martes, 29 de marzo de 2022

A guerra dos mundos (1953)

Aproveitando que na miña nova Smart TV se pode ver Youtube, de cando en vez busco películas que poidan estar enteiras. Aínda me deu poucas veces por facer iso, pero creo que vou atopar moitas perlas. Unha das últimas que atopei foi a primeira versión cinematográfica de "A guerra dos mundos", que vira hai moitos anos e me gustara moito. Como curiosidade, direi que non estaba nun vídeo único, senón nunha lista de reprodución cos 13 fragmentos ordeados que ían véndose consecutivamente cunha pausa mínima entre eles. Polo tanto, a experiencia cinematográfica ficou intacta. E ademais estaba na dobraxe latinoamericana, que tampouco me desagrada.

Foi dirixida por Byron Haskin en 1953, e o único actor minimamente destacado (e tampouco demasiado) foi Gene Barry, que fai o papel principal. Teño que recoñecer que sempre me chamou a atención a calidade dos efectos especiais para o momento no que se fixo a película.

No deserto estadounidense caen uns meteoritos, e resulta que son naves alieníxenas que veñen invadir a Terra. Un eminente científico lidera a resistencia dos terrícolas pero os invasores parecen invulnerables. Vese o avance e a destrución das principais cidades do planeta pero, inesperadamente, un día determinado, as máquinas nas que veñen os invasores comezan a fallar porque os seus pilotos semellan estar enfermos. Efectivamente, a inesperada e aparentemente inmerecida victoria dos terrícolas débese aos xermes que existen na atmósfera terrestre, para a que non estaban preparados os alieníxenas.

Saúdos.



O abrazo da morte

Hai unhas semanas, no espazo de cine clásico da fascistoide Trece, dirixido por Garci, botaban a película titulada en España "O abrazo da morte". En Arxentina titulouse "Sen lei e sen alma" e o título orixinal era "Criss Cross" que podería traducirse como "Entrecruzado". Agora mesmo non lembro se no coloquio comentaron cal podía ser a razón dese título, pero eu non lle vexo ningún xeito a ningún, nin sequera ao orixinal.

Foi dirixida en 1949 por Robert Siodmak, e os protagonistas principais foron Burt Lancaster, Yvonne De Carlo e Dan Duryea, este último un bo actor ao que non se ve en moitas películas.

É unha película de cine negro na que, como é habitual neste xénero, nada é o que parece e todos enganan a todos. A historia xira en torno ao trío formado por Steve, Anna e Slim. Steve e Anna estiveron casados e moi namorados, pero xa se divorciaron, aínda que semella algo daquel amor, aínda que hai máis por parte de Steve, xa que Anna non semella unha boa influencia para el, e non semella moi fiable nese nin noutros aspectos. Slim é un gangster que agora está con Anna e coa que acaba casando.

Steve traballa nun furgón blindado e sorpresivamente proponlle a Slim e á súa banda un sinxelo atraco ao propio furgón que el conduce no que todos sairían ganando. A idea de Steve era enganar aos outros, levarse todos os cartos e fuxir con Anna. O atraco sae mal, pero consegue fuxir con Anna, pero finalmente Slim acaba dando con eles e matándoos.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...