venres, 8 de agosto de 2025

A viaxe do castrexo

Hai uns anos merquei esta novela, que non tiña mala pinta. Está ambientada nos castros da zona de Vigo e do río Miño cando estaban chegando os romanos por primeira vez a esta zona, no século II antes de Cristo. A novela titúlase "A viaxe do castrexo" e o autor é o vigués Alexandre Plaza Poutás, sendo esta a novela coa que debutaba (tamén é certo que saíu hai pouco tempo). Non está mal para pasar o tempo. 

Centra a narración nun pescador que vive no castro arredor do que creceu o que agora coñecemos como Vigo. Chámanlle o Castro da Torre. Tamén hai un Castro da Illa, na zona onde agora está Toralla. E un pouco máis alá o Castro do Esteiro, no que agora coñecemos como Santa Trega. Incluso chega a cruzar o río Miño e adentrarse ata a zona da actual Braga.

O caso é que ese pescador fixo moi boas migas coa filla do xefe do Clan da Torre, pero ese xefe quere casala co xefe do Clan da Illa, que semella ser un mal bicho. Pero cando se descubre o petate, condénano a morte. O pai do pescador, guerreiro mítico, expón todo o seu prestixio para liberar ao seu fillo, que fuxe co seu curmán que é pastor.

Marchan cara ao sur, van coñecendo personaxe e clans variados, pero o caso é que el vai gañando prestixio e autoestima. No Esteiro entran en contacto cun guerreiro lusitano que xa viaxaba cuns mercaderes orientais (todo fai pensar que fenicios). Finalmente desvíanse ao territorio dos bráccaros para enfrontarse aos romanos, un exército invasor formidable que é considerado case invencible.

Os dous, pero sobre todo o pescador, acaba converténdose nun líder que consegue derrotar aos romanos (que volverán unhas décadas máis tarde liderados por un tal Xulio César) e finalmente si pode casar coa filla do xefe do Clan da Torre.

Saúdos.

As dúas caras da verdade

Estaba eu o outro día buscando no catálogo de Netflix algunha película interesante para ver, e lanceime a ver esta. Ao pouco mirei no móbil e vin que a valoración xeral da película era bastante alta, cerca do 8 (non é doado chegar a esa nota). Gustoume bastante, sobre todo porque pasou iso que tanto me agrada, na última escena sábese algo que che fai replantexar toda a película, xa que viches toda a historia "enganado". Como curiosidade lingüística, diremos que a tradución española do título é algo perralleira. O título orixinal sería algo así como "Medo primario". En Hispanoamérica puxeron títulos como "A raíz do medo" (non ía mal) ou "A verdade oculta", mentres que en España decidíronse por "As dúas caras da verdade". O español non é o título máis fiel pero o das "dúas caras" tampouco é mala metáfora.

"As dúas caras da verdade" foi dirixida en 1996 por un tal Gregory Hoblit. Este director se cadra merece un comentario aparte. Polo que parece, era fillo de policía e todas as series e películas que fixo tiveron que ver co mundo policial e legal, aínda que iso tampouco debe ser tan raro en Estados Unidos, porque fan moitísimas producións centradas nese tema. No elenco temos a Richard Gere, Laura Linney, Edward Norton, Andre Braugher, John Mahoney, Alfre Woodard, Frances McDormand e Terry O'Quinn. Ollo, que este foi a primeira película na que actuou Edward Norton, que o fai moi ben, e moi candidato ou gañador dos principais premios para actores (neste caso de reparto).

O arcebispo de Chicago, personaxe moi popular e querido, é asasinado brutalmente, aparentemente por un dos seus monaguillos, que é perseguido por policías ante as cámaras de televisión totalmente manchado de sangue, co que configura un caso de doada solución, polo menos aparentemente.

Un dos avogados máis mediáticos da cidade, vendo o caso, ofrécese a atender gratuitamente ao principal sospeitoso, sobre todo porque cre que lle dará moita publicidade. Segundo investiga, vai sabendo que hai moitas circunstancias do caso que non están demasiado claras. Por exemplo, o rapaz parece algo retrasado, parece que no entorno do arcebispo había abusos sexuais e tamén algúns escándalos de corrupción inmobiliaria.

Ademais, o avogado enfróntase a unha ex-moza, fiscal de moito prestixio. E as probas que van aparecendo van decantando o caso para un lado ou para outro. Tamén semella interesante o traballo dunha psiquiatra que entrevista ao sospeitoso para comprobar se sería capaz de levar a cabo ese asasinato. Na parte final da película pasan varias cousas relacionadas coa personalidade do detido que lle dan uns cantos xiros á historia.



O Código Da Vinci (película)

Hai uns vinte anos, cando estaba comezando este século e milenio, un autor estadounidense tivo moito éxito cunha novela titulada "O código Da Vinci", que foi moi lida naquela época como best-seller. Como fago eu sempre con ese tipo de fenómenos, pasei bastante del. Como tamén era previsible, Hollywood subiuse ao tren e fixo ao pouco tempo unha película sobre a mesma, que eu acabo de ver agora. Non me preocupa demasiado se a película é moi fiel á novela, pero supoño que si debe selo. Causou un certo escándalo, porque creo que, dende o mundo da ficción, a novela trata sobre un escuro "misterio" sobre o que a Igrexa Católica leva 2.000 anos mentindo (un máis). Non sei, nin me interesa, se o autor pretendía defender esa "teoría" ou, simplemente (é o que eu creo que pasou) se puxo a especular e inventar posibles mentiras da Igrexa Católica para crear un libro de éxito (totalmente conseguido). Fixo varias secuelas (e tamén hai películas delas) pero eu pasarei delas, que xa satisfixen a curiosidade.

"O Código Da Vinci" foi dirixida en 2006 por Ron Howard. Os papeis principais e máis importantes dos secundarios foron para Tom Hanks, Audrey Tautou, Ian McKellen, Alfred Molina, Jürgen Prochnow, Jean Reno e Paul Bettany (para flipar, ata unha asociación de ALBINOS se queixou porque este actor os deixaba en mal lugar).

Non vou contar a trama en detalle, porque é moita paranoia. Se hai algunha persoa interesada na película (ou case mellor na novela, que será aínda máis detallada, era bastante grosa) e non a viu ata agora (que me estraña, eu tiña un interese moi moderado, como pode verse), que o faga.

Basicamente, matan a un conservador do Louvre e el mesmo, antes de morrer, deixa unhas mensaxes cifradas sobre o seu asasinato. Casualmente, nese mesmo intre, un experto en simboloxía relixiosa, o estadounidense Robert Langdon, está dando unha populosa conferencia en París e a policía pídelle que lles axude a resolver o crime. Nada máis comezar a investigación, únese a el unha criptóloga francesa que resulta ser a neta do conservador morto.

Fuxen da policía, que quería telos baixo control por escuras razóns. Hai unha infinita sucesión de códigos, contrasinais e caralladas varias, algunhas delas baseadas en obras pictóricas de Da Vinci, como a Gioconda, a Virxe das Rochas ou a Última Cea. E todo iso é para desvelar unha grande mentira que quixo propagar a Igrexa Católica para ocultar a verdade desa relixión. Por se non chegara con todo isto, o Opus Dei tamén está metido polo medio. Tamén aparecen os Templarios por algures, obviamente.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...