domingo, 3 de xullo de 2022

Outra idea de Galicia

No ano 2020 a Voz de Galicia sacou unha colección de libros de historia que xa comentei aquí non hai moito tempo. Fíxeno porque lin este inverno un dos oito volumes, escrito polo polémico Stanley Payne sobre a historia de España. Estes días lin outro máis desa colección. Todos os que quedan son volumes dobres, sobre a historia de Galicia, España e Europa. Xa chegará a súa quenda.

Agora tocoulle a "Outra idea de Galicia" de Miguel-Anxo Murado, escritor e xornalista por min moi admirado, e ao que xa tiven a ocasión de ver falar en público en varias ocasións. Acabo de ler na Wikipedia que tamén é guionista e que fixo algúns guións de "Mareas vivas" e "Pratos combinados", así que aínda terei que admiralo máis.

"Outra idea de Galicia" non é un libro de historia ao uso, coa típica estrutura lineal cronolóxica, e xa o recoñece o propio autor dende o limiar. Vai tocando temas que el considera importantes, e cada un deles abrangue unha época máis ou menos ampla do país, pero nada impide que se entrecrucen, que un mesmo feito se mencione varias veces dende varias perspectivas diferentes. Dende logo, o autor semella bastante erudito e, como sucede sempre nos seus escritos, a profusión de datos e referencias é imparable.

Por se serve de algo, direi que o índice do libro é o seguinte (polos títulos intúese claramente o tema):
1. O rostro do país
2. A paisaxe inocente
3. Terra sen historia
4. Da galegofobia á galegofilia
5. Netos de Breogán, fillos de Rosalía
6. Nacionalistas
7. Diáspora
8. O mito do atraso.
9. Caciques
10. Lingua de pobres e de poetas
11. A patria dos defuntos

Por se non se percibe ben nestes títulos, para el a paisaxe e a xeografía tiveron moita incidencia na historia. Ademais, por momentos parece que aquí nunca pasou nada porque na historia de España apenas temos peso, pero esa é unha visión moi sesgada. Por outra banda, durante bastante tempo os galegos tivemos moi mala fama en España, e agora sucede máis ben o contrario.

Despois tamén dedica capítulos ao nacionalismo, que en maior ou menor medida haino en todos os países, á lingua, á emigración, ao envellecemento, ao mito do cacique galego e ao eterno atraso, que non sempre foi tal.

Saúdos.



O inimaxinable (The unthinkable)

A outra sorpresa de Rakuten na miña Smart TV foi esta película, que tamén tiña unha bastante boa puntuación na sección de películas de ciencia-ficción.

Esta película sueca foi dirixida en 2018 por Victor Danell, e ningún dos actores me soaba absolutamente de nada, pero é que non sigo o audiovisual sueco, onde seguro que destacan.

A película é bastante curiosa. Como lin nalgunha páxina, sorprenden algúns efectos visuais co moi baixo presuposto que ten, pero sobre todo, sorprende comezando cunha trama dramático-familiar que non ten nada de particular, e no medio, sen avisar, dá un xiro total que descoloca, rematando dun xeito totalmente diferente.

Os personaxes principais son unha familia non moi unida. O pai traballa nunha central eléctrica, a nai marcha ao pouco de comezar a película porque non é doado convivir co pai, e o fillo é bastante tímido e non consegue apenas conectar con ningún dos dous. Faino algo máis coa nai, pero cando ela marcha da casa, a ruptura co pai é total.

A moza do rapaz tamén ten unha familia algo pavera. Vive coa súa nai, que é unha política de moi alto nivel, e a súa vivenda non é moi estable, porque ás veces están en Estocolmo e outras volven ao pobo, e o cambio dun sitio ao outro é imprevisible.

Como é unha película nova, non vou destripar demasiado. Só direi que Suecia comeza a ser atacada por unha potencia allea dun xeito bastante sorprendente, e iso provoca que haxa escenas de pánico en todo o país, e que moitos cidadáns decidan fuxir e intentar protexerse en lugares supostamente máis seguros, como a central eléctrica na que traballa un dos principais protagonistas, pero que obviamente vai ser un branco esencial para os invasores.

