sábado, 17 de abril de 2021

A muller da montaña

Hai uns días, nas televisións xeralistas españolas que non son de pago puxéronse de acordo en programar moi bo cine e pasei unha boa fin de semana. Algunhas desas películas eran, en maior ou menor medida, famosas e coñecidas. Pero na 2 botaron unha desas rarezas que alí son bastante habituais, pero que me chamaron a atención. Era unha película islandesa, e penso que foi a primeira vez na miña vida que vin unha película feita nese país. Que eu lembre, o único que coñezo de Islandia no eido cultural é Bjork.

Darei unha pequena ficha técnica, pero todo isto que vou mencionar é totalmente novo para min. A película é unha coprodución entre Islandia, Ucrania e Francia. O dos dous primeiros países enténdese, cando saibades de que vai a historia, a presenza de Francia non a vin, pero será a nivel económico, ou algo así. Foi dirixida en 2018 por Benedikt Erlingsson e a protagonista principal é Halldóra Geirharðsdóttir. Obviamente, estas dúas persoas son estrelas do cine islandés, especialmente a actriz, pero aquí non tiñamos nin idea. E como algo exótico, aparece un actor hispano nun papel moi secundario, chamado Juan Camilo Román Estrada, pero na súa ficha en Filmaffinity só aparecen dúas películas dirixidas por este mesmo director, islandesas as dúas, obviamente. 

Imos coa curiosa historia, que xira totalmente en torno a Halla, profesora de canto (parece ganarse a vida con iso) que é unha activista ambiental moi preocupada polo impacto dunha fábrica de aluminio da empresa Río Tinto. Tan preocupada está, que de cando en vez, de forma totalmente solitaria, comete actos de sabotaxe eléctrica na que ataca a torres de alta tensión na zona rural de Islandia, e que cortan a alimentación eléctrica da planta de aluminio, coas consecuencias que iso ten. É unha persoa buscada polas autoridades e a piques están de collela nalgunha ocasión, pero sempre consegue escapar. E obviamente non saben quen é esa "terrorista" (seguramente non saben que é unha muller). Incluso atrévese a difundir un manifesto que acaba asinando como "A muller da montaña".

Pero esa historia crúzase con outra ben curiosa. É unha muller solteira, duns 50 anos, e hai xa tempo iniciou os trámites para adoptar a unha nena ucraniana, pero como o tema non avanzaba, xa o tiña totalmente esquecido. Pero xusto agora a avisan de que lle concederon esa adopción e en cuestión de semanas terá que viaxar a Ucrania a buscar á nena, da que xa ten nome, fotos e algo da súa historia.

Por se non chegara con iso, ten unha irmá xemelga que é profesora de ioga e que ten uns intereses na vida totalmente diferentes aos dela. Incluso lle inflúe porque ía ser a titora suplente da nena ucraniana, pero tamén neste momento lle di que vai ir dous anos a un mosteiro budista en Oriente, e iso fai todo máis difícil.

A película é recente, está moi ben, así que non vos vou contar o sorprendente final, porque os últimos 10 minutos son apoteósicos e rematan dun xeito bastante inesperado (e aberto).

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...