venres, 12 de xullo de 2024

O cortador de céspede

Unha das primeiras películas que descubrín que estaban completas en Youtube non e nin moito menos un clásico, pero si lembraba tela visto e facíame ilusión vela de novo, a ver que tal envelleceu. Na primeira metade dos anos 90 eu estudei Informática na Universidade da Coruña. Naquel momento (de Internet aínda non oíramos falar, creo, pero estaba a piques de aparecer) comezaba a falarse da Realidade Virtual, e fixeron esta película. Fun cuns cantos de clase a vela, e xuraría que saímos bastante decepcionados, porque nos parecía bastante fantasiosa, aspecto máis ou menos previsible cando o cine pretende falar de tecnoloxías avanzadas. Vina o outro día e penso que non envelleceu demasiado mal, pero aínda así gran cousa non é. Por certo, en Hispanoamérica a tradución foi "o home do xardín", que tampouco é incorrecto de todo, pero vaia, a tradución é literal. A historia está baseada nun relato de Stephen King, pero parece que se tomaron moitas liberdades e el decidiu desvincularse totalmente do proxecto (iso xa lle pasou máis veces).

"O cortador de céspede" foi dirixida en 1992 por un tal Brett Leonard (non semella ter unha traxectoria moi destacada) e o protagonismo principal e case total é para Jeff Fahey e Pierce Brosnan.

O doutor Lawrence Angelo está traballando nun experimento co que a realidade virtual está mellorando de forma moi considerable as capacidades intelectuais duns monos. Faino coa axuda dunha críptica e opaca organización militar que parece perseguir a invención dunha nova arma invencible. 

O proxecto cancélase por un accidente que lle fai perder aos monos, e ao doutor ocórreselle que podía experimentar con persoas. Crúzase cun rapaz bastante "curtiño" que corta o céspede no seu vecindario e ofrécelle vir á súa casa para xogar a videoxogos cun rapaz dalí que tamén é amigo seu. E vai vendo que o xardineiro vai mellorando moitísimo ás súas capacidades segundo usa a realidade virtual.

Ao final todo vaise das súas mans, e o propio rapaz, que xa é totalmente independente, cólase nas instalación desa institución, e prosegue mellorando sen que o saiban os demais. A cousa acaba fatal, con explosións e cousas así, e o personaxe principal fuxindo. Se non me equivoco, houbo como mínimo unha secuela, pero xa non teño maior interese no tema.

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...