mércores, 27 de marzo de 2024

Yentl

Hai unhas semanas botaban no espazo de cine clásico da 2 a película "Yentl". Oíra falar ben dela no seu momento así que deille unha oportunidade. Non está mal pero hai que ter en conta dúas cousas: está baseada na vida da comunidade xudea na Europa Oriental a comezos do século XX (o tema é moi concreto e cabe a posibilidade de que a alguén non lle atraia demasiado) e o protagonismo total de Bárbara Streisand, que foi a primeira muller da historia do cine que fixo de directora, produtora, guionista e actriz principal, pero o resultado é máis que digno.

"Yentl" foi dirixida por Bárbara Streisand en 1983, e os papeis principais foron para Bárbara Streisand, Mandy Patinkin e Amy Irving. o resto son secundarios con bastante pouca presenza, e a verdade é que non me soan os seus nomes e caras, a pesar de que xa pasaron 40 anos.

Yentl é unha rapaza que vive nunha comunidade xudea de Europa Oriental (parece a zona de Polonia) a comezos do século XX. Ten unha inmensa ansia de coñecemento, pero na comunidade xudea ese saber está vetado ás mulleres, pero o seu comprensivo pai, que é rabino, déixalle ler as escrituras sagradas a escondidas. Pero obviamente a maior parte do seu conflito vitar vai ser ese. O seu pai morre de súpeto e ela decide cortar o pelo para semellar un home para intentar entrar nunha escola talmúdica.

Consegue entrar na prestixiosa escola de Lublin, e axiña destaca como un dos mellores estudantes, e fai boa amizade co aposto Avigdor, do que namora, pero por razóns obvias, non pode declararse. Avigdor vai casar coa fermosa Hadass, pero finalmente a familia de Hadass cancela o compromiso cando descubren que o irmán pequeno de Avigdor se suicidara, "delito" moi mal considerado na moral xudea.

A familia de Hadass considera que Anshel (nome que se atribúe Yentl a si mesma cando se fai pasar por home) pode ser agora un bo partido, e por moito que intenta evitalo, ao final acaba casando con Hadass. De novo, por razóns obvias, non pode consumarse o matrimonio, e ten que desvelarllo a Avigdor. Finalmente descúbrese todo, Avigdor volve a comprometerse con Hadass e Yentl marcha en barco a Estados Unidos para vivir nun mundo máis libre.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...