Despois de descubrir na súa fondura durante este verán a fascinante figura de Manuel Blanco Romasanta, resulta que tiña na casa dende hai máis de 20 anos unha novela que estaba totalmente baseada na súa figura, e que conta a súa historia con bastante fidelidade. Cambian os nomes, os topónimos e algunhas cousas do seu final, como o xeito de apresalo. Pero en xeral resulta bastante fiel. A novela é "O bosque de Ancines", escrita polo coruñés Carlos Martínez-Barbeito. Debeu ser o seu principal éxito, e estivo a piques de gañar o Premio Nadal con ela no ano 1945. No ano 1970, o director Pedro Olea fixo unha película baseada nesta novela e titulada "O bosque do lobo". Vina hai moitos anos pero agora apetecíame bastante vela de novo.Nesta novela ao suposto lobishome chámanlle Benito Freire. Fai de buhoneiro nalgún sitio que semella estar na provincia de Ourense, pero como están todos os topónimos cambiados, tampouco queda moi claro. É no interior de Galicia. Cando comeza a novela, xa cometeu os primeiros asasinatos, finxindo que levou a varias mulleres dunha aldea de criadas a Cantabria. Cando volve alí, presenta cartas supostamente escritas por elas nas que contan o ben que lles vai, e animando a máis mulleres da aldea a facer o mesmo, e así Benito ten máis vítimas e ganancias, sen elas sabelo, obviamente.
A principal diferenza que atopei foi o modo de apresamento. Na realidade de Manuel Blanco Romasanta, na súa zona xa comezaban a sospeitar del, debido a que descubriron que estaba vendendo obxectos e prendas das mulleres que supostamente levou a Cantabria. Así que decidiu ir de segador a Castela, como facían tantos galegos naquela época. Pero nunha vila de Toledo coincidiu con varios veciños da súa zona, que o recoñeceron e o denunciaron. Alí xa o apresaron e fixeron os primeiros interrogatorios, onde negou todo. Pero cando o trasladaron ao xulgado de Allariz xa comezou a recoñecer as mortes, e incluso intentou atribuírse outras que non eran súas, senón dos verdadeiros lobos. Nese momento comezou a súa invención de que era un lobishome, ata ese intre só pensaban que era un ladrón e asasino, e algúns insinuaban se sería o "Home do unto", que mataba ás súas vítimas para sacarlles o unto e facer obxectos moi valorados na época como xabróns.
Na novela tamén comezan a sospeitar del por algo parecido, por vender obxectos que todo o mundo sabía que eran doutras persoas, pero entón fan unha batida de caza polo bosque de Ancines, onde supoñen que está escondido, e efectivamente é así e o apresan. Outra invención da novela é o asasinato doutra muller coa que se levaba moi ben, xa que facía para ela de correo co seu mozo, un tipo de Astorga que tiña fama de donjuan. O máis parecido da realidade a iso foi que o seu primeiro crime real, que non tivo nada que ver cos que fixo despois, foi a un alguacil de Ponferrada que lle foi reclamar unha débeda.
Por certo, esta novela estaba nunha colección publicada pola Voz de Galicia no ano 2004, con obras de autores galegos en castelán.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario