martes, 18 de agosto de 2026

O caso Asunta

Estiven buscando nas diferentes plataformas algunhas miniseries (é o único formato de serie que soporto ultimamente) e atopei esta. Nunca foi un tema que me interesase demasiado, se cadra polo morbo ao seu arredor. Teño moi claro que en Santiago de Compostela foi unha auténtica conmoción. Ademais, teño entendido que a de Compostela é en certa medida unha sociedade bastante clasista, e Rosario Porto formaba parte da clase máis alta, e iso tamén debeu facer que a reacción da xente fora tan furibunda contra ela. E parece que Alfonso Basterra só podía ter o nivel de vida que desexaba se seguía coa súa muller, así que a cousa se complicaba. Buf, moitas variables xuntas e todas moi chungas.

"O caso Asunta" foi dirixida en 2024 con Carlos Sedes e Jacobo Martínez. No elenco destacan Candela Peña, Tristán Ulloa, Javier Gutiérrez, María León, Carlos Blanco, Francesc Orella, Ricardo de Barreiro e Iris Wu. Chamoume a atención que agás os tres protagonistas principais, pais e nena, todos os demais teñen nomes de ficción. Especialmente chamativa é a imaxe que presentar do xuíz, que na realidade foi Xosé Antonio Vázquez Taín, xuíz estrela e moi mediático, que non sae moi ben parado, e ao que non lle gustou nada a serie, polo visto. Unha das cousas que se insinúa del e que facía filtracións aos medios de comunicación, sobre todo apoiar as súas teses na instrución, e parece que é bastante habitual nel, aínda que non lle guste aceptalo.

Non penso que faga falta contar demasiado da historia, é bastante coñecida. Aínda que xa dixen que non puxera eu demasiado interese, obviamente nesta ocasión entereime de moitas cousas que descoñecía. Durante toda a miniserie (e na realidade semella que foi exactamente igual), todos os indicios apuntaban claramente a Rosario Porto, a nai, que semellaba unha persoa desequilibrada mentalmente e que era incapaz de levar unha casa e unha familia. E co pai nada está claro, porque semella esconder e calar moitas cousas, e que a relación coa nena e coa nai era moi peculiar, xa que uns meses antes descubriu a aventura da súa muller con outro home ao espiarlle o correo electrónico. E parece haber probas claras de que levaba uns meses dopando con pastillas á súa filla. Na serie tamén se insinúa que para os dous pais, pero especialmente para a nai, xa resultaba moi complicado soportar os caprichos da filla pre-adolescente, e que o "capricho" de ter unha filla xa fora saciado e xa lles sobraba.

Saúdos.



O conde de Montecristo

Versións audiovisuais de "O conde de Montecristo" hai moitísimas, está baseada nunha novela de máis de 1000 páxinas de Alexandre Dumas que dá moito xogo, polo visto. Atopei en RTVE Play unha miniserie de 8 capítulos e boteille o dente. En múltiples ocasións vira algunha destas obras ao comezo ou polo medio, pero nunca puidera vela completa, e tíñalle moitas ganas, porque tiña pintaza de ser unha historia moi interesante. E así foi.

"O conde de Montecristo" é unha miniserie de 8 capítulos de 2024 dirixida por Bille August. O papel central é para Sam Claflin, ao que eu non coñecía de nada. O único actor coñecido (para min) é Jeremy Irons, que fai do Abate Faría, personaxe esencial pero que só aparece no segundo capítulo. O resto do elenco nos seus papeis máis importantes está formado por Mikkel Boe Følsgaard, Ana Girardot, Blake Ritson, Karla-Simone Spence, Lino Guanciale, Michele Riondino, Gabriella Pession, Harry Taurasi, Poppy Corby-Tuech, Nicolas Maupas, Amaryllis August, Jason Barnett, Nicholas Farrell e John Ioannou, Foi unha produción franco-italiana.

Supoño que xa coñecedes bastante a historia, así que non me vou extender demasiado. Edmundo Dantés é un xoven mariño marsellés que cae en desgraza a comezos do século XIX. Fai un magnífico traballo salvando ao seu barco de naufragar e por esa razón o capitán o nomea o seu sucesor, xa que o capitán morre na travesía que os trae dende Exipto. Iso non lle fai ningunha graza a Danglars, un tipo encargado da carga do buque, que creía ter méritos para ser o novo capitán. Ademais, Fernando, un catalán amigo de Mercedes, a moza de Edmundo (Mercedes tamén é catalá), tiña xa intención de casar con ela porque deran por mortos a Edmundo e toda a súa tripulación, así que a súa volta tampouco lle gusta demasiado. Escriben unha carta anónima acusando a Edmundo de ser correo de bonapartistas. E por se non chegara con todo iso, cando é detido para corroborar a acusación, o xefe de policía, Villefort, descubre que o bonapartista de París que era correo de Napoleón é o seu propio pai, do que está separado por razóns políticas.

Entre os tres entón dase unha conspiración pola cal Edmundo remata cautivo no Castelo de If, unha fortaleza inexpugnable na costa de Marsella, na que pasa uns quince anos. Ao pouco tempo de estar alí, dinlle á familia que se suicidou na súa cela, así que todos xa o dan por morto. Durante a súa última fase alí coñece ao seu compañeiro que está na cela adxacente, o Abate Faría, un tipo moi sabio que lle transmite moitos coñecementos, e xuntos cavan un túnel para fuxir. Aínda que o traballo avanza bastante ben, ao final consegue fuxir dun xeito bastante peculiar e circunstancial, que non vou revelar aquí, por se alguén aínda non coñece a historia.

