mércores, 25 de agosto de 2021

Indiana Jones e o Templo maldito

Como xa teño dito aquí nalgunha ocasión, as películas de aventuras non me desagradan, e dentro delas, as de Indiana Jones non son das peores, obviamente. Así que aproveitei para ver "Indiana Jones e o templo maldito", que non me soaba demasiado. Despois de vela, si me soaban algunhas cousas do final, pero o demais en absoluto.

"Indiana Jones e o templo maldito" podería terse titulado "Indiana Jones e o tempo da perdición", como en Hispanoamérica. O que está claro é que a palabra "doom" sempre fai referencia a algo máis chungo, que pode interpretarse como fatalidade, perdición, destino (pero malo), condena, sentencia, morte, destrucción... Ou sexa, unha palabra moi polisémica, en España optaron pola maldición.

Foi dirixida por Steven Spielberg en 1984. Foi a segunda da saga, pero teoricamente foi unha precuela da primeira. O guionista principal foi George Lucas. Os actores principais foron Harrison Ford, Kate Capshaw (casualmente uns anos máis tarde casou co director) e un rapaz de orixe vietnamita, Jonathan Ke Quan (que tamén estivo nos Goonies).

A historia é bastante simple. Indiana está facendo cafradas das súas en Shanghai, e cando consegue fuxir, de milagre, é nun avión que se estrela pouco despois. Cae na India xunto cunha bailarina e modelo que coñeceu en China, e un rapaz ao que chama Tapón que é bastante espabilado.

Dan cunha aldea hindú onde están moi tristes porque lles levaron todos os nenos e unha pedra sagrada que presidía a aldea, e saben que foron a un determinado templo moi doado de localizar. Chegan alí e, aparentemente, os aloxan con todo tipo de luxos, pero casualmente descubren uns pasadizos ocultos onde comproban que realmente se están facendo cultos de sacrificio moi chungos para dominar á poboación local e seguramente a outros reinos e países. Obviamente, ganan os bós, seguro que ninguén o dubidaba.

Aventuras non faltan, pero en xeral, a historia pareceume bastante frouxa. Ademais, os dous personaxes que máis compañía lle fan a Indiana son bastante planos e estúpidos, e as actuacións dos respectivos actores non me convenceron demasiado. Así que me decepcionou un pouco. Soábanme sobre todo as esceas do final fuxindo nas vagonetas da mina.

Saúdos.



Segredos a voces

O penúltimo libro mercado en Círculo de Lectores e que tiña pendente de ler era "Segredos a voces", libro de relatos da escritora canadiana Alice Munro. Esta escritora recibiu o Premio Nobel de Literatura no ano 2013, e máis ou menos naquela época Círculo de Lectores editou un dos seus libros de relatos, que polo visto era a arte na que máis destacaba. Non podería dicir se é a obra máis representativa da súa carreira.

Nalgún sitio a definen como a Chékhov canadiana. Tendo en conta que non lin nada de Chékhov pero si soportei as súas soporíferas obras de teatro, que polo visto gustan moito, pero a min me deixan totalmente frío, basicamente porque non pasa case nada, pois non era boa forma de comezar.

Pero non me desagradou o libro. Consta de oito relatos. Os personaxes e as historias eran maiormente interesantes. Si é certo que nalgún deles me pasou como con case todos os de "O elefante desaparece" de Murakami (ver un pouco máis abaixo), que comezaban moi ben e despois desinflábanse por completo. Pero neste libro ese foi un defecto moi pouco presente. En xeral resultaron máis interesantes e suxerentes.

Saúdos.



Hulk

Este vai ser un artigo ben curioso, porque fala sobre dúas películas de cine que me lembraron unha serie de televisión de hai décadas, e todo iso estaba baseado nun cómic de Marvel, pero de forma moi libre.

