Varias das últimas veces que me pasei por RTVE Play estaba esta película, e semella que as referencias non eran malas, así que me animei a vela. Ademais, este tipo de temáticas son moi comúns na cultura anglosaxona (descoñezo se é por obsesión ou porque é unha figura moi común nas súas sociedades, prefiro non sabelo). Nos outros países, por exemplo en Europa, onde copiamos moito a cultura audiovisual anglosaxona, tamén se fala bastante deste tipo de casos (por aquí non me soa que existan apenas casos, así que debe ser só postureo, para gustarlle á metropoli).
Pero me chamaba moito a atención como podía tratarse un tema destes nun país como Corea do Sur (no Norte xa debe ser divertido de máis). Aínda flipei máis cando me enterei que Corea do Sur, que agora é un dos motores da economía capitalista, tivo unha dictadura militar durante algo máis de 25 anos, que rematou na época na que está ambientada esta película (algo de influencia ten na historia). Acabo de ver que, efectivamente, hai uns meses un primeiro ministro intentou implantar de novo unha lei marcial, e botárono abaixo, así que aínda non debe ser unha democracia plenamente consolidada.
"Crónica dun asasino en serie" ("Lembranzas dun asasino" no orixinal) foi dirixida por Bong Joon-ho (foi tamén o director de "Parásitos", polo tanto debe ser unha das estrelas do cine surcoreano, intúo) no ano 2003. Atención, a película está ambientada en 1986, un ano antes de que rematara a dictadura militar. Nótase en que a policía ten moi pouco prestixio entre a poboación pero téñenlle moito medo, porque poden conseguir a confesión de calquera polo medio que sexa. Os papeis principais son para os policías que investigaron os crimes, e foron para Song Kang-ho, Kim Sang-kyung, Kim Roi-ha, Song Jae-ho e Byeon Hie-bong.
Nunha provincia máis ben rural de Corea do Sur, no ano 1986, estanse producindo estraños asasinatos de mulleres que parecen seguir estraños rituais, que incluén maniatar á vítima coa súa propia roupa interior. Prodúcense varios nun prazo de tempo moi breve, sempre en noites chuviosas.
Varios detectives locais investigan os casos pero con moi pouco éxito e métodos moi discutibles, forzando a confesión a posibles sospeitosos por medio da tortura (incluíndo artes marciais, como patadas voadoras ao peito no medio dun interrogatorio, flipante). Entón chega de Seúl un detective máis novo, con estudios universitarios e novos métodos, que obviamente non ve con bos ollos a brutalidade da provincia. Está claro que vai haber friccións entre as dúas metodoloxías, que nalgún momento acaba en pelexa, como era previsible.
Van descubrindo cousas, ás veces coa axuda das mulleres da comisaría, e chegan a un posible sospeitoso, este si moito máis factible, que pide nunha emisora que poñan unha determinada canción cada noite que hai un deses asasinatos. Pero no final da película sábese que o ADN non garantiza a súa culpabilidade (naquela altura en Estados Unidos xa había probas do ADN, en Corea do Sur aínda non).
A película remata de forma curiosa, xa en 2003, co detective local principal, que agora xa non é policía, achegándose ao escenario do primeiro asasinato do que tivo que encargarse. Alí aparece unha alumna que volve á súa casa, e dille que pouco tempo despois pasou outro home por alí, que lle dixo que moito tempo antes "fixera alí mesmo algo". Digo isto porque este foi o primeiro caso dun asasino en serie en Corea do Sur. A maioría dos asaltos (porque non todos remataron en morte) tiveron lugar entre 1986 e 1991, e quedaron sen resolver. O culpable violou e matou á súa cuñada en 1994, e aproveitou para recoñecer todas esas mortes.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario