sábado, 16 de xaneiro de 2021

Becket

Chama a atención que nestas cadeas de televisión fascistoides que hai en España, como Trece ou El Toro TV, en determinadas ocasións botan películas de cine clásico bastante interesantes (sobre todo en Trece, na outra é máis raro, pero ás veces pasa). Grazas a iso, puiden ver o outro día unha película moi salientable que non sabía nin que existía. É "Becket", dirixida por un tal Peter Glenville en 1964. Está baseada nunha obra teatral (iso si que se notaba, e o descoñecido director viña dese ámbito) e basicamente era un duelo entre Peter O'Toole, no papel do rei Enrique II de Inglaterra, e Richard Burton, facendo de Thomas Becket, Arcebispo de Canterbury.

Non sabía que existía esta película, pero intuín a temática cando lin o título. Hai xa tempo oíra falar da historia de Thomas Becket. Cando lía unha historia da literatura, salientaban moito na inglesa a obra "Asasinato na Catedral" de Thomas Stears Elliot, e algo me chamou a atención. Así que cando vin que había unha película sobre ese tema, nin o dubidei. Esta película non está baseada nesa obra de T. S. Elliot, senón noutra obra diferente doutro autor.

A historia é a seguinte. Estamos a mediados do século XII e o rei inglés Enrique II, ao que pintan como bastante caprichoso (debía ser habitual nos reis ingleses, sobre todo nos que se chamaban Enrique), tiña a Thomas Becket como a súa man dereita, e confiaba totalmente nel. Esta especie de conselleiro e ministro non tiña ningún cargo eclesiástico nin maior vocacións, só era algo así como diácono, polo que din na película. De feito, nas primeiras escenas se lle ve con mulleres e rivaliza un pouco co rei nese ámbito.

Pero morre o Arcebispo de Canterbury, e o rei debe escoller ao seu sucesor. Ese cargo designa ao xefe da igrexa en Inglaterra, e pode molestar algo ao rei se non está totalmente da súa parte, como parece que sucedía co anterior. O máis normal era poñer nese cargo ao Bispo de Londres, que xa andaba revoloteando por alí. Pero o rei ten unha brillante idea, e decide nomear para ese cargo ao conselleiro e amigo Thomas Becket. El mesmo vese sorprendido inicialmente, porque cre que non ten os cargos e títulos necesarios para poder selo, pero o rei o convence de que el pode poñer alí a quen lle pete, e que con el no cargo por fin terá paz e apoio da igrexa.

Isto provoca un gran escándalo na igrexa, que incluso protesta ao Papa. Pero o que non contaba ninguén é o cambio total de personalidade que se opera en Thomas Becket. De ser unha persoa pouco preocupada pola fe e a relixión, convértese nun servidor acérrimo da mesma e oponse ás ordes do Rei, que o puxo no cargo exactamente para o contrario. Así que, en pouco tempo (aínda que durou 8 anos como arcebispo, na película semella que foi moito menos tempo), os dous grandes amigos convértense en feros inimigos. E claro, o rei decide solucionalo ao seu xeito e ordea que o maten onde e como sexa, e acaba sucedendo na mesma Catedral.

Película británica, de moito toque teatral, grandes actuacións e escenarios medievais acaídos. Dende logo, eu paseino moi ben véndoa.

Saúdos.



Apocalypto

Un par de publicacións antes falaba de "A paixón de Cristo" rodada por Mel Gibson en 2004. Pois uns días máis tarde cruceime con "Apocalypto", película dirixida tamén por el en 2006 e decidín probar, para comprobar se seguía coas súas obsesións daquela época, e semella que si. Non sei se lle duran, pero daquela deulle moi forte.

Esta película está ambientada nos estertores da cultura maia, a comezos do século XVI, está rodada en lingua maia con subtítulos, e para non variar estando Gibson á fronte, o nivel de violencia é moi considerable. Que si, que é posible que os habitantes daquel lugar e época foran así, pero este tipo non perde unha oportunidade como esa. Se a ambientación non lle permite amosar violencia gratuíta, supoño que xa pasa do proxecto.

Polo demais, non hai moito que contar. Unha pequena tribo que habita na xungla é atacada por outra máis urbana, que incendia as casas, mata a moitos dos moradores, e aos demais, principalmente homes xoves e fortes, cólleos como escravos. Algúns son para vendelos, semella, e outros para facer sacrificios bastante bestias nas súas famosas pirámiedes escalonadas.

O protagonista principal está a piques de morrer sacrificado así, pero xusto nese intre prodúcese un eclipse de sol, e os chamáns deciden que os deuses están xa satisfeitos polos sacrificios, e salva a vida de miragre. Pero mira ti por onde que o soldado que dirixiu o asalto ten ganas de festa, e deciden matar aos outros escravos nunha especie de estadio, tirándolle pedras, frechas, hachas, etc. Este consegue salvarse de milagre matando ao fillo máis querido do xefe.

O resto da película consiste na persecución dun pequeno grupo de soldados a este rapaz pola xungla, nos espazos e condicións máis variadas. Pero claro, como é o bo, ao final acaba ganando, e volve á súa aldea, onde deixara escondidos á súa esposa e o seu fillo. Cando se xunta con eles, observa abraiado a chegada duns señores barbudos e vestidos en barcos ás súas praias. É o Descubrimento. Con bo criterio, deciden volver á xungla para ter un novo comezo da súa vida.

A película ten moita acción e non se pasa mal, pero tede en conta todo o que dixen anteriormente das películas deste director.

Saúdos.



Campeóns

Un día destes botaban a famosa película española "Campeóns" na televisión, e animeime a vela, que xa lle tiña ganas. Foi dirixida en 2018 por Javier Fesser, que leva unha curiosa carreira cinematográfica, e levou varios premios Goya. O único actor coñecido previamente é Javier Gutiérrez, que estivo moi ben secundado por outros menos coñecidos, e sobre todo, por todas as persoas discapacitadas que debutaban e que converteron esta obra nunha delicia.

Supoño que xa todos sabedes de que vai. O protagonista, adestrador axudante do equipo de baloncesto Estudiantes, ten un caracter moi forte, e enfróntase ao primeiro adestrador, polo que é despedido. Esa mesma noite, ten un accidente de coche coa mesma policía cando está borracho, e cáelle unha pena de prisión nun xuízo rápido. Danlle como alternativa facer algún servizo á comunidade, que obviamente acepta, antes de ir á cadea.

E por casualidades da vida, tócalle ir adestrar un equipo de baloncesto de barrio dun club chamado "Os Amigos". Pero ese equipo está formado por persoas discapacitadas, do máis variado. A película trata de todos os avatares que van sufrindo ao longo da tempada, xa que comezan a mellorar, e incluso chegan á final do campeonato nacional, que perden nos últimos segundos, pero a ninguén lle importa, porque o importante foi a experiencia vital.

Pois iso, que é unha película moi amable e agradable de ver, cunha interesante mensaxe. Como os principais personaxes da película levan varios anos protagonizando os anuncios da ONCE, algunhas das súas voces xa me resultan do máis familiar, e tamén a música da película, que sae neses anuncios.

Saúdos.



A paixón de Cristo

A min as películas de tema bíblico, en xeral, non me desagradan. Certo é que a paixón de Cristo xa é un tema algo manido, pero en xeral as películas sobre ese tema están ben feitas e déixanse ver. Pero é que ademais oíra que esta versión dirixida por Mel Gibson en 2004 era bastante peculiar, así que cando se cruzou no meu camiño, fixen un esforzo por vela.

Da historia non vou contar demasiado, porque é máis que coñecida. Pero tamén ten a particularidade de que está baseada nalgúns textos que non son canónicos e que se saen lixeiramente do que coñecemos, e iso dálle uns toques bastante curiosos. Por exemplo, aparece en varios momentos Satanás, facendo cousas un tanto estrañas, das que eu nunca oíra falar.

O elenco de actores é tamén moi peculiar. Din que a película é estadounidense, supoño que porque o director e principal produtor é Mel Gibson (que por certo, era australiano). O actor principal, Jim Caviezel, tamén é estadounidense. Pero aí remata a participación de Estados Unidos. Rodouse en Italia, e o resto de actores son europeos, principalmente italianos (como Mónica Bellucci, facendo de María Magdalena, que non lembro que non fixera outra cousa que chorar), pero tamén hai rumanos (Maia Morgenstern facendo de María, que apenas fala tampouco, e parece da mesma idade que Xesucristo), outros dous búlgaros que se chaman Hristo (que casualidade), facendo de Juan e de Poncio Pilato, etc.

