domingo, 2 de maio de 2021

O xoven Edison

Como xa teño contado aquí, de cando en vez botan en Televigo algunha película de cine clásico ben interesante. O raro non é que o fagan, senón enterarse de cando o fan, porque a súa programación é algo opaca. En moitas ocasións sábese que nunha determinada franxa horaria botan unha película, pero non é doado saber cal é a que van proxectar. Pero vaia, normalmente botan películas antigas dunha calidade media apreciable.

Un destes días botaban "O xoven Edison", dirixida en 1940 por Norman Taurog. O papel principal era para Mickey Rooney cando era pequeno, que foi cando máis éxito tivo. Téñolle escoitado a moita xente dicir que este actor lle caía fatal, e o entendo perfectamente. Ademais, nesta película, encarna a Thomas Alva Edison, que debía ser un bo elemento, e ademais a dobraxe non lle favorece demasiado, así que xuntando todo....

Estaba lendo algo agora sobre a mocidade de Edison, e parece que algunhas das escenas da película semellan ata algo veraces. En xeral, era un rapaz con moita curiosidade intelectual, con moito interese pola química, e con moita capacidade de emprendemento. Todo iso xunto nun pequeno pobo conservador de Ohio, era un polvorín. A película déixase ver, pero chirría un pouco, sobre todo nalgunhas esceas e personaxes. E xa digo, a dobraxe axuda pouco. Seguramente só se proxecta xa en cadeas locais como Televigo.

Saúdos.



Ultima fuxida a Harar

O poeta noiés Antón Avilés de Taramancos debeu ser un tipo ben peculiar. Naceu en Noia en 1935, e uns anos máis tarde estaba estudando Náutica na Coruña. Aínda que non debía estudar demasiado, porque as súas xoldas con Urbano Lugrís eran bastante sonadas. Algo debían facer, e parece que colleu medo, porque decidiu emigrar a Sudamérica a principios dos 60.

Foi a Colombia, onde estivo primeiro na selva, e despois en Bogotá. Parece que os 20 anos que estivo por alí fixo de todo, tanto legal como ilegal, así que a súa vida alí debeu ser do máis interesante, pero creo que non se sabe moito das súas andanzas por alí.

No ano 1980 volveu para aquí, e estableceuse de novo en Noia. Chegou a ser concelleiro de Cultura co BNG. E tamén destacou por rexentar unha taberna chamada a Tasca Típica, nuns soportais da zona vella de vila, que tiña moita fama. O caso é que eu andei medio-veraneando por aquela zona a comezos dos 90, e oíalle dicir aos meus colegas de alí que o propietario da Tasca Típica era un tipo ben peculiar. El morreu en 1992, pero está claro que tiña que ser el. Pero eu non sabía quen era Antón Avilés de Taramancos, nin moito menos sospeitaba que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas de 2003.

Na colección de literatura galega da Voz de Galicia tocaba ler o volume número 81, que era a "Última fuxida a Harar" deste autor. Como habitualmente, non me chegou demasiado, porque eu non conecto nada ben coa poesía, a non ser que sexa clásica, que non é o caso. Chamoume a atención que sempre fala de mundos míticos, mitoloxía, etc. Dende logo, non é poesía social. E tamén me chamou moito a atención o moito que menciona ao "cazador". Non sei se é un residuo do seu paso pola selva colombiana. Creo que cazador foi unha das moitas profesións que tivo naqueles movidos anos da selva.

Saúdos.



O Sorprendente Home-Araña

Esta película da que vou falar e que botaron o outro día en SyFy (esta cadea emite as películas sen cortes publicitarios, moi ben), polo visto exhibiu en España o título orixinal en inglés. Se fora só o nome do coñecido superheroe, ao que xa se dedicaron máis películas, podería pasar. Pero habendo adxectivos no título, non vexo por que non se podía traducir. Iso fixeron en Hispanoamérica e, nese caso, non me parece mala idea.

A película foi dirixida en 2012 por Marc Webb (curioso apelido para unha película que trata sobre arañas). O protagonista principal é Andrew Garfield, no que creo que é o seu papel estelar ata agora. Chámame a atención que, cando fixo a película, tiña case 30 anos e colou bastante ben como un adolescente que vai ao instituto (e iso non sei se é bo ou malo dende o punto de vista profesional). A súa moza protagonizouna Emma Stone, que agora tamén ganou fama con outras películas. E hai secundarios de luxo como Martin Sheen ou Sally Field.

Agora falemos de superheroes de cómic. Eu non controlo moito do tema, pero xa hai décadas oín falar de que no mundo dos cómics estadounidenses deste tipo, había dúas grandes editoriais enfrontadas neste tema: DC e Marvel. Eu coñecía algúns superheroes, principalmente de películas, porque cómics apenas consumo, e moito menos desa temáticas, pero non sabía en que editorial estaban. Algún tempo despois entereime que Superman e Batman eran de DC, e foron os primeiros que tiveron éxito nas pantallas, xa hai décadas. Nos últimos anos parece que Marvel se volcou no seu salto ao cine, pero a min os seus nomes non me soaban de nada. Teño visto algunha película de Ironman, por exemplo. Hoxe entereime que Spiderman era de Marvel. E xa houbera algunha versión anterior para o cine dese superheroe. A verdade é que os superheroes en xeral quedan moi ben en cine, e Spiderman especialmente, que vai voando agarrándose a rañaceos en Nova Iork, dá lugar a imaxes dunha potencia moi grande. Por esa razón vexo algunha desas películas, porque despois as historias son un pouco chorras.

Nesta versión pasa un pouco o mesma ca sempre. Pero creo que o punto forte da historia, en torno ao cal fan xirar case todo, ten que ver coa razón pola cal os pais de Peter Parker deixan ao rapaz, aínda pequeno, nas mans dos seus tíos. Aquí insinúase que ao mellor non están mortos, senón ocultos porque estaban traballando nalgo secreto cun científico chamado Curtis Connors. Peter localiza a ese tipo, pregúntalle polo seu pai, pero todo son evasivas. E da forma máis incrible, que sempre pasa neste tipo de películas, entra nuns laboratorios ultrasecretos nons que é case imposible entrar, e alí é picado por unha araña, e comeza a ter os superpoderes que todos coñecemos. O científico ex-amigo do seu pai vese presionado por un ricachón propietario da super-empresa na que traballa para avanzar nuns experimentos que aínda non están dando resultados, e se inxecta a si mesmo un soro que o converte nun lagarto en determinadas ocasións. E dese xeito comeza a atacar a cidade e enfróntase  a Spiderman, que sabe quen é. Xa imaxinaredes quen gana, claro.

Saúdos.




Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...