Comecemos coa serie. A finais dos anos 70 e comezos dos 80 triunfou a serie de televisión "O incrible Hulk". Despois de ver as películas, non lembro de que trataría exactamente cada capítulo, pero o caso é que un científico chamado Bruce Banner ten un accidente no seu laboratorio e exponse a unha gran cantidade de radiación gamma. En condicións normais debería morrer, pero estrañamente non o fai, e segue facendo unha vida aparentemente normal. Pero cando se excita moito, o seu corpo transfórmase nunha bestia imparable de cor verde, que obviamente resolve todo a leches durante uns minutos, ata que lle baixa esa excitación. Coa precariedade de medios técnicos daquela época, tiñan que resolver a transformación mediante o uso de dous actores. Bill Bixby era o actor que representaba a Bruce Banner cando estaba normal e o culturista Lou Ferrigno era Hulk cando estaba cabreado.

A comezos do século XXI, despois de varias décadas de esquecemento, a varios estudios de Hollywood se lles ocorreu que había que facer novas versións desta historia. Os medios técnicos xa melloraran moito e Hulk xa podía facerse por ordenador. Seguramente por iso Hulk xa era unha bestia de 3 ou 4 metros de altura (na serie dos 80 non podían permitirse iso, obviamente). Casualmente, Lou Ferrigno aparece nas dúas películas facendo un brevísimo papel secundario, sempre como garda de seguridade, e nunha delas acompañado por Stan Lee, mito do cómic estadounidense, que supoño que é o creador do superheroe. Bill Bixby xa non puido participar porque morreu nos anos 90.

As dúas películas son diferentes. A de 2003 remóntase incluso á figura do pai de Bruce, David, que tamén era científico e que xa fixo experimentos no seu propio corpo coa radiación gamma, e que lle pasou esas malformacións ao seu fillo Bruce, que este desconecía. Bruce sofre despois a descarga, e a todos lles estraña que non morra, pero despois descubren que foi o que pasou. Na película de 2008 a historia xa está máis avanzada. Xa non explican como sucedeu todo o anterior, senón que Bruce está fuxido e oculto en Brasil, e está intentando atopar un antídoto para curarse. Pero os "malos" do exército localízano para intentar eliminalo ou melloralo como arma infalible, e incluso lle crean un antagonista similar, un auténtico disparate.

Agás a coincidencia simpática de Lou Ferrigno como secundario nas dúas películas, o resto da ficha técnica é totalmente diferente. Vouna poñendo aquí en orde cronolóxica:

- Dirección: Ang Lee e Louis Leterrier

- Bruce Banner: Eric Bana e Edward Norton

- Betty Ross (ex-moza de Bruce): Jennifer Connelly e Liv Tyler

- Thunderbolt Ross (pai de Betty e ex-xefe de Bruce): Sam Elliott e William Hurt

- Na primeira aparece Nick Nolte facendo de fai de Bruce, e na segunda aparece Tim Roth facendo dun militar mercenario chalado que se acaba convertendo no antagonista de Hulk, nun experimento aínda máis disparatado.

Despois de 40 anos sen ver nada desta historia, fíxome certa graza ver estas dúas películas en noites consecutivas na mesma cadea de televisión. Agora haberá que descansar unhas décadas máis.

Saúdos.




Viaxe ao fondo do mar

O artigo que escribín xusto antes deste (pero que no blog aparece xusto debaixo) fai referencia á primeira das dúas películas que botaron nunha tarde de agosto nunha cadea fascistoide da televisión española. Esta segunda tiña o mesmo director e coincidían varios actores secundarios, pero a temática era totalmente diferente e era algo mellor de calidade.

"Viaxe ao fondo do mar" (primeiro esta película e uns anos despois unha serie) foi dirixida en 1961 por Irwin Allen e tiña varios protagonistas coñecidos no seu elenco. O principal era Walter Pidgeon, destacaba tamén Joan Fontaine, e había algún secundario de luxo, como Peter Lorre.

Un submariño nuclear estadounidense chamado Seaview está facendo un percorrido de exploración con políticos e técnicos supervisando o seu funcionamento. Cando están sumerxidos, pasa algo estraño na superficie da terra que está facendo subir moitísimo a temperatura na atmósfera e os científicos do mundo non saben que facer para resolvelo.