Por se non chegara con iso, a película foi rodada orixinalmente en hebreo, arameo e latín, e con subtítulos no idioma correspondente. Polo visto, por Sudamérica circula unha versión dobrada a español latino, pero en España proxectan a versión orixinal con subtítulos, co vicio que temos de dobralo todo. Como se verá nunha vindeira publicación deste blog, a Gibson parece que lle gusta moito rodar en linguas pouco convencionais ou extinguidas.

E para poñer a guinda, a violencia. Obviamente, esta historia non é nada amable, e hai un nivel de violencia considerable, acorde coa época, supoño. Pero podía rodarse de moitas formas, como xa se ten feito, e Gibson decidiu subir a voltaxe como a el lle gusta (porque parece que a violencia extrema non lle incomoda o máis mínimo). A verdade é que a crudeza de moitas imaxes é bestial, xa non vos digo de escenas como a crucifixión, o tipo gozouna. Polo que parece, Gibson é un tipo bastante de ultradereita, ultracatólico, e parece que na relixión cristiá, moita xente aplaudiu a película e o seu tono, tanto cristiáns como protestantes (dos ortodoxos non teño noticias, pero seguramente tamén).

O video de Youtube que vos deixo é desa versión en español. Os comentarios que aparecen tamén son de traca. Non sei se dan máis medo que a propia película.

Saúdos.



Son lenda

Seguramente xa listes aquí algunha vez que Will Smith me cae fatal e me parece un actor pésimo, moi acaído para comedias estúpidas estadounidenses (que raramente vexo, como é lóxico). Sendo así, non resulta moi doado de explicar por que razón vin a película "Son lenda", dirixida en 2007 por Francis Lawrence e protagonizada case en exclusiva por el. A razón é que hai uns cantos anos lin a novela orixinal de Richard Matheson na que está baseada, e pareceume ben interesante. E ao final, creo que Will Smith fai aquí un dos mellores papeis da súa vida, nada histriónico (debeulle costar bastante).

Por se non sabedes de que vai, a historia é moi desacougante. Unha doctora anuncia que acaban de crear unha vacina para controlar un virus (que actual todo, non si?), pero ese virus acaba mutando e atacando a todo o mundo dun xeito que os converte a bestias salvaxes non moi diferentes dos zombis ou os vampiros (por poñer unha referencia coñecida). Cando descubren o que pasa, deciden illar por completo a illa de Manhattan (destrúen as pontes que a unen ao continente) e entre eles queda, para intentar atopar unha posible vacina facendo experimentos, o médico Robert Neville.

A película está ambientada varios anos máis tarde, cando xa non queda aparentemente ninguén "vivo" máis ca Neville. Polas noites, atrinchéirase na súa casa co seu can, e escoita os ruídos das "bestas" que andan polo exterior, pero que non saben que el está metido alí, porque sella as fiestras por completo. Cando chega o día, sae para intentar cazar a algúns destes seres, que están totalmente indefensos, levalos á súa casa, e no seu laboratorio, inocularlle diferentes compostos para ver se algún deles serve como vacina.

A película vai avanzado neses termos, deixando claro que a cabeza de Neville xa ten dificultades para reaccionar de forma racional debido á falta de socialización nos últimos anos. Incluso ten colocadas maniquíes en determinadas tendas nas que el entra de cando en vez (por exemplo, un videoclube), para simular que mantén conversacións con humanos. Esta é unha das cousas que me atrae desta historia, que nos presenta unha sociedade moi diferente á habitual.

Un pouco máis adiante atópase cunha muller e o seu fillo pequeno, que conseguiron entrar dende o exterior da cidade, e que lle salvaron cando el estaba a piques de ser apresado polas bestias, xa que tivo un accidente, e se lle fixo de noite. Conseguen chegar á súa casa, pero polo camiño deixan rastros de sangue, o que fai que na seguinte noite as bestas localicen a súa casa e entren de forma salvaxe. No final da película, que non coincide co da novela, o doctor sacrifícase para salvar á muller e o seu fillo, que poderán escapar ao día seguinte, saíndo da cidade e chegando a unha especie de vila fortificada en Vermont, onde supostamente quedan os únicos humanos vivos. Non conseguín entender moi ben na película como entraban e saían en Manhattan a muller e o fillo, porque supostamente estaba illada para evitar a propagación do virus.

