sábado, 22 de febreiro de 2025

Cimarrón

Hai unhas semanas botaron no espazo de cine clásico da 2 unha película do Oeste estadounidense que non coñecía. Soábame algo o título, pero non sabía se era unha película ou outra cousa. Polo visto, houbo unha versión anterior dos anos 30 que foi moi exitosa en premios, moito máis ca esta, pero a máis lembrada é este dos anos 60.

"Cimarrón" foi dirixida en 1960 por Anthony Mann, e aínda que o elenco é moi extenso e solvente, destacan poderosamente o actor e a actriz que fan os dous papeis principais: Glenn Ford e María Schell.

A verdade é que a historia é algo curiosa e atípica. Reflexa a expansión dos Estados Unidos cara ao oeste, e o reparto (salvaxe, como pasa sempre por alí) do territorio do estado de Oklahoma a finais do século XIX. 

Un matrimonio recén formado por Yancey Cravat e a súa muller Sabra, non moi ben aceptado pola familia dela, chega a esa "carreira" coa intención de coller uns bos terreos para converterse en granxeiros, oficio no que tiñan nula experiencia. Yancey xa era coñecedor dun lugar perfecto para esa actividade. Pero o salvaxismo desa carreira fai que non consigan eses terreos porque se lles adianta unha muller de licenciosa vida que parecía coñecer moi ben a Yancey, aínda que el facía todo o posible por ocultalo.

O caso é que, perdida esa oportunidade (como se non houbera sitio para ser granxeiro en Oklahoma), deciden montar un xornal, para retomar o proxecto dun vello amigo que xa se dedicaba a iso en Texas, e que morreu nesa salvaxe carreira. Para ese oficio tampouco teñen experiencia, pero semella que pode ser algo máis asequible.

E teñen un certo éxito nesa profesión. Pero o problema é a diferenza de caracter entre Yancey e Sabra. El é moi idealista e embárcase en todo tipo de proxectos que pretenden "salvar o mundo", como loitar contra foraxidas, a favor dos indios americanos, contra os incipientes magnates do petróleo de Oklahoma (algún deles era amigo seu), contra España en Cuba, e finalmente na I Guerra Mundial, na que finalmente morreu, porque se viu "obrigado" a ir.

Pola contra, a súa muller Sabra era moito máis práctica e pragmática, e levou adiante o xornal durante toda a súa vida con bastante éxito. Nos últimos anos de vida xa non estiveron xuntos porque tiñan proxectos de vida diferentes, e enterouse por carta da morte de Yancey, e tampouco lle sorprendeu demasiado.

Saúdos.



Conexión Atlántica

Hai unhas semanas asistín no Teatro Colón da Coruña a unha gala titulada "Conexión Atlántica". Tocaban catro grupos coruñeses e a verdade é que non me atraía demasiado. As entradas eran de balde e non tiña intención de asistir, pero alguén ofreceume unha entrada e animeime, pero parece que a miña intención inicial era a correcta, porque non me pareceu gran cousa. Ao final entereime de que o evento era algo así como a traca final do 25 aniversario da sala Mardi Gras (pero non o poñía en ningún sitio, aínda que algunha mención se fixo durante a gala.

O evento estivo presentado por Diana Sieira, e os grupos que tocaron foron:
- Filloa'zz Quintet: Un quinteto (en Youtube atopei un vídeo do cuarteto, pero tampouco busquei demasiado) cun elevado nivel de virtuosismo, como pasa sempre no mundo do jazz. O grupo é instrumental pero fixéronse acompañar de varias cantantes, entre elas Leticia Rey, que cantou en brasileiro a única canción da gala que non foi en inglés (indicio moi revelador).

- Imägo: Unha cantante acompañada dun home orquestra que é capaz de tocar simultáneamente guitarra, bombo e pandeireta (estes dous últimos cos pés). Non soaban mal, pero obviamente resultaban moi monótonos, porque os timbres eran sempre os mesmos. Tocaron nalgún descanso mentres cambiaban os instrumentos dun grupo para o seguinte.

- Greasy Belly: Rock americano con cantante home que tamén se fixo acompañar doutras voces, como a de Leticia Rey.

- Rockers go to hell: Rockers tradicionais e xa moi coñecidos na cidade.

Saúdos.








Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...