sábado, 6 de novembro de 2021

O Rei pasmado

Lembro que vin esta película no seu día, hai 30 anos, e incluso penso que tamén lin a novela de Gonzalo Torrente Ballester na que está baseada. No coloquio posterior escoitei ao director dicir que foi tremendamente fiel á novela. Píntase ao xoven Felipe IV como un tonto que descobre o sexo e que se obsesiona con el. Na Wikipedia di que foi un gran rei, pero paréceme percibir unha certa adulación pola monarquía, así que non sei se será moi fiable. Tamén di que era moi promiscuo e que tivo, entre fillos legais e bastardos, cerca de 50.

A película é do ano 1991. Foi dirixida por Manuel Uribe. E no elenco hai moitas estrelas do cine español daquela época: Gabino Diego, Juan Diego, Javier Gurruchaga (era máis estrela da música que no cine, pero non o fai nada mal), Fernando Fernán-Gómez, María Barranco, Laura del Sol, Eusebio Poncela, Joaquim de Almeida, Carme Elías, Eulalia Ramón, Quique San Francisco, Alejandra Grepi, Emma Cohen ou Luis Barbero.

O rei Felipe IV é moi novo, acaba de casar cunha princesa de orixe francés, pero aínda non consumou o matrimonio. Así que un coñecido del, que aínda non é coñecido na corte, o leva de putas para que se vaia iniciando na arte. Ao tipo gústalle e, sobre todo, queda fascinado polo corpo nu da prostituta coa que se deitou. Todo o mundo na corte se entera do feito e corre o escándalo. Iso é suficiente para que algúns cregos fanáticos poñan a noticia en oídos da Inquisición, para ver que se pode facer.

Por se non chegara con iso, cando o Rei chega a palacio, expresa en público, sen ningún tipo de complexos, que quere ver desnuda á raíña. Isto agora non significaría nada, pero na puritana España do Século de Ouro era un escándalo, e aínda máis se o pedía o Rei. Móntanse uns divertidísimos debates teolóxicos na asemblea da Inquisición para deliberar sobre o tema. Fronte aos fanáticos, interveñen mentes máis abertas como un xesuita portugués que é amigo do conde que iniciou ao Rei como cliente da prostitución. Xa que dicir das rivalidades entre ordes relixiosas, como capuchinos ou xesuitas.

Ademais, tamén está o Conde-Duque de Olivares, que realmente parece ser quen manda, que move fíos de todos os tipos, e que tamén está preocupado pola súa descendencia, porque o intentan moito, pero non conseguen ter ningún fillo. Un fanático capuchino dálles uns disparatados consellos para conseguir procrear.

Ou sexa, que non sei ata que punto é real a historia que conta, pero en definitiva, a mítica España Imperial do Século de Ouro e o Imperio onde non se poñía o sol, non debía ser moi diferente do disparate que aparece na película. Pero os outros países tampouco debían diferenciarse demasiado.

Saúdos.



A noite da iguana

Esta sorpresa tamén ma deu TeleVigo. O título soábame, o que non sabía era que estaba baseada nunha obra de teatro de Tennessee Williams, cuxas historias sempre están cargadas de tensión emocional e, ás veces, sexual. Pero neste caso xa me pareceu unha historia un tanto disparatada.

A película é do ano 1964, e foi dirixida por John Huston, que tamén teño entendido que lle engadía moita tensión e diversión aos seus traballos, as rodaxes eran un tanto salvaxes. O protagonista principal é Richard Burton, que está moi ben secundado por Ava Gardner, Deborah Kerr, Sue Lyon (no seu papel case habitual de rapaza seductora de homes maduros) e Grayson Hall (que levou o Óscar como actriz de reparto). Pero xa digo, a historia é un disparate e moitos dos personaxes tamén o son bastante.

Lawrence Shannon é un sacerdote anglicano que é un pouco alcohólico, e semella ser tamén algo seductor, e por esa razón, tivo xa escándalos sexuais en diferentes parroquias que dirixía, polo cal é expulsado da última por un ataque de ira durante unha homilía, intentando defenderse das acusacións dos feligreses.

Para fuxir dese triste destino, vai a México e ponse a traballar como guía turístico para grupos de solteironas estadounidenses, principalmente mestras. No grupo que se ve na película, vai como organizadora unha estricta muller que desconfía moito del, e unha rapaciña que está flirteando con el todo  o tempo, e iso faille sentir moi incómodo. El intenta resistirse, pero ela é moi insistente.

Cando chegan a Puerto Vallarta, onde teñen contratado un hotel dunha certa calidade, o guía ex-sacerdote dille ao conductor do bus, que pase de longo e que vaia a unha praia na que hai hotel dunha amiga súa. Efectivamente, alí está o hotel da súa amiga Maxine Faulk, viuva dende hai pouco. Ese lugar era un dos preferidos de Shannon para desconectar de todo, e agora pretende superar os problemas desta excursión aloxando ao grupo nese hotel. O hotel, como lle di a súa amiga, en principio, está pechado nesta época do ano, pero finalmente accede a abrilo, en deferencia ao seu colega, ao que ve tan apurado.

