domingo, 17 de novembro de 2024

Terceiro acto

O outro día fun ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para ver unha obra á que lle tiña certas ganas. Estreouna o Centro Dramático Galego xa no 2021 en plena pandemia (vense imaxes de ensaios e representacións con mascarilla), cando o acceso a teatros estaba máis restrinxido. Non sei se por esa razón ou por outra, aínda non conseguira vela, non lembro se xa viñera á miña cidade. En calquera caso, parece que quedaron contentos co resultado e están facendo xira de novo para que poida vela toda a xente que non o fixo no seu momento.

A obra titúlase "Terceiro acto". Foi creada e dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez. En principio, semella que foi creada para reivindicar o papel dos actores e actrices veteráns, que en Galicia hai moitas e moi boas. Se non me engana a memoria, o elenco orixinal da obra estaba formado por Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán", Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e e Belén Constenla. Na representación que vimos o outro día, só estaba Fernando e Belén. Os outros actores e actrices foron substituídos por César Cambeiro, César Goldi e María Costas.

A obra trata de algo así como que está previsto facer unha montaxe desa mesma obra, pero por algunha razón, o Centro Dramático Galego decide cancelar o proxecto no último momento para facer outro paralelo con actores, actrices e equipo de xente nova, que pode resultar máis atractivo para o público. Obviamente, os veteráns non aceptan de bo grao a decisión, e deciden pecharse na sede do Centro Dramático Galego para que o proxecto orixinal se retome.

A min agrádame iso de reivindicar o papel dos actores e actrices veteráns, sempre moi profesionais e efectivos, e non deixalo todo en mans de xente nova que aínda non ten un nivel de calidade ganado e adquirido (agás excepcións, claro). Pero a obra en si decepcionoume un pouco, non lle vin moita substancia.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...