xoves, 20 de maio de 2021

Cuñados

Olliño, que esta vez está na sección de cine, pero a vin na sala de proxección comercial, e iso pasa con moi pouca frecuencia agora. En calquera caso, podo testemuñar que a Cultura é Segura, porque fun un xoves ás 7 da tarde a Espacio Coruña (centro comercial prácticamente deserto) e estaba eu só na sala, así que podo asegurar que proxectaron a película para min.

Era esta unha película que non me chamaba excesivamente a atención, pero nas últimas semanas oín, vin e lin falar ben da mesma a tanta xente e tan diversa, que xa me convenceu. Iso si, asegureime de ir un día, hora e lugar no que seguramente houbera pouca afluencia, e non puiden estar máis acertado.

Pois si, é unha comedia lixeira, ben agradable e moi galega. Nós a entenderemos bastante ben, e polo que vin por aí nalgunhas críticas, bastante xente non galega parece que tamén a disfruta e saborea. Un dos aspectos máis salientables é que Ourense, capital e tamén algúns lugares da provincia, como o Ribeiro ou Allariz, son case un personaxe máis, e agradécese. Foi dirixida por un tal Toño López (a primeira vez que escoito ese nome, pero o fai ben), e suponse que as tres estrelas principais son Miguel De Lira, Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez. Pero as mulleres tamén o fan moi ben, Mela Casal, Iolanda Muíños, María Vázquez e Eva Fernández.

A historia non é demasiado complicada, vai de perdedores, ou sexa, cuñados. Os personaxes de Miguel de Lira e Touriñán son cuñados, porque as súas mulleres son irmás. O personaxe de Miguel de Lira vese nun lío moi gordo, cunha compañía de seguros pedíndolle moitos cartos porque foi o responsable de poñer unha madeira nunha residencia que acaba de incendiarse, e está intentando contactar coa empresaria que, aparentemente, o estafou. Case no mesmo momento, o personaxe de Touriñán ve como a súa muller lle pide o divorcio, porque non é capaz de lembrar a data da comunión da súa filla, xa que o equipo de baloncesto COB Ourense, no que el xogou hai anos, está a piques de ascender á ACB. Así que os dous están bastante pillados nese intre.

Intentan conseguir axuda por parte da empresaria estafadora, pero simplemente lles poñen en contacto co cuñado da empresaria, que é un chaíñas que non vale para nada e que non ten a máis mínima intención de resolver o problema, porque non sabe e ademais seguramente é imposible de resolver a esas alturas. Os outros dous cuñados deciden secuestralo e intentar pedir rescate, pero a empresaria non ten a máis mínima intención de pagalo.

Así que o secuestro remata e os tres fanse moi colegas, e crean un plan para intentar facerse cunha cantidade de cartos aínda maior da prevista que vai chegar polos suxos manexos da empresaria. A cousa remata ben, non digo máis, e ademais entre risos e o ascenso do COB (que realmente sucedeu hai uns 5 anos, vaia, case sucedeu). En definitiva, que se botan unhas risas sen moitas pretensións.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...