Saúdos.



Snowflake

Esta película si que é unha rareza, pero moi peculiar. Direivos como a atopei, pero é do mesmo xeito que a película que vai antes desta, "Unthinkable". Acendín a miña Smart TV, entrei na aplicación de Rakuten, e mirei as películas da sección de ciencia ficción. En xeral, as puntuacións medias son bastante baixas, pero nesta era bastante boa, cerca dun 7, e animeime.

É unha película alemá presentada no 2017, dirixida por uns tal Adolfo Kolmerer e William James. Os actores e actrices, se cadra, son coñecidos alí, por aquí non me soan absolutamente de nada, pero hai un pouco de todo, alemáns, ingleses, turcos, polacos, etc.

A historia non é moi doada de contar, porque é moi enrevesada e delirante. Todo parece partir dun dentista despistado, que ten como afección escribir guións cinematográficos. Nun determinado momento, está escribindo un que lle ten bastante satisfeito, pero resulta que todo o que escribe convértese en realidade, e ese guión cae en mans de dous dos personaxes principais, que obviamente intentan presionarlle para que o final da historia lles guste máis.

Eses dous personaxes son dous asasinos despiadados que están buscando venganza polo incendio da súa casa, no que morreu toda a súa familia. Descubren o guión ao roubar un coche xusto diante dun restaurante onde perpetran unha matanza. E entre os mortos están os pais dunha rapaza, que pasa a perseguilos a eles, e que contrata a todo tipo de asasinos para conseguir matalos. Polo medio aparece un tipo que se cre Deus, un pseudo superheroe que vai salvando vidas de forma algo anárquica, un supremacista que discrimina a todos os que non son brancos e que parece o principal culpable da morte da familia dos dous asasinos iniciais (que son turcos). En definitiva, un embrollo terrible, pero podo asegurarvos que a película é moi entretida e amena.

Por certo, foime imposible atopar un trailer en castelán en Youtube. Pero en Rakuten si que a teñen dobrada.

Saúdos.



Xulio César (Estudio 1)

Xa vos dixen hai pouco, acabo de descubrir que en RTVE Play están tamén subidas todas as obras gravadas ao longo dos anos polo espacio "Estudio 1", así que me esperan moitas horas de diversión. Si, xa sei, esto non é teatro exactamente, pero parécese bastante. Esta obra de teatro de Shakespeare non me soa tela vista representada nunca, e creo que si vin unha adaptación cinematográfica na que Xulio César era interpretado por Marlon Brando. Nesta versión española do ano 1965 ese papel era para Ismael Merlo.

Non hai moito que contar, que a historia é ben coñecida. Pero si me chamou a atención que a morte de Xulio César prodúcese cando vai só a metade da obra, e a segunda parte trata de Marco Antonio convencendo ao populacho da inxustiza desa morte, o mesmo populacho que a animara e aplaudira só unhas horas antes. Pois iso, populacho.

Saúdos.



A miña filla Hildegart

Como xa comentei aquí hai pouco, esta historia sempre me fascinou. Hai pouco cruceime co documental "A virxe roxa" de Marcos Nine, e refrescouse a lembranza. E de forma totalmente sorpresiva para min, un día destes, repasando RTVE Play na miña nova Smart TV, atopei esta película, que polo seu título non podía tratar doutra cousa, e consumina inmediatamente. A historia é bastante máis lineal e comprensible que o documental antes mencionado.

Esta película foi dirixida en 1977 por Fernando Fernán Gómez, con guión de el mesmo e Rafael Azcona (só isto xa resulta moi difícil de igualar no cine español). O papel principal foi para Amparo Soler Leal, que facía da paranoica Aurora, e a continuación estaba Carmen Roldán, que fixo de Hildegart, pero que apenas fixo carreira no cine, polo que parece. O resto de secundarios foron actores pouco coñecidos, agás Manuel Galiana.

