venres, 30 de agosto de 2024

Viaxes O Lóstregho na provincia de León

A semana pasada Viaxes O Lóstregho estivo explorando en detalle a provincia de León, moi densa e extensa, que dá moito de sí. Hai máis de 20 anos xa o fixéramos, pero non lle dedicáramos o tempo necesario, e quedárannos cousas moi interesantes por ver. Ademais, esta vez viña un expedicionario novo (por partida dobre, viña por primeira vez e ten poucos anos). Estivemos sete días e incluso así nos resultou algo escaso o tempo. Quedaron algunhas cousas relevantes sen ver, pero están cerca de Galicia, así que poderán ser visitadas en viaxes posteriores.

O programa da viaxe por o seguinte:
- 1º día: desprazamento da Coruña a León capital, e pola tarde visita á zona da Terra de Campos e o Páramo, con paradas en lugares como Mansilla das Mulas, Sahagún, Grajal de Campos, Valencia de Don Juan ou La Bañeza
- 2º día: subida aos picos de Europa pasando por San Miguel de la Escalada, Riaño ou Posada de Valdeón, e volvendo por Burón, o pantano do Porma ou Puebla de Lillo.
- 3º día: visita ás covas de Valporquero, volvendo polo pantano de Barrios de Luna.
- 4º día: visita ás comarcas de Luna, Babia, Laciana e Omaña.
- 5º día: exploración detallada da cidade de León
- 6º día: exploración detallada da cidade de Astorga e das vilas do Camiño de Santiago entre Astorga e Ponferrada, como Castrillo dos Polvazares, a Cruz de Ferro en Foncebadón, O Acebo ou Molinaseca.
- 7º día: visita a Ponferrada e As Médulas

Como cousas relevantes que quedaron sen visitar, podemos sinalar A Cabrera, Os Ancares, o Val do Silencio e Vilafranca do Bierzo, por exemplo. Outra vez será.

Saúdos.

Viñetas dende o Atlántico 2024

Este verán xa se celebrou a edición de 2024 do salón coruñés do cómic "Viñetas dende o Atlántico". Foi a primeira edición baixo a dirección de Manel Cráneo. A min transmitíronme boas sensacións algunhas cousas que vin nos días que estiven alí e teño entendido que gustou bastante o estilo que marcou. Así que, xa tranquilos porque se comprobou que podía superarse a marcha de Miguelanxo Prado, augúrase un futuro proveitoso para o salón.

Xa sabedes que non son eu un experto en cómic, e case ningunha das exposicións que puxeron me chamou demasiado a atención. Se queres, mira ti, se cadra a máis emotiva é a da homenaxe dos debuxantes coruñeses a Akira Toriyama, xa que ubicaron a diferentes personaxes dese autor en paisaxes galegas. Pode verse na sala de exposicións de Durán Loriga. Todas as exposicións poden verse ata finais de setembro, agás as que están no Kiosco Alfonso, que estarán ata o final das vacacións de Nadal.

Podo comentar os cómics que merquei na feira (son case as únicas compras deste tipo que fago no ano):
- "Cinza" de Manel Cráneo, versión en banda deseñada de "A nosa cinza", a famosa novela de Xavier Alcalá.
- "Espero chegar em breve" de Nunsky, unha versión en portugués dun relato breve do mítico Philip K. Dick, un dos xenios da ciencia-ficción.
- Tres volumes dunha colección de cómics sobre científicos publicada pola editorial Anillo de Sirio. O guión e debuxos son de Jordi Bayarri (que me dedicou os tres) e a cor é de Dani Seijas. Dos moitos números que teñen, eu collín tres dedicados a mulleres científicas: Marie Curie, Hipatia e Ada Lovelace.

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...