venres, 8 de decembro de 2023

Duelo ao sol

Hai unhas semanas botaron no espazo de cine clásico da 2 unha película mítica, "Duelo ao sol", que eu aínda non vira, polo menos completa. É moi coñecida a escena final, na que dous dos protagonistas se bican no mesmo momento no que están morrendo. Foi unha película moi controvertida, chegou a ter 6 ou 7 directores diferentes, un deles incluso o mesmo produtor, David Selznick, que puxo como actriz principal á súa amante da época, Jennifer Jones, e coa que intentaba superar o grande éxito de "Foise co vento", cousa que non era doada, obviamente.

Foi dirixida en 1946 por King Vidor (suponse que foi o que máis peso tivo ou a rematou), Otto Brower, William Dieterle, Sidney Franklin, William Cameron Menzies, David O. Selznick e Josef von Sternberg.  No elenco destacan Jennifer Jones, Joseph Cotten, Gregory Peck e Lionel Barrymore, que están acompañados por Walter Huston, Lillian Gish, Harry Carrey, Charles Bickford, Herbert Marshall e Otto Kruger.

A historia non é moi complicada. Perla Chávez é unha rapaza que é filla dun branco e dunha mestiza, e o pai mata á súa nai nun arrebato de ciumes, e é aforcado por esa razón. Xusto antes de morrer, o pai de Perla decide mandala xunto a unha antiga amiga (ou amante, xa non lembro), chamada Laura Belle, que é unha persoa moi amable. O malo é que vive nun rancho en Texas co seu marido, un estrito senador, e cos seus dous fillos: Jesse, moi amable, e Lewton, unha mala pécora (a única vez que Gregory Peck representou un papel de mala persoa). A partir de aí é un melodrama por ver cal dos dous irmáns leva o amor de Perla, que tampouco semella decidirse demasiado.

Pois o que dicíamos. David Selznick debeuse forrar con "Foise co vento" e pensou que a xogada podía repetirse, pero que aínda que tivo bastante éxito, obviamente non chegou ao nivel da outra película.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...