venres, 29 de xullo de 2022

Sherlock

Como xa dixen hai pouco, cando inaugurei esta sección, non me gustan demasiado as series, e as poucas que vexo completas, teñen que ser moi breves para que eu me anime. Ese deporte nacional de pasarse días ou fins de semana completos vendo series enteiras non é o meu estilo. Hai pouco vin "Unha confesión" na EITB, porque eran só 6 capítulos de 45 minutos, e onte rematei de ver "Sherlock", que son 13 capítulos de 90 minutos, e debín comezar hai uns 6 meses, facilmente. Como curiosidade, Martin Freeman está nas dúas.

Pois esta "Sherlock" é unha curiosa actualización do personaxe ao século XXI, agás un capítulo que fixeron entre a terceira e cuarta tempada, que si estaba ambientado no Londres de finais do século XIX, como o personaxe orixinal. 

Está claro que unha boa parte da potencia da serie está na grandiosidade e o poder de atracción do personaxe creado por Arthur Conan Doyle. Eu xa comecei a sentila hai uns 40 anos, cando chegou á miña casa o número 2 dunha colección de libros de misterio publicados por Bruguera en 1981. Titulábase "As aventuras de Sherlock Holmes" e, se non me trabuco, é o primeiro dos libros de relatos sobre este personaxe, con 12 contos. Finalmente Conan Doyle acabou publicando 4 novelas e 56 relatos diferentes.

A serie ten catro tempadas e algún agasallo intermedio. As tempadas foron nos anos 2010, 2012, 2014 e 2017, e cada unha tivo só tres capítulos. No ano 2016 sacaron un capítulo especial de Nadal, que foi o único ambientado na época orixinal da historia. Ou sexa, un total de 13 capítulos.

Na miña opinión, as interpretacións son soberbias (se non fora así, seguramente non a remataría de ver, claro). Está de máis dicir que Benedict Cumberbatch, o actor que dá vida a Sherlock Holmes, faino excepcionalmente ben. Xa o vin en "Descifrando enigma" facendo de Alan Turing e nalgunha de Star Trek, e sigo pensando que é unha das superestrelas actuais (e futuras) do mundo audiovisual. Martin Freeman tamén está moi ben facendo do doutor John Watson. E o resto de secundarios tamén están moi ben, resúltame moi complicado atoparlle un punto feble á serie, aínda que supoño que algún terá.

Saúdos.



1888. A señorita Xulia

Hai uns anos Iria Ares e Xoán Carlos Mexuto montaron unha compañía teatral chamada "Clásicos nunha hora", que pretendía ofrecer versións curtas (de aproximadamente unha hora de duración) de obras clásicas de teatro de duración moito máis longa, supoño que para facelas máis dixeribles polo estresado e sempre ocupado público actual.

Eles dous sós comezaron facendo "1879. Casa de bonecas" de Ibsen, e acadaron un certo éxito. Un pouco máis adiante pediron a colaboración de varios actores e actrices e montaron unha versíon curta tamén de "Macbeth", coa que acadaron aínda máis éxito. Supoño que parte do éxito veu por ser a obra bastante máis famosa que a anterior, chegaron a representala en teatros máis grandes, mentres que a primeira moveuse por escenarios algo máis modestos.

E agora chegan con "1888. A señorita Xulia" de August Strindberg. Polo visto, é unha das obras de teatro máis polémicas da historia, pola forza dos personaxes e a historia que conta. Onte representárona no Ágora, no barrio coruñés da Agra de Orzán, que é onde eles viven. E comentaron na presentación que levaban xa varios meses representándoa en Madrid, primeiro en teatros pequenos e agora xa en teatros máis grandes. Ademais, supoño que debido a historias coma esta, os críticos non son capaces de saber se Strindberg era machista, feminista ou todo o contrario.

A historia basicamente consiste en que nos atopamos na mansión dun conde, que saíu durante unhas horas ou días para facer unha xestión, durante a noite de San Xoán. Aproveitando ese momento, a súa filla, a señorita Xulia, que semella ter unha moral bastante disipada, organiza unha festa con todos os criados, na que se incita á celebración e o desenfreno.

Nesa festa líase con Xoán, un dos criados, que é bastante ambicioso. Ten un plan para fuxir dalí con ela, irse a Suiza, e montar un hotel. Pero ela ten moitas dúbidas. O dilema moral principal suponse que é que ela é de clase social superior pero el é capaz de dominala por ter o típico determinismo masculino.

A min fíxoseme un pouco longa de máis. A historia está ben, pero ao final, o texto dá moitas voltas sobre si mesmo e resúltame algo circular. Non teño nin idea de cal é a duración desta montaxe "en condicións normais", pero semella que a compañía que comezou resumindo obras clásicas longas en 60 minutos xa deixou esa filosofía, porque esta obra dura 90 minutos e, na miña humilde opinión, podía representarse en menos tempo sen perder a esencia da historia. Pero vaia, esa é a miña opinión.

Saúdos.





Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...