sábado, 30 de setembro de 2023

Quico Comesaña e o seu grupo presentan "Mae"

Este concerto ía ser en xuño pero foi cancelado no mesmo día da celebración por causas que non lembro agora mesmo, e finalmente si se puido celebrar en setembro. Foi moi fermoso e as non moitas persoas que asistimos (non creo que chegara a 100 persoas) saímos moi satisfeitas. E sospeito que unha porcentaxe elevada mercaron o disco, como fixen eu. Por certo, está editado en formato CD, é posible que o saquen en vinilo, pero de momento, non está previsto en formato dixital.

O disco está composto por catro "suites", tituladas "Clorofilia", "Marea", "Animal sapiens" e "Terránea", que fan referencia aos principais elementos que forman a Mae (Nai) Natureza. Son todas instrumentais e cada dura en torno aos 10 minutos. Lembra un pouco ao rock sinfónico dos anos 70, pero con máis tintes folk, obviamente.

O grupo que gravou o disco non coincide exactamente co que o defende en directo, pero parécese bastante. Quico Comesaña, que é un mestre do bouzouki e da arpa, neste caso toca a guitarra acústica, da que tamén parece moi virtuoso, aínda que levaba case unha década fóra da música debido a unha estraña doenza reumatoide, que lle obrigou aprender a tocar de novo, pero semella totalmente recuperado.

Acompáñano Carmen Gallego no violín e a nyckelharpa (un instrumento de orixe sueca que en español se chama viola de teclas, é unha mestura entre violín e zanfona), Marcos Padrón no acordeón, Leandro Deltell na percusión (hai 25 anos ou máis era o batería do grupo de Xosé Manuel Budiño) e Paula Oanes (unha das catro integrantes de Lulavai) á arpa.

Nada, que é unha delicia. Completou o concerto tocando algunhas pezas de Berrogüetto (eu pensei que ía tocar as que el compuxo para o grupo, pero non sei se tocaría algunhas outras tamén) e algunhas outras pezas de música folk galega que agora son clásicos do xénero.

Saúdos.



XIV Lúas de Outono: Homenaxe a Manuel María

Un ano máis puidemos ir á homenaxe que se lle fai na Coruña a Manuel María, máis ou menos na época do ano na que el morreu en 2004. Este ano o espectáculo non era moi monotemático, como é habitualmente, senón variado: poesía, música e humor, que transcorreron exactamente nesa orde.

Comezou María Barcala recitando poemas de Manuel María. Nos últimos espectáculos que fixo Teatro do Atlántico, a compañía que formaba xunto a Xulio Lago (non sei se non se retirarían xa dos escenarios), xa recitaba a Rosalía de Castro, así que é un xénero no que xa está curtida.

A segunda parte foi para Paraíso Canto, un dúo formado por Martiño Malleiro e Gabi Reboredo. Un deles (non sei quen é cada quen no dúo) xa tocou o acordeón de fondo nalgún dos poemas de Manuel María recitados por María Barcala. Agradable de oír, as súas cancións son maioritariamente lentas. Un deles toca acordeón e clarinete, e o outro canta e toca a percusión, cun estilo que me lembrou moito a Davide Salvado.

E rematamos con Quico Cadaval que, como sempre, sacou da manga algúns dos seus personaxes estrafalarios, aos que fixo ter relación con Manuel María dalgún xeito. Neste caso mencionaba moito a un tal Manuel de Paderna, que semella un personaxe real de Outeiro de Rei, pero tampouco o teño moi claro, se cadra era inventado por el.

Saúdos.





Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...