luns, 1 de xaneiro de 2024

O Cabaleiro Escuro: A lenda renace

Onte conseguín rematar de ver a famosa triloxía de Christopher Nolan con Batman, ao ver a terceira da saga. Como sempre, a espectacularidade e o ritmo de Nolan son do mellor que se pode ver actualmente (na miña opiníon), as tramas son retorcidísimas e os personaxes son moi ambiguos.

Foi dirixida por Christopher Nolan en 2012 e no elenco destacaban Christian Bale, Michael Caine, Gary Oldman, Anne Hathaway, Tom Hardy, Marion Cotillard, Joseph Gordon-Levitt e Morgan Freeman.

Non vos vou contar demasiado da historia porque, xa vos digo, é complexísima (os guionistas de Nolan deben ser xente moi retorcida, ou sexa, basicamente el e o seu irmán Jonathan). Batman estaba retirado, vello e lesionado e, unha vez máis, aparece unha ameaza sobre Gotham que parece a definitiva. Un mercenario chamado Bane, que vén dun cárcere remoto do que é case imposible fuxir, colapsa a cidade e consegue facerse cun reactor nuclear, que fora creado como fonte de enerxía inesgotable, para convertelo en arma nuclear e facelo explotar para destruír a cidade.

Polo medio está unha moi atractiva CatWoman, que rouba de todo con moita elegancia, e que nunca se sabe moi ben a que anda, e unha multimillonaria que semella a única posible salvación da cidade xa que pretende apoiar a posta en marcha do reactor nuclear, dada a ruina de Bruce Wayne debido a un asalto dos mercenarios á bolsa. Tamén aparece un espilido novo axente de policía que axiña gana galóns pola súa efectividade e bo olfato, e que ao final acabamos sabendo que podería ser Robin.

Pero xa vos digo, case nada é o que parece. Algúns dos personaxes son bos sen remisión, outros malos, e no medio hai uns cantos que non sabes moi ben de que lado están, se é que están nalgún dos dous.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...