martes, 13 de abril de 2021

Tesis

A verdade é que xa nin a lembraba. Pero o outro día botaban na 2 "Tesis", a primeira película dirixida por Alejandro Amenábar, e decidín vela. Porque lembraba que me gustara moito no seu día. E así foi. Como dicía Eduardo Noriega no coloquio posterior, e estou totalmente de acordo con el, non envelleceu nada mal. Está claro que o detalle tecnolóxico de que na película se estean vendo continuamente cintas de vídeo VHS agora chirría un pouco, pero quitando iso, penso que segue sendo moi visible. É do ano 1996, José Luís Cuerda é un dos produtores e aparece como super-secundario en varias escenas. E todo o protagonismo é para Ana Torrent, Fele Martínez e Eduardo Noriega, aínda que Xabier Elorriaga tamén ten un papel destacado na historia.

Por se non a vistes, Ángela (Ana Torrent) é unha estudante de Ciencias da Comunicación que está facendo unha tese sobre a violencia audiovisual e as súas razóns e motivacións. O seu director de tese intenta conseguirlle un material sobre o tema na facultade, e non se sabe moi ben como, consegue un de primeira calidade, tanta, que morre dun infarto mentres o visualiza. E ela consegue ese material case de casualidade.

Contacta con Chema (Fele Martínez), que é coñecido na facultade como un friki ao que lle interesan moito ese tipo de cousas. Amósalle a cinta que provocou a morte do seu director de tese, e descubren que é unha "snuff movie", unha película onde se amosan asasinatos e asaltos reais, e que son moi valoradas no submundo que poboan os trastornados que buscan ese tipo de material.

Xuntos, por varios indicios, comezan a sospeitar que Bosco (Eduardo Noriega) está implicado no asasinato da moza que aparece na cinta, que desapareceu hai uns anos, e que era alumna desa mesma facultade.

Un ritmo trepidante lévanos cara ao final cuns xiros de guión e sorpresas bastante interesantes para ser unha película española de 1996 dirixida por un rapaz de vintepoucos anos, que aínda non rematar a carreira. Se non a vistes aínda, non a perdades. Isto serviume para lembrar que Alejandro Amenábar é un dos personaxes máis interesantes das últimas décadas do cine español, con diferenza.

Saúdos.





Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...