papeis do elenco foron para Marilyn Monroe, Don Murray, Hope Lange, Betty Field, Arthur O'Connell e Eileen Heckart.
Conta a historia dalgo que sucede en moi poucos días, tres ou catro. Un rudo vaqueiro de Montana, moi xoven e inexperto, que case non saíu na súa vida do seu rancho, vai cun colega que case fai de pai ou titor a un rodeo en Arizona. O rapaz é moi bo nos rodeos e cruzan varios estados nun bus para chegar alí.
O titor, que se preocupa moito por el, na ida insinúalle que vaia pensando en coñecer a algunha muller, algo no que o xoven vaqueiro aínda non pensara. Pero polo novo e inexperto que é, non ten nin idea de cal é a súa muller ideal, e semella ter ideas peregrinas en torno ás mulleres, ás que pouco diferenza das vacas.
Chega a Phoenix, onde se van celebrar multitudinarias competicións de rodeos, e antes de participar no primeiro xa cae deslumbrado por unha mediocre cantante dun local (obviamente Marilyn), que non esperta o máis mínimo atractivo en ninguén, nin sexual nin como cantante. A el parécelle mal e decláralle inmediatamente o seu amor, e que casarán ao día seguinte, e ela intenta fuxir espantada, pero non o consegue.
E volven todos en bus para Montana, con ela intentando fuxir del. Diso entérase o condutor do autobus, que se ve obrigado a parar nunha famosa parada xa que hai unha gran nevada e a estrada está cortada. Cando sucede iso, dálle unha paliza ao vaqueiro, que o fai reflexionar. Ao erguerese a mañá seguinte para seguir camiño a Montana, o vaqueiro xa reflexionou e promete ser máis respectuoso, e a cantante, que nunca foi moi querida, queda namorada do vaqueiro. Ou sexa, unha soberana estupidez.
Esta obra de teatro xa debía levar cerca de dous anos de xira, oíra falar moi ben dela e tiña ganas de vela, porque a primeira vez que veu á Coruña non me foi posible ir. Pero a segunda, cando pechaban a xira, non a deixei fuxir. E de novo volveron encher o Teatro Rosalía de Castro.
A obra é da compañía Butaca Zero en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Non é normal que esta compañía faga producións tan grandes e potentes, pero esta vez valía a pena. A autora é Esther Carrodeguas, a dirección é de Xabier Castiñeira, e o elenco está formado por Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outomuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e Esther Carrodeguas. Todos facendo de Manuel Fraga (si, as actrices tamén) en diferentes momentos da súa intensa vida. Tres horas de obra xunto cun descanso de quince minutos cronometrados.
Había, antes de vela, algo que me desconcertaba. Supostamente era unha crítica moi ácida a Manuel Fraga e a todo o que el representa (franquismo e Partido Popular). Pero me desconcertaba que a estrea da xira inicial fora en Vilalba, a vila natal de Fraga e onde supostamente o idolatran. Pero despois de vela está claro: non hai compaixón e é unha crítica feroz ao seu labor e traxectoria, e nas partes que tocan, tamén ao Franquismo (chámanlle Paquita todo o tempo). Non me explico como puido estar de xira por todas partes, con coprodución do Centro Dramático Nacional, e que non se escoitara o máis mínimo comentario da "caverna mediática madrileña".
Esta foi a terceira película do ciclo de Marilyn Monroe co gallo do centenario do seu nacemento. Seguramente é o título máis famoso da súa filmografía. Pero a min foi das que menos me interesou. Estou agora revisando na Wikipedia o argumento, e sóame moi vagamente, así que xa a estaba esquecendo. Despois de vela, tiven a sensación (e na documentación tamén o insinúan) que tiña un papel (e un salario) máis destacado Jane Russell que Marilyn. Pero Jane Russell morreu de vella e non tivo o impacto na historia do cine que si tivo Marilyn.
"Os cabaleiros prefírenas loiras" foi dirixida por Howard Hawks en 1953. Parece que tiñan pensado contratar a Betty Grable, pero despois do éxito de "Niágara", pensaron que Marilyn Monroe era moito máis rendible en todos os aspectos. Os principais papeis do elenco foron para Jane Russell, Marilyn Monroe, Charles Coburn e Elliott Reid.
Pois nada, que dúas cantantes de Arkansas que se levan moi ben e que queren triunfar na música e na vida, son moi diferentes, pero seguen xuntas para conseguir os seus obxectivos. Por razóns que xa non lembro móntanse nun trasatlántico con destino a Francia, xunto ao equipo olímpico (irían a algúns Xogos Olímpicos, digo eu), algúns ricachóns e algún detective contratado polo mozo dunha delas para asegurarse que a picarona non facía ningunha falcatruada na viaxe.
O que pasa na viaxe é todo un enredo (que estou intentando esquecer por completo), xa que o detective que vixila a unha delas namora da outra, saca fotos que poden resultar comprometedoras, e fan cousas para intentar sacarlle esas fotos. Obviamente, despois de todos os líos, a cousa acaba ben con varias vodas.
Tiña no punto de mira dende hai algún tempo esta obra, que levaba algún tempo de xira por Galicia. Non me soa que viñera á Coruña, pero en canto souben que ían representala no Centro de Usos Múltiples do Burgo, en Culleredo, non o dubidei.
Trata sobre a denuncia que o bispo de Ourense interpón contra Manuel Curros Enríquez por varios dos poemas da súa obra "Aires da miña terra". Oíra falar bastantes veces do tema e apetecíame ver unha montaxe teatral que abordara o asunto, que ao final quedou en nada.