Por se non chegara con isto, a ese mesmo hotel, chega ese mesmo día, unha estraña parella. Está formada por unha muller de estritos costumes, que se gana a vida pintando nos lugares aos que vai, vendendo os retratos da xente que se atopa. E vai acompañada polo seu avó, un anciano poeta, que está intentando rematar o último poema da súa vida.

Todos estes personaxes, cada un máis estraño que o anterior, coinciden nese hotel durante unhas horas ou días, e a cousa non pode acabar ben, aínda que tampouco é para tanto, vanse levando máis ou menos, coas tensións típicas de tantos caracteres contrapostos. Que disparate!!!

Saúdos.



Capricornio Un

Ás veces un leva sorpresas positivas revisando a grella das cadeas de televisión españolas. Unha das que eu recibo a través da conexión de R é TeleVigo. De cando en vez botan boas películas, e unha tarde destas estaban sembrados. A media tarde botaban "Capricornio Un" película de ciencia ficción da que tiña boas referencias, así que non o pensei.

Foi dirixida en 1977 por Peter Hyams, no que foi o seu primeiro éxito comercial. Os tres astronautas foron protagonizados por James Brolin, Sam Waterston e OJ Simpson. Noutros papeis máis ou menos destacados están actores e actrices como Elliott Gould, Brenda Vaccaro, Hal Holbrook, Karen Black ou Telly Savalas.

Estanse facendo os preparativos para o lanzamento dunha misión espacial a Marte. Todo parece ir normal. Pero cando falta moi pouco tempo, e de forma totalmente oculta para o público, os tres astronautas son extraídos da nave. Pouco máis tarde, o lanzamento prodúcese de forma aparentemente normal. Os astronautas non saen do seu asombro. O xefe de expedición dilles que, nos últimos tempos, descubriuse que a plataforma de soporte vital era defectuosa e que morrerían ao pouco tempo do lanzamento. Dada a polémica que había co altísimo coste das misións espaciais, un suceso así podería significar a fin desas expedicións, así que decidiron finxir que todo ía ben. O momento crucial, que sería a "amartizaxe", sería rodado nunhas instalacións no deserto de Sonora, que son onde se atopan nese momento os astronautas, totalmente illados do mundo exterior.

No control da misión son moi poucas persoas as que saben iso. De feito, un dos técnicos comeza a ver cousas raras, e informa aos seus superiores das estrañas medicións e resultados que lle saen na súa consola. Di que é absurdo, pero semella que os sinais da amartizaxe chegaban antes que os datos da nave espacial, como se estiveran a 500 quilómetros de distancia, e el non entende como pode pasar iso. Un día coméntallo a un colega xornalista mentres están tomando algo nun bar. Ese xornalista tamén percibe que, na breve conversa informal que se produce entre os astronautas e as súas familias, hai algunha frase que non semella ter moito sentido ou que sorprende bastante a algún dos participantes. E o xornalista comeza a sospeitar que pasa algo raro cando vai buscar ao seu colega ao motel no que vive, e aparententemente está desaparecido, e o seu apartamento está ocupado por unha señora que leva tempo vivindo alí, cando el estivo moitas veces alí.

A crise chega ao punto máximo cando a suposta expedición está voltando á terra. Teñen todo preparado para levar aos tres astronautas á zona na que caerá a cápsula que supostamente os traerá dende Marte. Pero algo sucede (agora mesmo non teño claro se é o que sucede realmente coa cápsula ou se tamén está orquestado polos xefes da expedición), e o escudo protector da cápsula cando entran na atmósfera racha e todo arde. Claro, iso significa que os tres astronautas que tiveron durante meses illados no deserto á espera de facelos aparecer de novo, deben morrer, porque senón desvelarían que todo foi un engano.

Nese momento, os tres astronautas fuxen do hangar do deserto no que estaban, burlan aos poucos e tontos vixilantes, e intentar escapar nunha avioneta que os levou ata alí. Pero ao pouco de saír descobren que a avioneta apenas ten combustible e teñen que facer unha aterrizaxe de emerxencia no deserto. Dende alí, saen nas tres direccións diferentes á que traía a avioneta, para ver se algún deles consegue chegar á civilización. Dous deles son apresados polos vehículos que lles perseguen, e supostamente asasinados, aínda que iso non se ve, só se intúe, non hai que ser un lince. Outro deles  está tamén a piques de selo, pero consegue fuxir no último momento. E súbese a unha avioneta fumigadora que contratou o xornalista. Están a piques de ser derrubados polos helicópteros moi hostiles que os perseguen, pero ao final conseguen escapar. Para rematar a película, o único astronauta supervivinte aparece no funeral de Estado no que supostamente están honrando as súas fazañas, co cal todo o engano queda descuberto.

Temática curiosa esta. Naquela década había algúns iluminados dicindo que os estadounidenses non chegaran á Lúa, e esta película aproveitouse dese bulo para ter éxito. Seguramente algún desnortado utiliza esta película como argumento nesa tontería. O director levaba varios anos coa idea na carteira, pero non conseguía apoio para rodala. Pero en canto xurdiu o escándalo do caso Watergate, de súpeto, a todo o mundo lle pareceu unha idea fantástica contar unha historia dun goberno estadounidense que engana aos seus cidadáns. E máis sorprendente é aínda cando ves que a NASA colaborou na rodaxe, cando claramente son os malos da película, os que se inventan todo e minten. Non hai quen os entenda.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...