domingo, 25 de xuño de 2023

Breakdown

Supostamente "breakdown" en galego significa "descompoñer". A esta película en Hispanoamérica titulárona "Sen rastro", que non é unha tradución fiel ao título pero si á historia. Cheguei a esta película porque a botan con certa frecuencia en Paramount Channel, e facendo "zapping" sempre me coincidía cunha curiosa escena que sucede cando van uns 20 minutos. Nela, o marido que tiña o coche avariado na desértica estrada, para a un camioneiro que supostamente recolleu á súa muller para levala a un restaurante e que dende alí chamara a unha grúa, pero o camioneiro di que non sabe de que lle está falando. O marido para a un policía de estrada que pasa por alí nese intre, fai as inspeccións pertinentes pero semella que o camioneiro non minte. Claro, se o único que ves da película é iso, semella bastante intrigante. Por iso pensei en vela enteira.

Foi dirixida en 1997 por un tal Jonathan Mostow (non me soa de nada o seu nome) e no elenco destacan Kurt Russell, J. T. Walsh, Kathleen Quinlan, M. C. Gainey, Jack Noseworthy e Rex Linn.

Un matrimonio vai nun coche novo e razonablemente potente (para a época) cruzando os Estados Unidos. Saen de Boston e van cara a San Diego, con certas dúbidas, porque deixaron os seus traballos e van comezar unha nova etapa na súa vida. Están cruzando o salvaxe e bastante desértico Medio Oeste (supoño) e por un despiste están a piques de ter un accidente cun coche que se lles cruza na estrada. Pouco despois, coinciden con ese mesmo coche nunha gasolineira, e parece que o seu propietario non resulta ser moi acolledor coas persoas de fóra.

Proseguen o camiño pero ao pouco tempo teñen unha avaría no motor do coche, da que non saben a razón. Ao pouco tempo pasa o coche co que tiveran os incidentes anteriores e búrlase deles. Incluso semella que vai dar a volta, para buscar máis bronca, pero finalmente desiste. Porque aparece un camión que para ao ver a avaría e bótalles unha man. O camioneiro ofrécese a levar a un ou aos dous a un restaurante cercano para avisar a unha grúa. Finalmente deciden que o marido quede no coche (non quere deixalo só, aínda que a estrada ten moi pouco tráfico) e que a esposa vaia co camioneiro ata ese restaurante. É de supoñer que nun breve prazo de tempo xa podería estar de volta coa grúa.

Pasan as horas e alí non aparece ninguén. O marido desespérase e, por facer algo, aínda que non sabe moito de mecánica, ponse a mirar o motor de novo, e nesta ocasión decátase que uns cables non están conectados como deberían, e ao poñelos da forma correcta, o coche ponse en marcha con normalidade. Vai entón ata o restaurante de estrada onde teoricamente estaba a súa muller. O propietario, que tampouco resulta nada acolledor nin cercano, di que non sabe nada da súa esposa, que non viu a ninguén así por alí. Nese mesmo local, pero algo máis tarde, un rapaz que non semella ter moitas luces, insinúa que a súa muller si pasou por alí, e que non debería fiarse demasiado da policía, que tamén está metida "no allo". Aí o marido comeza a decatarse de que está pasando algo moi estraño.

Entre as dúas visitas ao restaurante, sucede a escena que contei ao principio. Mentres está circulando pola zona, ve un camión idéntico ao que levou á súa muller e consegue detelo. Pregúntalle ao condutor (idéntico ao camioneiro que levou á súa muller) onde está a súa muller, e o camioneiro di que non sabe de que lle está falando, que debeu confundirse de persoa. Casualmente, nese intre pasa un policía de estrada e o marido consegue paralo. O policía inspecciona o camión e non ve nada sospeitoso, e déixao marchar, obviamente. Como vedes, a primeira media hora é frenética.

E partir de aí descúbrese "o tomate". Resulta que o camioneiro e o tipo do coche do primeiro incidente (que provocou a avaría na gasolinera nun intre no que deixaron o coche só) estaban compinchados con algúns máis e raptaban a persoas das súas características, máis ou menos ricas, que estaban de paso pola zona e que seguramente non moita xente botaría en falta. O marido consegue perseguir ao camioneiro, saber onde está a súa casa, alí aparece outro camión onde traen á súa muller, e consegue liberala. Na última parte, o camioneiro, só coa cabeza tractora do seu camión, persegue un coche no que fuxe o matrimonio, e está a piques de matalos nunha ponte, pero como era previsible, o resultado é exactamente o contrario.

Ou sexa, unha paranoia estadounidense, de chalados estadounidenses que raptan, secuestran e matan a outros estadounidenses aos que non coñecen de nada, simplemente para ter uns poucos cartos máis. Típico dese país de chalados.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...