Pero mira ti por onde, que o eminente científico que dirixe este submariño, que tamén é moi prepotente intelectualmente, cre ter unha solución para resolver ese problema climático. Toda a comunidade científica está en contra del e incluso o consideran un tolo. Tanto é así, que intentan boicotear a súa proposta dende dentro e dende fóra do submariño. E incluso entre os seus subordinados comeza a correrse a voz de que está tolo, e intentan depoñelo.

O caso é que consegue saírse coa súa, e dispara un torpedo nuclear contra a atmósfera nun determinado momento e nun determinado lugar, segundo dixeran os seus cálculos. En ningures se explica por que había que facer iso exactamente, pero a soberbia estadounidense que resolve os problemas de todo o mundo é así.

Bo entretemento, con algo ou bastante máis calidade que a outra película daquela tarde (artigo seguinte no blog) pero o tufiño ideolóxico yanki xa marea.

Saúdos.



Cinco semanas en globo

Un día destes unha das cadeas fascistoides da televisión española decidiu programar seguidas dúas películas cunhas cantas cousas en común. As dúas foran dirixidas polo mesmo director (do que eu nunca oíra falar) e varios dos personaxes secundarios repetíanse. Cousas que pasan. Imos falar da primeira delas.

"Cinco semanas en globo" foi dirixida en 1962 por Irwin Allen e do seu elenco a min só me soaba un secundario, protagonizado por Peter Lorre. Casualmente, este actor e outra actriz secundaria tamén estaban na outra película programada esa mesma tarde por esa cadea de televisión. As películas deben ser máis baratas se se mercan en lotes, seguro.

Eu tiña unha certa fixación con esta historia, porque esta película está baseada na primeira novela escrita por Xulio Verne (un actor que me interesa moito, e penso que non son o único). E non me interesa porque fora a primeira que escribiu, senón porque, hai moitos anos, eu tiña unha curiosa edición que tristemente xa non conservo, que alternaba o texto cos debuxos. Supoño que non sería o texto orixinal, senón que estaría adaptado para a xente nova, porque lembro que se alternaban dúas páxinas de texto con dúas páxinas de debuxos. Eu era pequeno, e se lin a historia completa algunha vez, seguro que mirei os debuxos, non as letras. O caso é que parece que esta versión cinematográfica se basea MOI LIBREMENTE na obra orixinal. Coido que só colleron o motivo central, e o resto o adornador de forma moi cinematográfica pero pouco fiel ao orixinal.

A historia xeral, tanto na novela como nesta película é que un grupo de aventureiros colleu un globo deseñado por eles, cun mecanismo que lles permitía ascender ou descender no ar co manexo do ar quente dentro do globo, partindo de Zanzíbar, coa idea de cruzar cara ao oeste o continente africano. Está claro que a novela é de aventuras, centrada no ambiente explorador de África do século XIX.

Ese podería ser o denominador común. O resto son diferenzas. No grupo expedicionario da película meten a uns cantos personaxes de recheo: un xornalista protagonizado por un humorista estadounidense de moda, capturan a un traficante de escravos, que era supostamente os seus principais contrincantes na viaxe, liberar a unha muller estadounidense que se atopan polo camiño, que namora do xornalista, tamén levan a unha escrava de Zanzíbar (pero branca, como sudamericana ¿¿??) que reclutou o xornalista... como se ve, nin pés nin cabeza. Mentres que na obra orixinal simplemente querían demostrar a capacidade para desprazarse e facer descubrimentos xeográficos, nesta película invéntanse que se chantan unha bandeira inglesa xunto ao río Volta antes que uns traficantes de escravos, o territorio xa será británico, ou sexa, un disparate....

En definitiva, como entretemento ben, pero colleron unha boa historia e a prostituiron para darlle traballo a todas as estrelas (de pouco brillo, por certo) que tiñan en carteira. Non pasou á historia, claro.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...