A montaxe foi da compañía Malasombra, a autoría e dirección foi de Cándido Pazó, que sempre é unha garantía, e o elenco estaba formado por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal. O auditorio estaba case cheo (tampouco é tan grande) e gustou moito.
Esta foi a segunda película do ciclo que RTVE dedicou a Marilyn Monroe polo centenario do seu nacemento. Cando escribo este artigo xa o botaron completo, así que xa sei de sobra que foi a mellor película (ou a que a min máis me gustou e interesou) de todo o ciclo, así que vou recomendar o seu visionado, porque é cine negro con guión retorcido e imprevisible. Marilyn estaba máis ou menos no seu papel habitual, pero nesta historia as consecuencias son menos banais que nas outras películas.
"Niágara" foi dirixida en 1953 por Henry Hathaway. Os catro papeis máis interesantes foron para Marilyn Monroe, Joseph Cotten, Jean Peters e Max Showalter, que interpretan aos dous matrimonios que se coñecen estando de vacacións nese lugar.
George e Rose Loomis son un matrimonio moi inestable que están rematando a súa estancia nas cataratas do Niágara, cando chegan alí en "lúa de mel posposta" o matrimonio formado por Ray e Polly Cutler, este moi máis estable e convencional. Coñécense porque o segundo matrimonio ía ocupar unha cabana que usaran os primeiros, pero estes aínda non marcharon, porque o marido está supostamente enfermo.
Dende o principio xa se percibe que o matrimonio Loomis non está moi unido. Rose semella moi vivaracha e despreocupada, ademais de atractiva (seguro que xa estades intuíndo quen interpreta ese papel) e o seu marido parece moi ciumento e atormentado. Pola contra, o outro matrimonio vai ao seu e intenta non mesturarse demasiado cos outros dous.
Na primeira visita ás cataratas, Polly xa descubre accidentalmente que Rose ten un amante, así que a relación comeza a parecerlle rara. Pouco despois, na urbanización onde están as súas cabanas fan unha festa con música, Rose pon no xiradiscos unha canción que lle gusta moito, e George sae da cabana e rompe o disco diante de todos. Agora xa todos ven que algo non vai nada ben.
E a partir de aquí seguen pasando moitas cousas. Aínda que a película ten máis de 70 anos, a min sorprendeume bastante, así que non vou destripala moito máis, pero xa vedes que hai un incendio prendido: amante + marido ciumento. Recoméndase o seu visionado (será a única deste ciclo de Marilyn da que diga algo similar).
Mira que vou pouco eu a exposicións ultimamente, ou vou a algunhas que me resultan irrelevantes. Pero pasou por A Coruña hai pouco a exposición itinerante organizada por La Caixa, titulada "Nikola Tesla. O xenio da electricidade moderna" e fun vela. Xa me cruzara con ela hai un par de anos en Segovia, pero alí non tiña tempo para vela, mais esperaba que acabara chegando a esta zona algún día, como así foi.
Pois que dicir, que Nikola Tesla paréceme un personaxe fascinante, e todo o material que vexo por cerca bótolle un ollo, que nunca está de máis.
Como creo que xa sabedes, sigo con certa fidelidade o espazo de cine clásico da 2, que é os luns a última hora da noite. Hai uns meses proxectaron esta película, pero non me foi posible vela, e por algunha razón, despois tampouco a puxeron en RTVE Play (normalmente si o fan, durante máis ou menos tempo, pero si o fan). Pero como era unha película bastante antiga, busquei en Youtube, e atopeina completa e dobrada ao castelán, así que mireina alí un tempo despois. Debo recoñecer que inicialmente me producía certo recelo (sabendo algo da súa sinopse) pero finalmente resultou máis interesante do que pensaba.
"O albergue da sexta felicidade" (título moi pretencioso pero fiel ao orixinal e coherente coa película) foi dirixida por Mark Robson en 1958. O principal do elenco foi interpretado por Ingrid Bergman, Curd Jürgens e Robert Donat, o resto de papeis son moi secundarios. E obviamente está moi centrado no papel de Ingrid Bergman, xa que basicamente é un "biopic" do personaxe real Gladys Aylward, que amenazou con demandar á produtora porque dicía que o guión non contaba máis que mentiras, e especialmente indignada porque a actriz fora Ingrid Bergman, que abandonara ao seu marido e fillo para irse con outro home, e iso fora un escándalo do que ela nunca se arrepentiu. Pero finalmente Gladys non levou a cabo ningunha das ameazas.
A película fala dunha ama de chaves británica, sen traballo fixo e con certas dificultades para conseguilo, que está obsesionada con ir misioneira á China da década de 1930. Despois dalgúns intentos, consegue unha recomendación para ir a unha zona afastada e rural do norte de China, onde xa hai outra misioneira maior á que pode botarlle unha man. Chegar ata alí xa é unha odisea porque hai que ir no Transiberiano e nese intre hai guerra entre China e Rusia.
O caso é que consegue chegar e faise unha persoa moi querida e aprezada polo poboación. Uns manos máis tarde a China é invadida por Xapón, e cando chegan a aquelas montañas, deixan que ela leve aos rapaces a un lugar seguro para que non sufran o peor da guerra.
Como curiosidade, diremos que a maior parte da película foi rodada en Snowdon, no norte de Gales, usando á numerosa colonia chinesa de Liverpool como extras.