luns, 3 de xaneiro de 2022

Piratas do Caribe: en mareas misteriosas

E o que dicíamos. Nuns 370 días conseguín ver as cinco partes da saga de Piratas do Caribe. A última que vin foi a cuarta da saga, da que vou falar agora. Como conclusión, diría que xa me está resultando algo ou bastante cansina, e que as escenas circenses e moi simpáticas que me chamaron a atención das dúas primeiras películas xa case desapareceron por completo. Así que, saga rematada, e deixala ir.

Hai que recoñecer que nesta cuarta é na que están presentes menos estrelas do elenco: só quedan Johnny Depp e Geoffrey Rush. Foi dirixida en 2011 por Rob Marshall. As principais novidades foron Penélope Cruz e Ian McShane.

Xa no final da terceira se anunciaba de que ía tratar esta cuarta. Moita xente quería chegar á Fonte da Eterna Xuventude. E Jack Sparrow tiña o mapa para chegar alí. Pero para conseguir facelo, non lle queda máis remedio que aliarse con Angélica Teach, e co seu pai, o temible pirata Barbanegra.

Para chegar alí, teñen que pasar por un lugar onde están as temibles sereas (casualmente, lanzan coas mans redes como fai Spiderman coas teas de araña). Pero hai unha delas que é boa e namora dun xoven misioneiro que vai no barco. Para poder facer uso da famosa fonte, deben conseguir unha bágoa de serea, e teñen que botar a auga da fonte e a bágoa en dous cálices que están nun antigo galeón español que quedou alí varado hai varios séculos.

Por suposto, conseguen todo iso, pero chegan ao mesmo tempo que Barbossa, e tamén que un pequeno continxente de españois, que destrúen a Fonte (ou iso cren) porque non respecta a súa relixión. Toda esta historia teoricamente era para que Barbanegra puidera recuperar parte da súa vida, porque xa vai algo vello, pero ao final as cousas non lle saen tan ben.

O que dicíamos, as historias cada vez máis embrolladas e retorcidas. Están estirando o chicle máis de recomendable. Estas películas son moi caras pero parece que tamén garantizan moita taquilla.

Saúdos.



Piratas do Caribe: na fin do mundo

É curioso. Hai pouco máis dun ano dicía aquí que tiña interese por ver algunha das películas desta saga, que son cinco, e nese prazo conseguín velas todas. Deben programalas bastante na televisión. Esta da que vou falar agora é a terceira da saga, pero a cuarta que eu vin.

Foi dirixida en 2007 por Gore Verbinski (a última que el fixo) e no elenco estaban os clásicos Johnny Depp, Orlando Bloom, Keira Knightley e Geoffrey Rush, ademais dunha extensa nómina de secundarios. Os engadidos máis exóticos poden ser Chow Yun-Fat e Keith Richards, o guitarrista dos Rolling Stones, que nun brevísimo papel fai de pai de Jack Sparrow (nunha das seguintes películas da saga Paul McCartney fai do seu tío).

A historia xa comeza a converterse nun lío incomprensible. Están os ingleses, como sempre, que perden ao final aínda que semella que van ganar. Está o barco pantasma de Davy Jones, onde está, por exemplo, o pai de Will Turner. Ao final desta película matan a Will Turner e ocupa o lugar de Davy Jones. O máis exótico é que ao principio se enfrontan a un pirata oriental, Sao Feng, que despois pasa a ser o seu aliado.

Teñen que xuntar á Irmandade dos Piratas, e xuntarse alí os nove xefes, para decidir o que van facer. E deciden liberar a Calipso (que era Tía Dalma) da súa forma humana, pero iso a converte nun ser xigante e finalmente nunha treboada e nun maelstrom. En definitiva, un terrible embrollo de historia que xa resulta algo difícil de entender a estas alturas.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...