mércores, 12 de agosto de 2026

Viñetas dende o Atlántico 2026

Un ano máis, en agosto e na Coruña, os amantes do cómic teñen unha cita moi importante no salón Viñetas dende o Atlántico. Celébrase dende o ano 1998, sempre dura unha semana (de luns a domingo) e cada vez ocupa máis sedes para as exposicións e actividades asociadas. Dende o comezo ata hai tres anos a dirección do salón foi do insigne Miguelanxo Prado, e a deste ano xa é a terceira edición dirixida polo inesgotable Manel Cráneo.

O luns pola tarde xa fun facer as miñas típicas compras, en Demo Editorial, Chili com Carne, Anillo de Sirio e algunha máis que pode caer. Gasto uns cartos, pero tamén é certo que é o único momento do ano en que me preocupo polo mundo do cómic. O meu outro gasto cultural anual é o Culturgal, onde xa poden caer cousas en formatos moi variados.

Xa visitei case todas as exposicións deste ano, que eran gratuitas e que xa estaban abertas (inusualmente unha delas non abre ata o venres, aínda que despois están todas abertas ata finais de setembro). Están en todas estas sedes: Kiosco Alfonso, Sala Palexco, Palacio Municipal de María Pita, Sala Salvador de Madariaga, Casa Museo Picasso, Casa Museo Casares Quiroga, Casa das Ciencias, Casa Museo María Pita, Fundación Luis Seoane, Bibliotecas Municipales e Círculo de Artesanos, ademais dalgúns bares e pubs. Tamén haberá actividades relacionadas co cine, música, podcast... ademais de encontros profesionais.

Nesta edición os temas das exposicións son moi variadas, como sempre. Vin cómics palestinos (algúns feitos en árabe que se len noutra orde, claro), hai bastantes sobre memoria histórica (dende múltiples puntos de vista), sufraxistas, homosexuais, o Labañou dos anos 70, guerra civil e posguerra, Caridad del Río (a nai do asasino de Trostski, que era unha espía soviética), fíxome moita graza Archimboldo Roque (personaxe de Jacobo Fernández Serrano), e viñetas sobre eclipses (aproveitando a data).

Para rematar, o máis novidoso deste ano, que me pareceu moi brillante pero seguramente non é moi visible aínda, é que liaron a algúns dos socios da Asociación Galega de Artesáns, que están expoñendo tamén en Mostrart, para que fixeran algúns personaxes ou esceas dos cómics expostos.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Néboa

Mirei en RTVE Play, porque alí habitualmente hai series curtas, algunhas de tipo "histórico" e outras non tanto, e atopeime con es...