sábado, 14 de agosto de 2021

Arde Mississipi

Está claro que o final dos anos 80 e o comezo dos 90 debeu ser a época da miña vida na que máis fun ao cine. Xa lembraba máis ou menos que fora así, pero estes días están botando na televisión boas películas daqueles anos que lembro que vin en salas comerciais. Hai uns días pasoume con Cyrano de Bergerac e onte pasoume con esta "Arde Mississipi" (en Hispanoamérica "Mississipi en chamas", as dúas versións moi fieis ao orixinal estadounidense).

A película foi dirixida en 1988 por Alan Parker, os dous papeis principais son para Willem Dafoe e Gene Hackman, pero están moi ben secundados por xente como Frances McDormand, Brad Dourif ou Michael Rooker. Polo visto, a historia está baseada nalgo que sucedeu realmente, así que aínda dá máis medo.

Nun condado do sureño estado de Mississipi son asasinados tres activistas polos dereitos civís en 1964. Dous son brancos e xudeus, e o outro é negro. Na primeira escena xa se ve que o asasinato é levado a cabo por brancos cristiáns con participación da policía. Como se verá posteriormente na película, nesa zona e nesa época (e agora non creo que sexa moi diferente) o supremacismo branco do Ku Klux Klan está totalmente imperante, e tampouco é que fagan nada especial por ocultalo.

Aqueles activistas tiñan orde de chamar cada certo tempo a unha base e informar sempre de cales eran os seus movementos, así que a ausencia total de chamadas non pode significar nada bo. Inmediatamente chegan dous axentes para investigar o suceso. Os axentes son Alan Ward, axente bastante novo do FBI (Willem Dafoe) e Rupert Anderson, veterano ex-sheriff orixinario tamén do estado de Mississipi (Gene Hackman). Non combinan moi ben, porque teñen formas moi diferentes de actuar, pero únelles o interese por resolver o caso, que ten moi mala pinta para eles.

As súas investigacións, con cada vez máis axentes do FBI e da Mariña, causan moito malestar entre a xente do condado, e desátase unha vaga de violencia, na que arden casas e igrexas da comunidade negra. Chegan incluso a xulgar a un grupo de brancos que foron pillados in fraganti, pero a condena é bastante leve, porque o xuíz ten a mesma ideoloxía supremacista, así que esa mesma noite os negros queiman o edificios do xulgado.

Finalmente, algunha das boas persoas brancas que hai na zona (que algunha hai) dá unha pista moi boa para localizar o coche no que ían os activistas e os seus cadáveres, que están noutro lugar. Nun determinado momento, Ward acepta que o caso se resolva cos métodos expeditivos de Anderson, que convoca a varias persoas que fan que o caso avance axiña, aínda que con medidas bastante feas. Pero o caso é que acaban pillando a todos os causantes do asasinato.

A película está ben, aínda que é bastante maniquea. Aínda que o conflito e a poboación desa zona e época non debían ser moito mellores (e insisto, agora non creo que sexa moi diferente). É bastante dura, no sentido de que se ve algo de violencia, pero é absolutamente normal con esa temática. Está claro que nos Estados Unidos teñen un claro conflito racial e social, que se manifestou e segue manifestándose en casos coma estes, e que segue plenamente vixente ao comprobar como elixen de presidente do país a personaxes que apoian estas ideoloxías supremacistas. Penso que moita solución non hai. E os brancos dese país xa exterminaron hai uns séculos ás minorías indíxenas que vivían alí tan ricamente. E dirán que esas terras son súas, cando chegaron hai 2 ou 3 séculos nada máis.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...