Ao fuxir, fai amizade en Marsella cun mariñeiro italiano, Jacobo, que estará con el nos anos seguintes. Unha das cousas que lle ensinou o Abate Faría no castelo foi un mapa dun suposto tesouro que se atopaba na illa de Montecristo, na cercana costa italiana. Efectivamente, atópao e a partires dese intre, pode vivir cun nivel de vida elevadísimo. E dedica todo o seu tempo e esforzo en afundir aos seus tres inimigos. Non en matalos, senón en provocar a súa caída ou cadea, xa que os tres se trasladaron a París e disfrutan de grandes posicións. Finalmente Mercedes e Fernando casaron.

Polo que acabo de ler, hai algunhas sutiles diferencias entre esta miniserie e a novela orixinal, pero non teñen unha grande relevancia na historia.

Saúdos.



O león en inverno

O outro día púxenme a buscar algunha película interesante en Netflix (normalmente non hai demasiadas) e atopei unha de cine histórico que non pega nada co catálogo desa plataforma. O título soábame bastante pero creo que non a vira nunca. Despois do visionado, creo que podo aseguralo. E resultou moi interesante, e aínda o é máis investigar sobre o contexto histórico real no que está ambientada. O "león" do título parece ser o rei Enrique II (que era todo un personaxe) e está ambientada no inverno, concretamente no Nadal, aínda que non me pareceu ver neve en ningures, e seguramente tería lóxica que aparecera, pero vaia, é un detalle irrelevante.

"O león en inverno" foi dirixida en 1968 por un tal Anthony Harvey, do que nunca oíra falar. Os papeis principais do elenco son sete, o resto de personaxes son totalmente secundarios e apenas aparecen. Foron interpretados por Peter O'Toole, Katharine Hepburn, Anthony Hopkins, Timothy Dalton, Nigel Terry, John Castle e Jane Merrow.

O rei de Inglaterra, Enrique II, convoca en Chinon (un castelo francés) no Nadal de 1183 á súa Corte para decidir a cal dos seus fillos lle deixará o trono, porque xa se vai facendo algo maior, ten uns 50 anos. Hai algunha mención ao Rei Lear porque é unha historia tradicional británica, aínda faltaban varios séculos para que Shakespeare escribira unha famosa obra de teatro sobre o tema. Agora ben, como é relativamente doado, podemos indicar perfectamente quen era toda a Corte que estaba convocada, porque a película está baseada nunha obra de teatro de James Goldman (que tamén fixo o guión), e ten toda a pinta de ser unha obra de teatro:

- Enrique II: o ambicioso e enérxico rei, que meteu na cadea á súa ambiciosa e astuta esposa, vive coa súa amante Alois, que é unha das moitas que tivo, e que ten como fillo favorito a Xoán, o pequeno que vive con el e que debe andar polos 18 anos.

- Leonor de Aquitania: a esposa de Enrique II, que leva uns dez anos no cárcere por decisión do seu esposo, e á que só deixan saír en ocasións especiais coma esta. Parece odiar a Enrique pero aínda amalo por momentos, o seu fillo favorito é Ricardo, o maior.

- Ricardo: o maior dos fillos varóns que lle quedan a Enrique II (parece que tivo varios antes, pero xa non viven), foi despois coñecido como Ricardo Corazón de León. Enrique tamén recoñece que é o mellor dotado para ser rei, pero teme moito a súa ambición. Nalgún momento insinúase que puido ser homosexual, pero parece que non hai ningunha evidencia histórica de que fora así.

- Godofredo: despois coñecido como Godofredo II de Bretaña. Como vedes, nin o pai nin a nai se decantan por el, sempre é o esquecido. Na película preséntano como un tipo calculador e moi falso.

- Xoán: despois coñecido como Xoán Sen Terra (este e Ricardo deberían soarvos da historia de Robin Hood, personaxe de ficción). Era ambicioso e quería ser o sucesor do seu pai, pero parece que tiña moi poucas luces, seguramente por iso Enrique o prefería.

- Filipe II de Francia: Foi tamén convidado a esta Corte en Chinon, porque estaba cerca e porque varios dos asuntos lle tocaban moi de cerca. Para comezar, a amante de Enrique II e probablemente futura raíña de Inglaterra era a súa irmá Alois. Por outra banda, nalgún momento insinúase que puido ter unha relación sentimental con Ricardo. Tamén estaba en xogo un tratado cos ingleses polo que estaba en xogo a propiedade dunha vila importante.

- Alois: amante de Enrique II, irmán de Filipe de Francia, e ofrecida como esposa a Ricardo e Xoán se acaban sendo designados como sucesores de Enrique II (aínda que ía seguir sendo a amante de Enrique). Na película está a piques de ser casada con Ricardo, xa están diante do cura e todo.

E despois de todo este lío, e pasar varios días negociando e conspirando todos contra todos, o pai meter na cadea aos fillos, e estar estes a piques de matalo, a cousa remata marchando cada un para a súa casa sen resolver nada. As familias reais están cheas de vagos.

Saúdos.



Agatha e a maldición de Ishtar

Hai uns días estaba buscando algunha película breve (por falta de tempo) para ver a última hora da noite, non tiña demasiado tempo para deci...