Saúdos.



Batman

Despois de vista, algunhas das escenas soábanme moito, do cal deduzo que debín vela hai tempo, pero xa nin o lembraba. Refírome á primeira película sobre a personaxe de Batman, dirixida en 1989 por Tim Burton, e protagonizada por Michael Keaton, Jack Nicholson e Kim Bassinger.

Recoñezo que é un superheroe que me deixa bastante frío, non me transmite gran cousa, aínda que pensándoo ben, pásame con case todosa. Como eu nunca fun moi de cómics, nin de superheroes nin dos outros, se cadra o que máis me impactou foi Superman, con boas películas nos 80, e bandas sonoras míticas. Esta película tiña ganas de vela, sobre todo, por ser Tim Burton o director, que sempre lle engade un nivel de deseño de vestiarios, maquillaxes e escenarios bestial, e porque me soaba que Jack Nicholson estaba moi ben, aínda que parece que o seu estraño caracter se amoldaba bastante ben ao do seu personaxe. Kim Bassinger está bastante ben, e Michael Keaton é outro actor que non me di moito, paréceme algo inexpresivo.

Xa sabedes que todos viven en Gotham, que Batman é a "cara oculta" do multimillonario empresario Bruce Wayne, e que Jack Napier é un mafiosillo que anda por alí facendo das súas, ata que sufre un accidente, se converte en Joker, e "as súas" pasan a ser moito máis gordas e grandes. Nada, o típico cine de superheroes con superbos e supermalos, superguapas e toda a fauna habitual.

Como última cousa, dicir que, se cadra, no futuro verei algunha película máis relativa a este superheroe que non me di nada, pero basicamente porque Christopher Nolan, que me parece un dos directores máis suxerentes das últimas décadas, dirixiu varias que din que están moi ben. Así que probablemente vexa algunha, simplemente para comprobar que historia puido parir a retorcida mente de Nolan, que nalgunhas ocasións é simplemente xenial, aínda que ás veces se pasa de freada.

Saúdos.



Independence Day

As poucas persoas que seguides este blog probablemente vos preguntedes que estaba pasando pola miña cabeza cando decidín dedicar un par de horas da miña vida a ver este truño de película, e seguramente non vos falta razón. Pero me cruzara varias veces con ela e me gustaran os efectos especiais dalgunhas escenas, especialmente ao principio, cando os alieníxenas destrúen as principais cidades e monumentos estadounidenses. E unha vez vista, confírmase que era o único aproveitable, porque o resto non hai por onde collelo.

A pesar de ser unha película tan estadounidense, foi dirixida en 1996 polo alemán Roland Emmerich, que xa chama a atención que non haxa ninguén dese país preparado para rodar algo tan yanki. Pero claro, este director está especializado en cine de catástrofes e similares, así que xa tiña camiño andado. No elenco hai uns cantos actores coñecidos, como Jeff Goldblum (científico algo extravagante), Will Smith (piloto de avións) e Bill Pullman (presidente dos Estados Unidos, que no pasado tamén foi piloto de avións).

Supoño que xa sabedes que se produce unha invasión alieníxena a nivel planetario, que comeza o 2 de xullo. É curioso que teoricamente é a nivel planetario, e ao comezo e final se ven algunhas imaxes noutras partes do planeta, pero a remontada se produce o 4 de xullo (mira ti que casualidade) e as cidades e monumentos onde se ve maior destrución son en Estados Unidos.

A solución consiste en introducir un virus informático na nave nodriza dos alieníxenas que anule o escudo protector das mesmas, e así botarlle bombas nucleares que a destrúan, cun escuadrón comandado polo mesmo presidente, que volve a pilotar un avión. Vamos, pirotecnia propagandista do bos e eficaces que son os estadounidenses, debeulles a eles facer bastante felices ver esta película, aos demais danos igual.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...