Pois non hai moito que contar, porque narra de xeito bastante lineal a historia de Aurora e Hildegart, incluso fai unha breve mención a Pepito Arriola. Insisto, no artigo de "A virxe roxa" xa falei algo da fascinante historia, e anímovos a indagar nela, porque é ben alucinante.

Saúdos.



30 Aniversario da OSG

Hai unhas semanas recibín un aviso urxente dun evento interesante que pasaba na Coruña, incluso non moi lonxe da miña casa, e que ademais era gratuito, así que aproveitei para ir. Resulta que a Orquestra Sinfónica de Galicia cumpría 30 anos, e celebrábaos no Pazo da Ópera (a só 15 minutos da miña casa). Así que tocou a Orquestra, e varias formacións da Xoven, e todos os coros, que son uns cantos. Coa broma, o concerto durou case 3 horas seguidas. E ademais foi moi emotivo, porque case todos os persoeiros que falaron, que dirixen diferentes formación da Orquestra, deixaban o seu cargo despois de moitos anos ao seu servizo, así que se agoira renovación.

O esquema xeral do concerto foi:
- Coro Infantil
- Coro Xoven
- Coro da OSG
- Orquestra Infantil
- Orquestra Xoven
- Orquestra Sinfónica de Galicia

Deixo un vídeo dunha das pezas que tocaron, aínda que no vídeo está a sinfonía completa, e aquel día só tocaron o último movemento.

Saúdos.



A tapadeira

Hai unhas semanas, un domingo pola tarde, botaban unha boa película na 1 e decidín vela. Parece que iso pasa de cando en vez. A película era "A tapadeira", baseada nunha novela de John Grisham, que nos anos 90 pegou varios pelotazos con tramas de tipo xudicial, que debe ser a súa especialidade.

A película foi dirixida en 1993 por Sidney Pollack. No reparto hai bastantes estrelas e secundarios de luxo, como Tom Cruise, Jeanne Tripplehorn, Gene Hackman, Ed Harris, Holly Hunter, Hal Holbrook e David Strathairn, entre outros. Como curiosidade, unha vez máis, a tradución do título ao español. Orixinalmente era "The firm", ou sexa, algo así como "A empresa", pero no mundo hispanofalante decidiron titulala "La tapadera", "Fachada" e "Sin salida". Un tanto delirante, pero como xa pasou máis veces, tampouco apuntan en mala dirección, e son menos ambiguas que a orixinal.

Mitch McDeere é un avogado cun excelente curriculum que está a piques de rematar os seus estudos nunha prestixiosa universidade, así que se pon a buscar traballo nos bufetes máis importantes. Parece que gusta moito o seu historial, pero todo parece indicar que o bufete que fai claramente o maior esforzo por contratalo é un de Memphis. Así que vai para alá coa súa muller, instálanse na luxosa casa que lle dá o bufete, ademais dun moi bo coche e outras cousas. Alucinan bastante.

Pero xa dende o comezo, a cousa vai regular. As xornadas de traballo son tremendas e, ao pouco tempo de comezar, varios compañeiros novos do bufete morren nun estraño accidente nunhas vacacións paradisíacas pagadas polo bufete. De casualidade entérase polo FBI de que o bufete limpa cartos da mafia de Chicago e que se desfai de todos os avogados que o descubren. Pensan na posibilidade de que el descubra o pastel, pero se o fai xa non poderá exercer de novo de avogado e terá que vivir escondido o que lle falta de vida.

Pero tamén de casualidade descubre unha forma de esquivar iso. Entérase de que o bufete, dende hai tempo e a todos os clientes, estalles estafando cobrando de máis horas de traballo. Se consegue demostrar iso, e non é difícil, pode conseguir denuniciar o bufete sen perder a licencia de avogado e sen expoñerse a máis perigo ca ese. Incluso acaba ben coa mafia de Chicago.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...