xoves, 3 de decembro de 2020

Atrapa a un ladrón

Como comentei hai pouco tempo, nas últimas semanas estiveron botando cine clásico moi interesante na 2 os martes pola noite, e durante tres semanas seguidas foron películas de Alfred Hitchcock, con varias aparicións de James Stewart e Grace Kelly (algunha vez xuntos incluso). Esta película é famosa porque durante a rodaxe foi cando Grace Kelly coñeceu en persoa a Rainiero de Mónaco, co que casou pouco tempo despois. E nunha escena vese a curva na que a actriz se matou nun accidente de coche varias décadas máis tarde, todo moi premonitorio.

A trama é curiosa e algo enrevesada, como pasaba sempre con Hitchcock, que non gustaba das historias simples. Cary Grant interpreta a un ladrón de "luva branca" que xa debeu traballar moito, porque está xa retirado e vive nunha mansión na Costa Azul, que non ten fama de ser lugar barato. Pero nesa zona estanse producindo roubos moi similares aos que el facía e, obviamente, por moito que el diga que está retirado, é o principal sospeitoso.

Entón, o ex-ladrón comeza a investigar para intentar saber quen lle está suplantando, e incluso pretende axudar á policía a apresalo. Para iso, entra en contacto cunha familia (nai e filla) que teñen moita pinta de ser os seguintes brancos dese novo ladrón. Dun xeito ou doutro, acaba namorando da filla (Grace Kelly, obviamente). E ao final si atrapa ao ladrón (semi-spoiler), que é un integrante da súa antiga banda.

Saúdos.



A librería



Sigo consumindo bastante cine nestes tempos estraños. De "A librería" oín falar en varias ocasións nos últimos tempos. Por unha banda, da novela de Penélope Fitzgerald oíra falar, pero tampouco demasiado ben. Nalgún caso botábaselle en cara que a novela era algo aburrida e que apenas pasaba nada. E soábame que Isabel Coixet fixera unha versión cinematográfica. E como amante dos libros, deille unha oportunidade. Unha noite proxectábana na 2 con coloquio posterior entre a presentadora, Cayetana Guillén Cuervo, e a propia directora.

E si, a película trata algo de libros, pero dende o meu punto de vista, a trama principal da película é a da loita contra os "caciques" locais, neste caso a aristocracia nun pequeno pobo inglés nos anos 50. Resulta doado poñerse do lado da muller que, con toda a súa boa fe, decide montar unha librería nesa vila, e atopa a oposición da señora que pretende dominar a vida de todos os seus habitantes, simplemente polo placer de facelo.

A historia non é moito máis ca iso, obviamente coas súas ramificacións e personaxes secundarios máis ou menos interesantes. Debedes saber, se non vistes a película, é que os mandóns da vila consideran que o vello caserón no que a muller decide montar a librería non é lugar axeitado para iso, calquera sabe por que. E por esa razón, moven todos os fíos para intentar impedilo. E como non o conseguen, con todo o seu poder e cartos, deciden montar unha librería moito mellor pouco tempo despois, que obviamente arrasa co certo éxito que estaba colleitando esta. Debido a iso, a muller decide pechar a librería e marchar do pobo, triste final pero bastante realista (con sorpresa final que non desvelarei).

Un dos personaxes máis interesantes da película é un señor maior que vive nun caserón, que case non fai vida social e non se relaciona con ninguén, pero que é considerado na vila como un señor de prestixio. Ponse en contacto coa libreira, pedíndolle que lle mande todas as novidades literarias que ela considere. Algún tempo despois invítaa a tomar o té á súa casa, toda a vila acaba enterándose e sorpréndese moito, dándolle moito prestixio á librería.

Hai un par de referencias literarias que poderían ser contemporáneas da historia, pero que polo visto, non coinciden coa novela na que está baseada. En primeiro lugar, ese señor misántropo namórase da obra de Ray Bradbury, autor a quen coñeceu grazas á libreira. E por outra banda, o grande éxito da librería é a venta en masa de "Lolita", de Vladimir Nabokov. Ese escándalo provoca que a aristócrata decida abrir a outra librería para liquidar esta, e acaba conseguíndoo.

Saúdos.

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...